0 Gardados para despois

Terra da fraternidade: músicas de Galicia e o mundo no pórtico das festas do Apóstolo

Redacción | @prazapublica

Santiago está dende este venres o seu período festivo máis amplo do ano. As Festas do Apóstolo do 2017, unhas das máis prolongadas no tempo dos últimos anos, botaron a andar este 14 de xullo co pregón da cantante Uxía e cun ciclo musical que vai alén do programa clásico para tornar en festival de seu. Bebendo dos éxitos do Womex o Terra da Fraternidade torna en pórtico das celebracións da capital galega para reivindicar a cidade como "terra de acollida" a través da mestura de ritmos galegos e do resto do mundo.

Coa Praza da Quintana como centro neurálxico a primeira voz que clamou por esa fraternidade foi a de Mercedes Peón, cun ecléctico repertorio de raíces galegas e expansión universal. A que tamén é unha das grandes recolectoras da música tradicional galega vai acompañada desta volta polos polacos Warsaw Village Band, cos que compartiu o disco Sun celebration en 2016, e mais polas pandereiteiras bergantiñás de Raigaña.

O sábado 15, o primeiro das festas, o escenario de Terra da Fraternidade será para as galegas Habelas Hainas e mais para a mozambicana Selma Uamusse. O domingo, o blues será protagonista con Adrián Coasta & The Criers, acompañados polos ritmos ghaneses de Pat Tomas &Kwashibu Area Band.

Alén da programación do festival o inicio das festas trae consigo tamén o comezo do resto da programación. Sesión vermú na Praza de Cervantes (sábado, 13:30 ou funk e jazz na contorna de San Fiz de Solovio (sábado, 14:00) son os primieros petiscos dun menú que o domingo sairá do centro para se dirixir ata a Alameda da Lavacolla, onde a Banda Municipal amenizará o vermú de veciñanza e peregrinos dende as 13:00. Media hora máis tarde, en Cervantes, máis blues e soul con Sabela King & The Heartbrakers.

Co comezo da semana botará a andar tamén o que o Concello santiagués presenta por terceiro ano como "un dos programas máis diversos das festas", Artellando. Entre as súas ofertas, os espectáculos Momento de asombro (Martín Camiña), A galiña azul (Fran Rei) ou o circo contemporáneo de Spazi... o Dikhotomia. As festas compostelás prolongaranse, como adoito, ata o vindeiro 31 de xullo.

"Un canto a Compostela" no pregón de Uxía

Uxía e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, no pregón das festas

Uxía: "Despegade do Netflix, dos chats, das redes e ide aos concertos, ás salas de teatro, a bailar, a cantar, a vivir a noite de Compostela"

O Apóstolo do 2017 comezou oficialmente na noite do venres co pregón de Uxía que, como xa anunciara, alternou a palabra coa música, un "canto a Compostela" para percorrer as súas propias ligazóns coa cidade. Presentada pola xornalista da TVG Pilar García Rego (Alalá, Zig Zag) a artista merguoulle no Santiago popular, o de San Pedro e da rúa do Espírito Santo, onde viviu, o do teatro, a música ao vivo en bares e prazas e tamén o que acolle mobilizacións procedentes de todo o país.

"Despegade do Netflix, dos chats, das redes e ide aos concertos, ás salas de teatro, a bailar, a cantar, a vivir a noite de Compostela", convidou Uxía nun pregón sobre o que pairou a lembranza de Narf, gran amigo da artista, e tamén as figuras literarias e musicais que tiveron relación coa historia da cidade. Versos de Rosalía e Lorca e músicas diversas, de Voces Ceibes a Terbutalina, inzaron un pregón no que Uxía rematou cantando coa praza "Polo Sar abaixo vai unha troita de pé..." e lanzando "vivas" ás Festas do Apóstolo, ao 25 de xullo e á cidade de Santiago.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.