E logo os de Porto e os de Lisboa non se entenden?

As chapas de Susana Catarino © Speak Porto

bufar/soprar, garoto/pingo, fino/imperial, á minha beira/a pé de mim, repas/franja, sapatilhas/ténis... Son algunhas das diferenzas entre o xeito de falar dos tripeiros (os habitantes do Porto) e os alfacinhas (os lisboetas). Non é que sexan dous idiomas distintos, nin sequera dous dialectos, pero si hai palabras que ao habitantes dunha cidade lle soan estrañas cando se atopan na outra grande urbe portuguesa, e viceversa. É o caso da deseñadora Susana Catarino, que hai vinte anos se mudou de Cascais para o Porto, e de inmediato ficou sorprendida polas diferenzas. 

É por iso que agora decidiu elaborar unha liña de produtos (os primeiros foron as chapas, pero virán máis), chamados Speak Porto, que refliten eses pares de palabras que mudan radicalmente dunha cidade á outra. Como escribe na súa web a deseñadora: "por brincadeira digo que já tenho dupla nacionalidade e que falo duas línguas, mas se me perguntarem, digo sempre, eu não sou de cá", mais engade "Se calhar já sou mais de cá do que de lá, mas teimo em não ser. Nunca peço uma nata, nem um bolinho de bacalhau, continuo fiel aos meus ténis, embora já me tenham explicado que isso é um desporto, a franja não são repas".

Decidiu elaborar unha liña de produtos (os primeiros foron as chapas, pero virán máis), chamados Speak Porto, que refliten eses pares de palabras que mudan radicalmente dunha cidade á outra

En calquera caso, son esas diferenzas, que Catarino toma máis como algo divertido ou unha boa forma de iniciar unha conversa, o que lle dá pé a iniciar esta colección "para os de cá e os de lá, para todos que acham piada a palavras diferentes para dizer a mesma coisa. Eu continuo a dizer as coisas à minha maneira, mas isso sou eu".

Os pins ou chapas pódense encargar a través da súa web. E se cadra cómpre facelo xa, pois os produtos de Speak Porto fixéronse moi populares nas últimas semanas, nas que Susana Catarino foi entrevistada en varios xornais e mesmo no coñecido programa da RTP Praça da Alegria

As chapas de Susana Catarino © Speak Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.