0 Gardados para despois

Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de abril

Diego GiráldezDiego Giráldez | @diegogiraldez


Abril

 

Semana 1

Feijóo queda por nós

Núñez Feijóo anunciaba, tropezando entre saloucos, que quedaba aquí, entre nós. Que volvería ser de novo candidato á presidencia da Xunta porque sufre un exceso de frenesí por este país. Autonomía. Faino por Galicia, pola súa avoa de Os Peares, por Fraga e por Fernández Albor. El non cambia Galicia por un Zara.  Porque “Galicia paga a pena e podemos gañar”, dixo. Sempre nos quedará a dúbida: entón se o PP perdese, Galicia seguiría pagando tanto a pena para eles? Entón, se perden, Zara que?

Os papeis de Panamá

Esta semana saían á luz os nomes de personaxes influíntes de medio mundo que tiñan empresas offshore constituídas en Panamá. En Panamá podería asumir calquera tipo de paraíso menos o fiscal. Unha xungla fresca. En España si. Un paraíso fiscal en Marina d´Or, por exemplo. Todos alí: Almodóvar, Bertín, o ministro Soria, Imanol, a muller de Felipe e Pilar de Borbón celebrando unha noite húmida cos seus respectivos asesores fiscais. E brindando porque saben que o mellor xeito de rematar cun paraíso fiscal é que os bancos busquen outro ás presas.

Quedar aquí

Saía de casa fumando dunha calada un día moi parecido á primavera cando, de súpeto, tropezaba na rúa con Chus Lampreave envolvida nun mandil de margaridas. Ela reveloume que a Lampreave de verdade decidira quedarse.

Semana 2

Mario

Mario Conde pasou tempo da súa infancia xogando na Corredera, de Tui. Había tudenses que, na época dourada do banqueiro, presumían de terlle prestado a bicicleta. A primeira vez que entrou no cárcere, eses mesmos paisanos denunciaban en público que Mario, de neno, acostumaba a quitarlles a bicicleta á forza. Mario sempre viviu nun estatus social creado por el mesmo. É feliz así. O único malo é entrar de novo no cárcere pensando, indignado, en “a ver por que” el non está nos papeis de Panamá. “Que fixo el” para que ninguén lle dese un toque.

Multa a Aznar

Os expresidentes do Goberno son eternas voces en off. Comentan a actualidade como subidos nunha cadeira dun árbitro de tenis. Dende aí. Con todo, ás veces son eles os que a protagonizan. Esta semana sabíase que Facenda metíalle a José María Aznar unha multa por usar unha sociedade para aforrar impostos. Aznar, de usar sociedades sabe bastante. Sobre todo se a ten baixo o xugo dunha maioría absoluta.

Semana 3

Recortes para a eternidade

A Fiscalía de Compostela acusaba á Xunta de homicidio por adiar fármacos contra a hepatite C alegando “cuestións orzamentarias”. É sabido que a crise non só serviu para facer á xente máis pobre, para provocarlle a sensación de que ten mala sorte e, deste xeito, obrigala a vivir na anguria constante; tamén serviu para converter a cor en branco e negro, para que o goberno puxese as cousas como sempre quixo telas e, tamén, para que a cidadanía agonice. O peor desta tristura é ter que soportar como un presidente da Xunta busca escusas para salvar a súa imaxe cando a de “dous ou tres pacientes” xa está deteriorada baixo terra. Recortes para toda a eternidade.

Hernando, o ilustrado

A finais desta semana, Rafael Hernando, portavoz do PP no Congreso, entendía que era “miserable” solicitar unha comisión de investigación sobre “Angruás”. Así, como en francés. Días despois o seu partido -e o PSOE- impedirían definitivamente a creación da comisión para esclarecer os feitos. Hernando prostitúe a toponimia igual que a dignidade das vítimas daquel Alvia.

Semana 4

Campaña electoral

Todo apunta a que ninguén pagará a derradeira rolda. Que os vasos quedarán sobre a barra e as cascas dos cacahuetes bordando os cinceiros. E o camareiro, antes de baixar a verxa, botará serraduras sobre as manchas que, no chan, foi deixando a incompetencia. O Rei pedíalle aos voceiros dos partidos que reduzan os gastos de campaña. Esta campaña sería mellor ignorala: todos e todas coñecemos xa o que pensan, os seus eslogans baleiros e sintonías distorsionadas. Ter que pagar unha campaña de mentira é máis frustrante que saber que non vai valer para nada. “Votar de novo?”, preguntáballe un descoñecido a outro no asento do autobús coa sensación de que estes “últimos catro anos” pasáronlle voando.

O día que Cebrián…

En novembro de 2012,  cando Cebrián botou a unha manchea de profesionais da redacción de El País Galicia, déuseme por definilo nun artigo como “letrateniente irracional”. Esta semana, que despedía da súa cadena de radio ao director do diario que o vinculara cos papeis de Panamá; que prohibía aos tertulianos de Prisa pisar La Sexta, confirmo que non lle faría ningún cambio a aquela definición agás, quizais, arrimarlle un engadido:  “letrateniente irracional e desolador”.

Aquí está maio

Hai que desmentir dunha vez que maio é tan só o mes das flores. A min as flores que me gustan son as que, ao exprimilas, dan licor; o resto é natureza de ocasión. En maio agroman máis cousas: a roupa de entretempo, as hamacas nos xardíns, as empresas que limpan piscinas, un grupo de cans marelos meneando a cola. Aínda que caia chuvia de purpurina, co espírito de Prince en contra, dictamine o que dictamine o Rei, maio está pensado para ir a Cans.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.