0 Gardados para despois

"Non hai mellor educación sexual que cantar o 'pousa, pousa, pousa' arredor da mesa cos tíos, primos e avós"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Susana Moo coñecémola en 2008, cando gañou o certame de microrrelatos eróticos organizado por Vieiros Ferve a Rede. Despois, colaborou en medios como Certo.es, e tamén no propio Vieiros, no que elaborara unha serie de relatos eróticos con políticos galegos como protagonistas para as eleccións de 2009. O seu blog Erotómana converteuse nun recuncho moi popular na Internet do país, cunha ampla produción de relatos eróticos en castelán e galego que mesmo foron publicados en formato libro.

Por que decidiches abrir o blog?

Para compartir os meus contos e o meu interese erotómano.

En Internet hai moito porno pero pouco erotismo?

Penso que hai de todo, o porno chama mais a atención, pero hai centos de blogs e webs deleitándose no erotismo.

Onde está a fronteira? Cando é que o morbo ou a insinuación se converte en porno ou se fai sexo explícito?

Disque a fronteira está nos xenitais, se aparecen explícitos - no caso dos homes en erección-, estamos falando de porno, se se deixan só intuír, sería erotismo. Pero eu diría que o límite o marca o tratamento que se fai deses xenitais -e do corpiño todo-. Pode haber grande erotismo, mesmo poesía, nunha vulva aberta, nunha temprera pletórica.

"Penso que a sociedade vive tamén unha crise sexual"

Como valoras a literatura erótica que se escribe actualmente en España?

Penso que a sociedade vive tamén unha crise sexual, e a literatura erótica de sempre buscou, ademais de fins lúdicos, outros reflexivos e didácticos. O debate preséntase en diferentes estadíos, dende as novas tendencias queer, postporno e postfeminismo, que plantexan una reflexión crítica sobre o discurso pornográfico, con ese barullo de identidades sexuais, ata unha onda retro de pin-ups e recuperación dos roles clásicos femininos e masculinos. A sobresaturación de erotismo, a sobresaturación de porno, chegou a un punto en que a xente busca novos tratamentos e reflexións sobre o sexual e o seu papel na nosa vida.

"Fíxome gracia que varias persoas se puxeron en contacto comigo para que narre as súas experiencias sexuais, para que non se perdan coa súa memoria eses ferracholos que botaron un día"

Algunha anécdota agradable (ou todo o contrario) como autora de Susanamoo.com?

Ultimamente fíxome gracia que varias persoas se puxeron en contacto comigo para que narre as súas experiencias sexuais, para que non se perdan coa súa memoria eses ferracholos que botaron un día. Logo, emocióname a implicación e identificación que moita xente sente cos meus textos, o acompañada que me sinto no meu proxecto. E, por suposto, supuxo unha grande satisfacción para min o feito de que dúas editoriais – Perineos e Pensódromo- se animasen a editar o meu traballo.

A xente ten medo de expresar as súas fantasías?

Non en Internet. En Internet a xente despendolámonos. Todo quisque saca filias a esgalla pola rede adiante.

"Esa picardía e falta de complexos para entoar asuntos sexuais resulta unha alfaia para entender a sexualidade dun modo festexeiro que é, penso, o mellor modo de entendela"

Como é a relación dos galegos e galegas co sexo? Algún factor diferencial?

A cultura galega do sexo é riquísima, interesantísima, de longo percorrido histórico. Velaí as cantigas de amor e de amigo, a sensualidade da poesía de Rosalía ou Pardo Bazán e Camilo José Cela, que aínda que escribiron en castelán, a ambos míraselles un forte ramalazo galego no tratamento da sensualidade, no humor. Pero sobre todo a tradición cantada, tan cachonda. Non hai mellor educación sexual que cantar o pousa pousa pousa arredor da mesa cos tíos e os primos e avós. Esa picardía e falta de complexos para entoar asuntos sexuais resulta unha alfaia para entender a sexualidade dun modo festexeiro que é, penso, o mellor modo de entendela.

Un lugar erótico en Galicia? Algunha recomendación para viaxar?

A natureza en estado puro é o mais quente que hai, e en Galicia aínda quedan recunchos. Pero mellor non sinalar ningún, para que sigan salvaxes.

"Cando escribo en galego sáeme una vea retranqueira que me encanta, e penso que unha tenrura especial tamén"

Ti escribes en castelán, pero tamén en galego. Que diferenza hai ao escribir sobre sexo en galego?

Pois bastante. Atópome mais cómoda escribindo en castelán porque a miña educación foi nesa lingua, e a meirande parte das miñas lecturas. Pero cando escribo en galego sáeme una vea retranqueira que me encanta, e penso que unha tenrura especial tamén.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.