0 Gardados para despois

Os irmandiños toman Vimianzo

Redacción | @prazapublica

A pasada noite os irmandiños acadaron o seu principal obxectivo militar no Val de Soneira coa toma do castelo de Vimianzo. E xa van 21 anos de Asalto ao Castelo, a festa que rememora dun xeito festivo a revolta social do pobo sobre os señores feudais que se desenvolveu entre 1467 e 1469.

A festa do Asalto ao Castelo comezou a celebrarse en 1996 e desde entón non para de medrar e aumentar o seu atractivo, ata ocupar preto dunha semana de actos con feira artesanal, baile galego, concurso de fachadas adornadas, obradoiros de todo tipo ou visitas teatralizadas. Unha festa que conta coa colaboración de Praza Pública e que acadou o seu culmen onte pola noite coa toma simbólica da fortaleza e cos concertos de Sés e Celtas Cortos.

O Asalto ao Castelo culmina unha semana de celebracións e revoltas festivas que na noite deste sábado contaron coas actuacións de Sés e Celtas Cortos

Pero este domingo aínda hai tempo para desfrutar das mostras paralelas e da gastronomía da vila, cos seus pinchos irmandiños, feitos con produtos da época, isto é, sen as novidades gastronómicas que supuxo a chegada dos europeos a América. Ademais, o castelo verá ampliado o horario de visitas durante todo o verán, segundo vén de informar a Deputación da Coruña, con entrada libre de martes a domingo de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.30 horas, e visitas teatralizadas os domingos de xullo e agosto ás 13.00 e 17.00 horas. “Os motivos para a revolta son moitos”, lembran os organizadores da festa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.