As sete vidas de Ramón, o león aventureiro

Unha historia con final feliz Dominio Público Praza Pública

"Ramón era un león ao que lle gustaba viaxar, perderse, buscar aventuras. Ramón quería ver mundo e de cando en cando escapaba por aí, en supermercados, trens ou autobuses. Pero eses días Alicia, a súa humana, botábao moito de menos. Moito, moito, moito. Alicia choraba, desconsolada, case sen poder durmir, mentres agardaba polo regreso de Ramón. Daquela seus pais tiñan que buscalo por todo o país, preguntándolle a todo o mundo se alguén o vira". 

A historia de Ramón dá, abofé, para un conto. Ramón é o boneco de Alicia, do que nunca se despega. Están xuntos dende que ela naceu. Tanto o quere que cando non o atopa pásao realmente mal, e xa van dúas veces que a Ramón lle dá por perderse. A primeira foi o verán pasado, en Compostela, entre as Cancelas e Galeras. Antía e Carlos, nai e pai de Alicia, fixeron varios chamamentos nas redes sociais e a través da viralidade das mensaxes a persoa que atopara o boneco (unha caixeira do supermercado das Cancelas) soubo da identidade dos seus propietarios e puido devolverllo. A historia, con final feliz, mesmo deu para unha entrevista radiofónica na Radio Galega. Antía tentara mesmo mercar un substituto para Ramón, pero o xoguete está descatalogado, xa non se vende. Un exemplar único.

Un ano despois a historia repetiuse, Ramón volveu desaparecer. Desta volta a fuxida fora aparentemente no camiño entre Compostela e A Coruña, no tren ou no autobús urbano, xa na cidade herculina. Ramón non aparecía e de novo comezou a búsqueda, sobre todo a través das redes sociais. A etiqueta #RamónVolve botaba fume. A mensaxe inicial foi compartida máis de 300 veces en Twitter e case 800 en Facebook, o Concello de Santiago, o Galicia por Diante da Radio Galega, o alcalde da Coruña ou Cuac FM uníronse ao chamamento (tamén botamos unha man dende Praza). Mentres, na casa Alicia preguntaba por Ramón. "Marchou de viaxe, xa volverá. Xa verás como aparece", dicíanlle seus pais.

E apareceu! Pero antes de facelo, a nova da súa perda chegara a través das redes sociais a unha muller de Teo, que se comunicou cos pais de Alicia para ofrecerlles un boneco exactamente igual a Ramón. "Para a próxima teremos que poñerlle un chip ou un crotal, como as vacas", bromean os seus pais. Iso si, o que van facer de inmediato é coserlle os seus nomes e teléfono. Para a próxima vez que volva escapar. 

Pouco antes da súa aparición, Antía e Carlos foron entrevistados no Galicia por Diante da Radio Galega, que aproveitou para afondar na importancia destas "obxectos transicionais coas figuras de apego" para os cativos e cativas de curta idade falando con Cristina Llinares, directora da escola infantil de Tui e especialista neste ámbito. "Para os nenos pode xerar moita ansiedade a perda destes obxectos transicionais e polo tanto hai que tomalo moi en serio", destacou e recomendou non minimizar o peso desta experiencia.

 

Ramón, recuperado despois da súa primeira 'desaparición' Dominio Público Praza Pública
'Ramón'. Preparando a súa próxima fuxida? Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.