Perderse por Galicia na Semana Santa

Santo Andrés de Teixido © Sen Pasaporte

Sen pasaporte, o blog de viaxes de Praza Pública, fai dez propostas para viaxar estes días polo noso país: Ancares, Cuntis, Fervenza da Toxa, Viveiro, Ferrol, Costa da Morte...

Xa comezou a Semana Santa e, canda ela, a tranquilidade de desfrutar da ausencia da ditadura do reloxo e do estrés laboral durante varios días. Venecia, illas gregas, Algarve, París, Londres, Berlín ou Praga son algúns dos destinos preferidos para os que poidan viaxar por Europa. Os máis viaxeiros optarán por destinos coma Nova York, República Dominicana ou Perú. Incluso habrá quen opte por lugares máis cercanos como a costa mediterránea española, ou algunha das múltiples cidades andaluzas onde se vive intesamente estes días pasionais para o catolicismo. Pero os que desexen quedar na casa, poderán realizar algunha escapada polas numerosas vilas ou pola fermosura da natureza galega.

 

San Andrés de Teixido

A esta pequena aldea ó norte de Cedeira “vai de morto que non foi de vivo”. As múltiples lendas de ánimas rencarnadas en diversas formas animais, vexetais ou, incluso, en pedra,  veñen da crenza prerromana de que esta vila era unha das portas do alén, cara onde zarpaban os mortos unha vez finados.

Pero Santo Andrés de Teixido non é coñecido soamente polas súas lendas arredor da morte, senón tamén arredor do amor. Unha contradicción que amosa a íntima relación entre a vida e a morte. Ó pé dos seus acantilados, paredes verticais que a alonxan do mar e que algúns afirman que son os máis altos de Europa, crecen as “herbas namoreiras” que, segundo din, se se lle mete no peto da persoa da que se está namorado sen que se dea conta, os destinos dambos acabarán por unirse irremediablemente.

Na vila tamén hai unha fonte dos desexos e a boa sorte e, os que o desexen, poderán mercar os “sanandreses”, cinco figuriñas con forma de man, peixe, barca, San Andrés e a fror do pensamento que gardarán ó seu portador do amor, o trabajo, as viaxes, casa e negocios, a saúde, os estudios e as envexas. Case nada.

 

Ferrol e Viveiro

Moi preto de San Andrés de Teixido atópanse as maiores celebracións da Semana Santa galega, con recoñecementeo de Interese Turístico Nacional.
Os diferentes barrios da cidade departamental acollen un total de 26 procesións que amosan varias das iconas cristianas máis fermosas e antigas de toda Galicia. A cidade enteira engalánase, sobre todo o venres santo, o día no que hai máis procesións, un total de media ducia ó longo do día.

Pero non todo na cidade é Semana Santa. Ferrol tamén é coñecida polo circuito de castelos que protexían a ría dos ataques das tropas inglesas, proclamado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Este carácter castrense tamén está reflexado no resto da cidade, en edificios simbólicos como o Arseal Militar, a Porta do Dique e o Baluarte da Batería de San Xoán, entre outros. Isto, unido a beleza dos parques da Reina Sofía e de San Francisco, a súa non moi famosa concatedral de San Julián e a racionalidade do barrio da Magdalena converten a Ferrol nun destino ideal para coñecer nestes días de descanso.
Pola outra banda, se Ferrol vive a Semana Santa, en Viveiro é o seu maior baluarte. A vila enteira únese nesta celebración, e as súas profesións enchen todos os recunchos desta vila mariñeira. Unha das procesións máis espectaculares é a “Dos Caladiños”. O silenzo deste pase chega a ser case máxico. As velas que portan os asistentes son a única iluminación dun pase no que o silenzo chega a ser case máxico, xa que o dous únicos sons que se escoitan son o lacónico tambor e a marcha descalza dos nazarenos.

Á marxe da celebración relixiosa, Viveiro segue gardando o seu pasado señorial polas súas rúas. Símbolos da vila como a Porta de Carlos V, a ponte da Misericordia, a súa praza maior, ou as igrexas de San Francisco e a de Santa María do Campo. Ademáis, garda outros dous grandes segredos, como a cova da Inmaculada Concepción, xunto ó Convento das Concepcionistas, e na que os fieis colgan brazos e pernas de cera para pedir boa saúde, e o mirador de San Roque, a uns poucos quilómetros do núcleo urbano, e no que hai unha incríble panorámica de toda a ría de Viveiro, desde a propia vila, o veciño Celeiro, o porto deportivo, a fermosa praia de Covas, coas rochas dos Castelos na súa fronte, e a desembocadura do río Landro.

 

Praia das Catedrais

Na fin da Mariña lucense atopamos a vila de Ribadeo, no límite entre Galicia e Asturias. Na parroquia da Devesa atópase unha das maravillas da natureza de toda a península ibérica, a praia de Augas Santas, máis coñecida como praia das Catedrais.

Elexida como o mellor areal de España, segunda de Europa e sexta do mundo por Traveller Choice, a súa característica principal é a arquitectura das súas rochas durante a baixamar, deixando un efímero paseo para os visitantes, que terán pouco tempo para enmeigarse da beleza do areal, xa que a zona inúndase cando sube a marea.

 

Ancares

O sistema montañoso galego por excelencia, aínda que nos últimos tempos o veciño Courel e o Macizo central ourensán chaman tamén a atención dos amantes do senderismo. Unha das xoias dos Ancares é a aldea do Piornedo, derradeiro enclave das pallozas. Estas construccións, de orixe prerrománica, están feitas de pedra baixo unha forma circular e cun tellado de palla rematado nun triángulo. Eran as antigas casas dos habitantes da zona e, nunha delas, poderase entrar a un museo que recolle a antiga forma de vida da zona. O Piornedo é, ademáis, un dos portos de saída da diferentes rutas de senderismo.

A outra porta de saída son Becerreá e Pedrafita do Cebreiro. Esta última acolle o Santuario de Santa Maria do Cebreiro, unha igreza de suma importancia para o Camiño de Santiago e para Galicia en sí, polo obxecto lendario e místico que garda no seu interior. Segundo din, o cáliz milagroso que hai nesta igrexa, representado no escudo de Galicia, é o mesmísimo Santo Grial, ou o que é o mesmo, a copa na que Cristo ofreceu o seu sangue na Derradeira Cea.

 

Allariz

O río Arnoia é o maior testigo de como a urbanización pode estar ligada íntimamente coa natureza, rematando co tan expandido “feísmo” arquitectónico galego. Segundo a lenda, foi o rei suevo Alarico o que mandou construir Allariz, unha das máis fermosas vilas de toda Galicia, gracias o seu máis que coidado casco histórico.

Durante a Idade Media, a vila tivo unha grande importancia estratéxica, construíndose un castelo e murallas, hoxe en ruínas, converténdose nunha corte de fama literaria e de suma importancia para a monarquía galega, sendo alí educados e coroados varios dos seus reis.

Pero coa separación de Portugal, Allariz foi perdendo cada vez máis importancia, pasando a formar parte do esquecemento máis escuro durante varios séculos, ata que, xa na fin do Século XX, os alaricanos propuxéronse voltar ó grorioso pasado, convertendo á vila na caixa de sorpresas actuais, que recibibiu, no ano 1994, o Premio Europeo de Urbanismo. Os cruceiros, as casas nobles, os diversos museos, como o iconográfico ou o dos xoguetes, os vellos molinos, o barrio xudeu, o cnxunto escultórico da Festa do Boi ou o paseo da ribeira do Arnoia son varios dos lugares máis emblemáticos e bucólicos desta gran e fermosa vila galega.

 

Illa de Ons

Principal illa do arquipélago do mesmo nome que preside a entrada da ría de Pontevedra. Os que desexen visitar esta mistura do verde do monte e o azul do mar terán que ir ata Bueu, para embarcar nun dos ferris que comunican a vila coa illa.

Un total de nove aldeas poblan esta illa, famosa polos seus cantís bravos e os seus alaranxados luscofuscos. Esta riqueza natural e paisaxística convértena nunha das compoñentes, xunto coas illas Cíes, a de Sálvora e a de Cortegada, do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Pero a súa gastronomía e a súa arquitectura mariñeira convértena nun lugar ideal para esquecer o mundo laboral.

Un dos lugares que transmite unha gran tranquilidade é ó carón da luz do seu faro.

 

Combarro

Nesta vila pontevedresa o principal protagonista é o hórreo. Este símbolo por exelencia do agro galego é tamén o baluarte máis visible desta pequena vila. Hai preto de 60 en todo Combarro, pero máis da metade están alineados ó longo da costa mirando ó mar. É a panorámica da vila. A razón é que a maioría dos seus habitantes tiñan os terreos de cultivo ó outro lado da ría, nas zonas de Campelo e Lourido, polo que a mellor forma de transporar as colleitas sería por mar e, desta forma, os hórreos terían un sentido funcional, máis aló da característica estética actual.

Pero a visita a Combarro amosa máis ca hórreos. A vila ten outros dous elementos fundamentais. Un deles son os cruceiros. Estas cruces de pedra simbolizan, para os antropólogos, un antigo culto ós deuses pagáns protectores dos camiños e encrucilladas, e a cultura popular afirma que se construiron naqueles lugares onde ocorreron desgracias ou apareceron ánimas en pena. A característica dos cruceiros de Combarro é que a Virxe que aparece en todos eles mira cara o mar.

O outro elemento son as “casas mariñeiras”. Construídas en pedra ou madeira, segundo o poder económico dos seus propietarios, e pegadas unhas a outras, o seu almacén no baixo e o seu balcón de pedra con soportal son as súas características principais.

 

Cuntis

Esta tranquila vila acolle unha gran atracción e unha xoia. A primeira delas ten que ver co seu balneario, un dos máis importantes de Galicia. O termalismo de Cuntis vén da época romana. Son numerosos os manantiais do seu subsolo e a temperatura das súas augas, como mostra a Burga Lume de Deus, que brota na praza de Galicia a 59 graos centígrados, así como a Burga Rúa Real, xunto ó balneario, e teñen diversos usos curativos.

A xoia de Cuntis está relacionada cos restos arqueolóxicos do castro de Castrolandín, no cumio dun outeiro ós pés da vila e do que se ten unha panorámica de todo o val, e que chega ata poder case albiscar o mar que baña as costas de Vilagarcía de Arousa nos días más despexados. Neste castro, pódese observar tamén unha casa romanizada, xa que ten forma rectangular, así como unha réplica actual das antigas pallozas.

Desde o castro podemos realizar unha das diversas rutas de sendeirismo polo río Umia, e os múltiples e fermosos paraxes naturais case virxes que hai ó seu arredor. Pero se o que desexamos é coñecer o Cuntis urbán, poderemos apreciar a historia das rúas do seu casco histórico, na pegada de edificios emblemáticos como a Igrexa de Santa María dos Baños, no pleno centro da vila, a Casa Grande dos Castro, a Casa Consistorial ou o convento de San Benito, ou agasllar ó noso bandullo nunha das súas tabernas.

 

Fervenza da Toxa

Na comarca do Deza atópanse maravillas da natureza como esta espectacular fervenza, no interior dun verdor incríble. Cunha caída de trinta metros, a fermosura salvaxe desta fervenza foi esceario de varios anuncios de televisión. A auga cae con tanta forza que fórmase unha brétema mísitica que dá a sensación de que chove cara arriba. Un espectáculo da natureza digno de ver. Ademáis, o mirador do río e o paseo arredor da súa ribeira fan desta fervenza unha escapada ideal para fuxir do caos urbano e desfrutar da máis virxe natureza.

Pero outro dos aspectos que fan deste destino unha escapada perfecta non é só a fermosura visual, senón a harmonía sonora. A caída da auga, o canto dos paxaros e o vaiven das árbores producen unha melodía única.

Ademáis, os que queiran aproveitar ó máximo á visita, poderán camiñar por este verdor ancestral, e admirar a Lagoa Sacra de Olives, no val do río Curantes, así como a tamén fervenza do Bico de Curantes. No final do roteiro da ribeiro atópase o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, unha das xoias arquitectónicas do románico galego.

Este edificio relixioso, xunto co castelo de Cir e as igrezas de Breixa, Ansemil e Taboada converteron esta zona do Deza nun punto de suma importancia durante a Idade Media.

Conta a lenda que os monxes, ó ver que non tiñan nin cartos nin obreiros para rematar a contrunscción do mosteiro, desexaron facer un pauto co demo, que tiña sona de gran constructor. Pero o diaño sabía que os monxes gardaban canda sí o salterio de San Cibrán, un libro que a súa maxia impedia ó demo acercarse e facer o mal ó seu arredor. Por ese motivo, fixo asinar ós monxes un trato no que remataría o mosteiro nunha noite a cambio de que todalas almas dos finados en domingo, entre a misa maior e a de vésperas, tiñan que ir directas ó Inferno. Pero no derradeiro momento da primeira misa maior, o pai abade pronunciou con voz forte o canto das vésperas, rematando coas ilusións do demo.

 

Costa da Morte

Calquera das vilas e paraxes naturais que forman esta costa lendaria, dende Malpica ata Muros son ideais para desconectar. A orixe do seu nome ten un dobre significado. Segundo Eugenio Carré Aldao, a denominación provén dos incontables naufraxios que ocorrían nas salvaxes e máis que bravas augas entre Malpica e Fisterra. Pero segundo a cultura popular, o nome de Costa da Morte provén da crenza que as ánimas ó morrer dirixíanse cara o oeste, cara a fin do mundo, convertendo a Galicia, e máis concretamente ó cabo Fisterra, no porto de viaxe ó alén. E o Camiño de Santiago é a súa proba máis tanxible. Esta peregrinación cristiá é, en realidade, un camiño cara a fin do mundo, cara o destino das ánimas, xa que o verdadeiro fin non é a Catedral de Santiago, senón o Cabo Fisterra, onde ténse que queimar as roupas vellas para comezar unha nova vida.

É neste cabo onde o viaxante observará a calma do bravo mar, cunha vista do basto océano e cun luscofuscos que non poderán ser observados desde ningún outro lugar. A vila de Fiesterra, o seu carón, garda un segredo, o bar A Galería. Este local é un museo vivo gracias á pegada que peregrinos de todo o mundo deixaron con obxectos tan variopintos como unha botella con auga do Ganges. Para os máis relixiosos, a visita a Fisterra deixará a posibilidade de apreciar unha das representacións que os fisterráns fan das pasaxes deste episodio bíblico.

Cara o sur do cabo da fin do mundo atópanse vilas como Cee ou Corcubión, así como a desembocadura do río Xallas, única no mundo xa que remata a súa vida no mar en forma de fervenza. Pero é máis ó sur onde atopamos os longos hórreos de Carnota, o encanto de pedra do casco histórico de Muros, as paradisíacas praias de Louro e o Monte Pindo, antigo fogar dos deuses precristiáns galegos.

Pero é cara o norte de Fisterra onde se atopa a verdadeira esencia da Costa da Morte. Vilas como Malpica, Laxe, Corme ou Muxía demostran día a día a súa unión eterna co mar. As lendas arredor de seres mariños, naufraxios e a presencia da morte campan por todos os seus rincóns. Hai que mencionar que na vila de Camariñas celebrarase do vindeiro día 27 até o 31 a mostra do seu famoso encaixe, sendo un destino ideal para os amantes da moda.

Santo Andrés de Teixido © Sen Pasaporte
Os Ancares © Sen Pasaporte
Combarro © Sen Pasaporte
Costa da Morte © Sen Pasaporte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.