"Houbo época nas que o simple feito de asomar un nocello chegaría ao nivel de porno"

© Nela Bernal

Hai moito porno en Internet, pero non hai tanto sexo escrito, e escrito ademais con estilo e coidado, e aínda menos en galego. Falamos con Nela Bernal, autora do blog A fervenza do Sur. Naceu hai uns meses, como consecuencia do peche de Galicia Hoxe, onde a propia Nela publicaba un blog de sexo. E o proxecto foi crecendo, paseniño, até que hai unas semanas, o Compostweets deulle unha celebridade que ela non agardaba.

Por que decidiches abrir o blog?

A Fervenza do Sur naceu coa triste morte do Galicia Hoxe. Nunha primeira etapa, desde xuño do 2010 ata o verán de 2011, encaixouse na sección de blogues do GH baixo o nome de O punto GH. Coa desaparición en papel do xornal e a consecuente ruptura da miña relación laboral con dito medio, iniciouse un novo camiño para este meu espazo, rebautizado como A Fervenza do Sur e que resposta a unha clara intención por normalizar o sexo en todas as súas vertentes, lexítimo e legal por suposto, e libre de etiquetas, xéneros e tabúes. Porque hai tantas formas de entender o sexo como persoas no mundo, por presencia, exceso, ausencia, carencia ou rexeitamento o sexo vai con nós durante toda a nosa vida. Non me cansarei de repetilo. É un aspecto tan vital como o comer ou o durmir, un ámbito que preocupa e toca moi de preto, pero que ao mesmo tempo se mantén moitas veces agochado. Non se trata de ir ao exhibicionismo, pero si cara á normalización. E sempre desde o respeto.

"Internet ofrece sexo ao alcance dun simple clic, sen verse na necesidade, como xa apuntei nalgunha ocasión, de acceder ás agochadas ao último, e escuro, recuncho do videoclub. E paréceme boa cousa"

En Internet hai moito porno pero pouco erotismo?

É certo. O porno é a visualización máis explícita do sexo. E paréceme bo que o haxa. Coa aparición de internet contamos cun interminable escaparate de contidos X á carta, con auténticos macrobuscadores como porn.md nos que atopar cáseque calqueira cousa que te poidas imaxinar respecto do sexo. Escribes cunnilingus, orgy ou cum e inmediatamente tes un amplo menú de videos de balde. Sexo ao alcance dun simple clic, sen verse na necesidade, como xa apuntei nalgunha ocasión, de acceder ás agochadas ao último, e escuro, recuncho do videoclub. E paréceme boa cousa. Ao mesmo tempo, e como ben apuntas, o erotismo é xa un capítulo máis minoritario pero que considero que esperta tamén un crecente interese. Por razóns como a simple búsqueda de praceres sutís ou precisamente porque nos podemos atopar colapsados pola ampla oferta de videos X, que deixa ao porno en situación de risco: a de perder a capacidade de sorpresa, a emoción do inaccesible. Atopo que os lectores fervenceiros agradecen que o blogue aborde con ese toque sutil ou menos explícito as sexperiencias narradas. E é de agradecer, por suposto.

Onde está a fronteira? Cando o morbo ou a insinuación se converte en porno ou se fai sexo explícito?

Unha pregunta complicada polos matices que agocha. En termos xerais, poderíase pensar nunha clasificación atendendo a ese carácter explícito que comentas acertadamente. Isto é, por resumir, que se hai carne, se se ven pollas, conas ou penetracións en primeiro plano falamos de porno. Unha visualización menos explícita, sen ir ao detalle, quedaría en erotismo. Pero, como todo na vida, é moi relativo. E vai moi acorde á evolución social, coas súas variantes de aceptación e censura. Houbo momentos na historia nas que o simple feito de asomar un nocello chegaría ao nivel de porno. Un exemplo quizais esaxerado, pero bastante exemplificador de como son as propias conciencias sociais as que impoñen a etiqueta de porno-non porno. A liña é moi moi delicada. Tanto que penso que a clave xa non estaría hoxe no explícito das imaxes dun filme, por exemplo, senón na porcentaxe desas imaxes sobre o total da gravación. Un polvo explícito nunha película non a converte en porno. Unha película a base de polvos explícitos si o é. Pero repito que con moitísimos matices e non menos excepcións.

"O propio Totó García se confesa sorprendido das fortunas que amasa o mundo do porno en tempos de crise"

Dis que todo o mundo pensa no sexo, tamén para rexeitalo. É o que move o mundo?

Tanto como mover o mundo... quizais sexa unha afirmación un tanto atrevida ou ambiciosa de máis. O que si move son moitos cartos, e o propio Totó García se confesa sorprendido das fortunas que amasa o mundo do porno en tempos de crise, con cifras que mesmo superan ás rexistradas con carácter previo á actual e difícil coxuntura económica. Mover o mundo? Non sei. Ás persoas de xeito individual desde logo que si. Como dicía antes, o sexo é un aspecto esencial nas nosas vidas, tanto que a súa carencia ou ausencia crea verdadeiras dificultades para desenvolver as nosas personalidades ou levar unha vida normalizada. Quen voluntariamente decide deixar de lado a súa sexualidade, a súa vida carnal, tamén ten unha relación co sexo, tamén lle deu unha importancia no sentido de que tomou unha decisión trascendental con respecto a el. En todo caso, o instinto está aí, por moito que o agochemos ou que o manipulemos, e a súa xestión nun ou noutro camiño (o do rexeitamento ou o do exceso, por polarizar) causa efectos redicais nas persoas, nos individuos, en cada un de nós.

"Dervirtualizarme ante algúns lectores reais e outros moitos potenciais era un risco, porque nada teño que ver coa muller espida e subida ao balcón da Fervenza"

Como foi o recibimento no Compostweets? Moitas miradas indiscretas?

Foi inmellorable. Pranteime aló arriba, na mesa, cun sexo modesto no peto, os nervios atacándome o corpo enteiro, as miñas mellores intencións e un obxectivo claro: ser sincera tanto nas miñas intencións como no que é a realidade práctica do blogue. Fun aló co sentimento de quen se vai presentar a un tribunal para ser xulgado. Coma nun exame. Dervirtualizarme ante algúns lectores reais e outros moitos potenciais era un risco, porque nada teño que ver coa muller espida e subida ao balcón da Fervenza. Ía frustrar moitas expectativas. Pero aledoume comprobar que a audiencia se amosa máis interesada no contido do blogue, no que poida eu ofrecer sen xulgar e o meu aspecto físico. Foi un alivio. E unha ledicia ver as cariñas sorrintes dos oíntes durante a presentación. Sentinme moi cómoda e moi ben acollida. Débolle ao Compostweets que a Fervenza sexa hoxe máis coñecida, hai un antes e un despois do blogue. De feito aquí estou, sendo entrevistada por Praza Pública. Que privilexio!

Algunha anécdota agradable (ou todo o contrario) como autora da Fervenza do Sur?

Algunha cousiña desagradable solventada rapidamente e que nin sequera merece ser mentada. Estou encantada coas boas cousas que me está aportando. Os seguidores son o verdadeiro motor fervenceiro. Recibo saúdos matinais, pequenos agasallos en forma de mensaxes de ánimo, algún que outro video, ideas inspiradoras, colaboracións, mostras de interese... Cando unha ofrece un proxectiño modesto como este e recibe a cambio tanto apoio e agarimo non pode facer outra cousa que agradecelo. Toda interacción a través do blogue ou as redes sociais é un verdadeiro pracer.

"Hai un factor xeográfico e social que pode limitar as opcións ou a apertura de mente fronte ao sexo"

Como é a relación dos galegos e galegas co sexo? Algún factor diferencial?

Hai tantas formas de vivir o sexo como persoas no mundo, cada un ten a súa propia relación, sexan galegos ou da China. Non creo, de entrada, que o feito de ser galego sexa en si mesmo un condicionante á hora de experimentar ou desenvolver a propia  sexualidade. Con todo, si hai un factor xeográfico e social que pode limitar as opcións ou a apertura de mente fronte ao sexo. E a ver se me explico ben. Galicia é un país moi rural, e matizo que isto é algo que me namora, e como tal é complicado que estea ao nivel de grandes –e uso grandes en termos de tamaño, non de valoración- urbes como Barcelona á hora de referírmonos a actitudes abertas cara ao sexo. Non falo de censura senón de ambientes nos que a oferta ou o debate sexual, por exemplo, nin ten espazo nin interesa.

"Galicia ofrece moitos e moi pracenteiros orgasmos de enxebrismo. Un bo cocido un domingo de inverno, unhas filloas á pedra, un licor café pre ou poscoital, unha boa paisaxe verde e húmida..."

Que diferenza hai ao escribir sobre sexo en galego?

Considero o galego unha lingua moi rica en sexualidade, é moi sinxelo facer que unha idea teña matices sexuais cando se expón en galego. É doce, intensa e moi sonora, e ten palabras fermosísimas e sexualmente moi gráficas. Fervenza, sen ir máis lonxe. Ademais, a terriña ofrece moitos e moi pracenteiros orgasmos de enxebrismo. Un bo cocido un domingo de inverno, unhas filloas á pedra, un licor café pre ou poscoital, unha boa paisaxe verde e húmida... A lista é interminable.

Entrevistaches a Totó García dándolles a posibilidade aos teus lectores de preguntar directamente. Próximos/as entrevistados/as?

Non me gustaría dar nomes porque todo estará por confirmar. Pero gustaríame tocar moitos paos na temática sexual. Quizais a visión feminina –e galega- do mundo porno, algo relacionado coas relacións sexuais con impedimentos ou tocar o ámbito sanitario. E non digo máis, que logo todo se sabe :)

Nela Bernal © A fervenza do sur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.