0 Gardados para despois

A romaría laica do Pote chega aos 79 anos

Redacción | @prazapublica

Chegou o día, chegou a romaría. Este domingo, un ano máis, celébrase en Maniños, Fene, a Romaría do Pote, con pregón de Isabel Risco e todos os ingredentes dunha romaría galega: cantateiras, charangas, gaitas, comida, bebida e mesmo a actuación da Roda. Que ten de singular esta festa? Pois que se trata da romaría laica máis antiga de Galicia, pois comezou a celebrarse en 1933, a imaxe e semellanza das romarías relixiosas, pero sen honrar neste caso a ningún santo ou imaxe.

A primeira Romaría do Pote tivo lugar o 17 de setembro de 1933

A primeira Romaría do Pote tivo lugar o 17 de setembro de 1933. Naquela ocasión actuou o grupo Toxos e Flores de Ferrol, que inaugurou o palco do campo da festa de Maniños. Máis tarde os asistentes trasladáronse á casa do doutor Borrás, onde se izou a bandeira republicana e lle ofreceron unha recepción. E é que Maniños era xa daquela unha parroquia moi roxa cunha gran presenza de traballadores industriais, o mesmo que Barallobre.

A romaría do domingo terá por segundo ano consecutivo un anticipo musical e máis dirixido á xente nova da comarca, o Festipote, que a partir das dez da noite contará coas actuacións de Estimaba que Viñeras, Os Tres Trebóns e O Sonoro Maxín.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.