VÍDEOS | Fitur 2018: Así se presenta Galicia ao mundo

Vista do stand de Galicia en Fitur © Turismo de Galicia

A Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra estes días en Madrid está a ser, como cada ano, a cita que aglutina a boa parte das institucións públicas galegas e mais as empresas vinculadas co sector para presentaren as diferentes ofertas turísticas do país. Alén do matiz netamente profesional dos primeiros días de feira e de que, en ocasións, esta cita non é a máis rendibilizada polas diferentes localidades nas súas políticas turísticas, o certo é que é a primeira oportunidade do ano para observar o xeito en que o Goberno galego, as deputacións e os concellos presentan Galicia ao mundo.

Destino de surf

A iniciativa Galicia Surfing foi unha das apostas da Xunta nesta edición de Fitur, na que tamén presentou novas rutas turísticas en tren.

A Coruña, "sempre aberta"

Fitur foi a primeira gran cita para a nova marca turística da Coruña, que estreou identidade gráfica -un deseño de Antón Lezcano- baixo o lema "sempre aberta". O alcalde, Xulio Ferreiro, destacou na feira que á oferta turística da cidade sumarase este ano o primeiro Festival das Cociñas Atlánticas, que aspira a converterse nun "referente gastronómico".

 

Lugo "cámbiate para sempre"

O meteorólogo lucense Martín Barreiro é a imaxe da nova acción turística da Deputación de Lugo, presentada en Fitur e que se desenvolverá durante todo o ano. A entidade lucense amosou a montaxe na feira xunto a alcaldes da provincia e co propio protagonista do vídeo, quen convidou a "descubrir" as diferentes ofertas urbanas, de litoral e de interior, aínda que advertindo de que "o mellor de Lugo son os lucenses".

María Vinyals, guía de excepción en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra centra desta volta a súa promoción turística baixo o lema Somos historias personificado na figura histórica de María Vinyals, interpretada pola actriz Patricia Torres tanto no vídeo promocional como na propia presentación en Fitur. Da "man dunha muller incrible" a institución provincial pretende dar a coñecer a provincia como "multidestino internacional e desestacionalizado" con opcións de lecer "culturais, monumentais, naturais e históricas".

Vigo, "un mundo" para as Cíes

O Concello de Vigo concentrou os seus esforzos promocionais en Fitur 2018 na candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, para a que o consistorio procura adhesións baixo o lema "o teu apoio vale un mundo".

O "agasallo" de Ferrol

Ferrol presentouse en Fitur como un destino proclive a acoller "congresos e eventos". No ámbito audiovisual volveu apostar polo vídeo que, protagonizado polo xornalista Luis Fraga, presenta a cidade como un "agasallo" para compartir.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.