0 Gardados para despois

Fin de semana intensa no XVIII Festival Internacional de Títeres de Redondela

Redacción | @prazapublica

O Festival Internacional de Títeres de Redondela chegou este ano á súa XVIII edición convidando á vila a 25 compañías de Brasil, Arxentina, Italia, Dinamarca, Reino Unido ou Estados Unidos, ademais de Galicia, Madrid, Andalucía e Cataluña. Iniciadas as actividades esta pasada semana, cunha programación especial o mércores, Día das Letras Galegas, é esta fin de semana cando máis actividades se espallarán pola vila.

Desde as 13.00 horas deste sábado e as 11.45 horas do domingo, e ata ben entrada a noite, lugares como as prazas do Concello ou da Torre, o paseo da Xunqueira ou o Campo da Petanca acollerán durante as dúas xornadas todo tipo de representacións e actuacións musicais ao aire libre.

Compañías de Brasil, Arxentina, Italia, Dinamarca, Reino Unido ou Estados Unidos amosan estes días os seus espectáculos nas rúas da vila

As actuacións de interior, con entradas a 4 euros para os nenos e 6 euros para os adultos, terán lugar no Auditorio da Xunqueira. Alí este sábado, ás 17.00 horas, poderase ver “Recreo”, teatro de sombras dos aragoneses Títeres sin cabeza, recomendada para maiores de catro anos. Ás 21.00 horas representarase “Huellas en la arena”, coa que a galega afincada en Madrid Didi Rodan conta historias a través de de debuxos na area, para maiores de oito anos. O domingo, ás 17.00 e 21.00 horas, o mesmo auditorio acolle “En suspensión”, dos estadounidenses Huber Marionettes, para maiores de seis anos. E ás 19.00 horas “Maxín”, dos galegos O monifate teatro, para maiores de catro anos. O mesmo Auditorio da Xunqueira acolle a exposición “40 anos da Tartana”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.