Dama Alaricana, unha cervexa artesanal 'made in Galicia'

Unha botella da cervexa Dama Alaricana © Dama Alaricana

Unha cervexa galega, feita en Galicia e etiquetada en galego. O pasado venres presentouse publicamente na praza de Abastos de Allariz este produto elaborado na Portela de Airavella, no concello ourensán.

É unha cervexa de produción artesanal e que leva por nome Dama Alaricana, na honra do lugar de onde procede, xa que aínda que importa cebada de malta de Alemaña e lúpulo dos Estados Unidos, Alemaña e Inglaterra, emprega a auga que chega dos montes da Portela de Airavella. Darío Conde é o empresario que se lanzou a unha aventura coa que pretende ofrecer “un produto natural e de calidade” empregando o líquido que xa se emprega para a fabricación do coiro, cando esa pequena zona de Allariz se dedicaba á fabricación dos curtidos.

Importa cebada de malta e lúpulo pero emprega a agua que chega dos montes da Portela de Airavella

Dama Alaricana é unha cervexa de alta fermentación, que polo momento, venderase en Allariz e en Ourense capital, aínda que tamén está pensado que se distribúa nalgúns bares de Xinzo de Limia. Co paso do tempo non se descarta que o produto supere as fronteiras da provincia ourensá, aínda que os seus promotores xa aclaran que apostan máis pola calidade que pola cantidade. A produción media mensual será de 4.000 botellas de 33 centilitros.

Esta microcervexaría comezou a agromar cando o seu creador, Darío Conde, empezou a elaborar a bebida na casa tras aprender a produción artesanal da cervexa nunha reportaxe televisiva. Mercou a máquina necesaria e, tras fabricala para consumo propio, optou por converter o que era unha afección nun negocio a pequena escala que agora comeza a súa andaina. O baixo da súa é a pequena fábrica.

Os que puideron probala falan dunha cervexa de sabor suave e refolgos afroitados, de cor torrada e alma queimada. Disque é ideal para acompañar un queixo potente e perfecta para beber ben fría.

Unha botella da cervexa Dama Alaricana © Dama Alaricana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.