Galicia tivo máis dun 80% de días de chuvia dende outubro

CC-BY-NC José Armesto

Este ano está chovendo moito en Galicia. Nin sequera é preciso acudir aos datos de precipitacións: é unha impresión que temos todos e todas. Durante todo o outono e o inverno caeu moita auga e durante moitos días, ademais. Pero en realidade choveu máis que outros anos? En que zonas de Galicia choveu máis? E por que se deu esta situación este ano? Falamos co meteorólogo Carlos Balseiro, que nos debulla todos estes datos e ofrece algúns titulares que refliten con claridade a situación: dende o 1 de outubro houbo precipitacións en 160 dos 192 días, sobre todo no litoral coruñés, que no que levamos de 2013 rexistra o dobre de chuvia do habitual noutros anos.

Preguntámoslle algunhas dúbidas e sobre todo se esta situación de vai manter ou se nas vindeiras semanas comezaremos a ver algo o sol e a sentir algo de caloriña. E Balseiro, que o mes que vén lanzará a web www.4gotas.com, dános boas novas: confírmanos que a vindeira semana "chegará a primavera".

"Desde que comezou o ano, o normal sería que chovese uns 300 l/m2 na Coruña ou Ferrol, pero recolléronse uns 750"

Como foron estes 100 primeiros días do ano en canto ao tempo?

Non hai que ir aos números para saber que foron moi chuviosos. Pero é que indo a eles, aínda levas máis sorpresa. Falando de días nos que non choveu nada, temos que en Lugo só ocorreu en 13 días no que vai de ano, en Santiago 19, en Coruña ou Ferrol, 21 e nas Rías Baixas 24. A provincia de Ourense é a que menos afectada se viu pola chuvia. Aínda así, dos 100 primeiros días en Ourense choveu 68. Poderíase dicir (agás en Ourense) que en cada semana choveu 6 días. Desde que comezou o ano, o normal sería que chovese uns 300 l/m2 na Coruña ou Ferrol, pero recolléronse uns 750. Como referencia, na Coruña o normal é que chova uns 1.000 l/m2 en todo o ano, e xa levamos eses 750 en só 100 días.

"O máis destacable, en xeral, é o número de días nos que choveu algo"

Daquela, choveu moito ou choveu moitos días?

As dúas cousas. O máis destacable, en xeral, é o número de días nos que choveu algo. Aínda que iso si, a cantidade de chuvia tamén foi superior á habitual.
Se imos un pouco máis atrás, ata o outono, dos 192 días que van desde o 1 de outubro até hoxe, en Santiago ou en Lugo choveu case 160, mentres que nas Rías Baixas o fixo durante 150 días. É dicir, levamos con eses 6 días de chuvia á semana, en promedio, dende que comezou o outono.
E canto ás cantidades, podemos dicir que en xeral choveu un 50% máis do normal en toda Galicia, agás no litoral coruñés onde as cantidades recollidas foron máis do dobre do normal.

"O motivo para termos tantos días de chuvias nestes meses é o desprazamento do anticiclón dos Azores cara o sur"

Por que se está a notar máis no litoral coruñés?

O motivo para termos tantos días de chuvias nestes meses é o desprazamento do anticiclón dos Azores cara o sur. No canto de estar sobre o arquipélago portugués, este centro de altas presións situouse á altura das Illas Canarias, permitindo que as borrascas descendan moito máis do normal e provoquen moitos días de chuvia. En xeral non foron borrascas moi potentes, por iso é máis destacable a falta de luz que estamos a ter, con moitos días grises con algo de chuvia, que as cantidades globais recollidas. Ademais, moitas desas borrascas situáronse no Cantábrico provocando máis ventos do Noroeste do habitual. Con estes ventos, o litoral entre Fisterra e Bares vese máis afectado pola chuvia que cando temos ventos do suroeste, que é a situación máis típica no inverno galego.

Foi entón nese litoral onde máis choveu?

Non, é onde máis choveu en comparación co que é normal alí, pero onde máis cantidade de chuvia se recolleu foi, loxicamente, nos sitios máis habituais de chuvia. É dicir, no oeste da Coruña e na provincia de Pontevedra. Na Costa da Morte, ou máis ben no interior deste litoral, no Barbanza, Santiago, Rías Baixas e sobre todo no interior da comarca de Pontevedra e en Tabeirós-Terras de Montes é onde máis auga caeu nestes meses. Nesas zonas nos últimos 6 meses houbo puntos que recolleron uns 2.500 l/m2, algo máis do que adoita chover en todo un ano. Como comparación, para ver o que isto significa, nun ano normal en Ourense chove a terceira parte, uns 800 l/m2

"En febreiro de 2012 en Santiago só choveu dous días e en total recolléronse 4 l/m2. Pois ben, no marzo que vén de rematar choveu 27 días cun total de 350 l/m2"

Un gran contraste co inverno pasado, non si?

A verdade é que si. O inverno pasado a nosa queixa era o pouco que chovía, e estábamos preocupados pola seca. Lembramos que en febreiro de 2012 en Santiago só choveu 2 días e en total recolléronse 4 l/m2. Pois ben, no marzo que vén de rematar choveu 27 días cun total de 350 l/m2. Como vemos, nada que ver un ano co outro.

"A vindeira semana chegará a primavera. Xa esta fin de semana teremos un adianto. Cun sábado solleiro"

Chegará a primavera a partir da fin de semana?

Esa é a boa nova que xa podemos confirmar, podémonos ir despedindo desta invernía. A vindeira semana chegará a primavera. Xa esta fin de semana teremos un adianto. Cun sábado solleiro. Só con nubes no litoral oeste ata mediodía. Semella que entre a tardiña do domingo e mediodía do luns algo choverá, máis ben pouco e polo oeste, pero a partir da tarde do luns veremos moito sol cun ceo azul e ademais notaremos unha suba importante nos termómetros. No final da vindeira semana, a calor pode chegar a provocar que haxa tormentas nas tardes no interior, pero pouco importantes en xeral. É dicir, un tempo máis propio desta época, e non invernal como foi o día de onte, por exemplo.

Como se presenta a primavera? Pódese facer algunha previsión?

Neste caso temos que dicir o de sempre. Os prognósticos a tan longo prazo (meses) continúan a ser pouco fiables. Así que, polo momento, gocemos do sol e das temperaturas agradables dos vindeiros días.

CC-BY-NC José Armesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.