0 Gardados para despois

Sabucedo vólvese entregar á paixón da Rapa das Bestas

Redacción | @prazapublica

Na parroquia estradense de San Lourenzo de Sabucedo viven apenas 60 persoas. Pero dende este venres, 6 de xullo, e ata o luns día 9, agarda recibir unhas 20.000 persoas e, entre elas case douscentos profesionais de medios de comunicación chegados dunha decena de países de Europa e América. Todas elas queren ser testemuñas dun ritual do que hai testemuñas dende o século XVII e que en Sabucedo máis ca unha festa é unha paixón: a Rapa das Bestas.

O amplo programa impulsado dende a Asociación Rapa das Bestas comeza xa este xoves coa Gala dos Aloitadores, que evoca a veciñanza que participa nunha Rapa sobre a que este ano paira unha lembranza especial, a de Juan Carlos Monteagudo, "aloitador e traballador incansable na organización da festa" que faleceu o pasado inverno. A súa imaxe á fronte dos cabalos en 2002 ilustra o cartaz da Rapa do 2018 a través dunha fotografía do fotógrafo local Javier Lalín. A elección da imaxe, di o presidente da entidade, Henrique Bazal, "foi unánime".

O momento recollido nesa icónica instantánea é nun dos momentos clave da celebración, a baixa, cando a veciñanza sobe ao monte polas bestas para conducilas cara ao curro. Ese momento repítese ano tras ano e este 2018 non será unha exepción, se ben o ritual comeza moito antes, contra as 6 e media da mañá do venres, cando os foguetes e as campás da parroquia dean paso á Misa da Alborada. Xusto a continuación a veciñanza sobe dende o lugar do Celeiro ata o monte do Montouto, onde as bestas viven ceibas durante todo o ano. Dende alí serán conducidas ata a chaira do Peón e despois, para unha zona pechada no Castelo.

Pero antes da baixa definitiva ata Sabucedo, no mediodía do sábado, nesta parroquia da Estrada o menú festivo é amplo. Non en van, paralela á propia Rapa é a celebración do festival Rapasóns, que desta volta conta o venres con Davide Salvado, Fillos do Estramonio, Festicultores e Liviao de Marrao. Músicas tradicionais e modernas acompañarán a veciñanza e os visitantes ata as sete da tarde do sábado, cando se celebrará a primeira rapa no curro. A segunda chegará ás 12 da mañá do domingo e a terceira, a solidaria co Banco de Alimentos -parte da recadación será doada a esta institución na provincia de Pontevedra-, ás 12 da mañá do luns. As entradas para os tres eventos están á venda na web da Asociación.

Henrique Bazal, presidente da Asociación Rapa das Bestas: "Queremos proxectar a Rapa como o que é, unha tradición ancestral que forma parte da cultura do noso pobo e na que o respecto polos animais está por riba de todo"

Segundo Bazal, presidente da asociación, a Rapa das Bestas está destinada a "todos os amantes dos cabalos e da natureza", a quen convida a "vivir a tradición xa dende o venres, coa subida ao monte ás sete da mañá para axudar a xuntar os cabalos e baixalos cara ao peche do Castelo". "Queremos -di- proxectar a Rapa das Bestas como o que é, unha tradición ancestral que forma parte da cultura do noso pobo e na que o respecto, o coidado e o agarimo aos animais está por riba de todo".

Neste sentido, e ante as "críticas vertidas nos últimos días dende colectivos animalistas" contra rapas doutros lugares do país, Bazal considéraas "erradas e inxustas". Salienta que "o curro, moito antes que festa ou espectáculo, é traballo; serve para identificar e desparasitar os cabalos", tarefa que "lles permite soportar mellor a súa vida salvaxe, lonxe dos coidados que poden ter os cabalos mansos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.