Praza convídate ao concerto de Talabarte, Cuca Roseta, Sérgio Tannus Trío e Orques Grasses

Conxunto de Talabarte CC-BY-SA Culturactiva

Talabarte, Cuca Roseta, Sergio Tannus Trío e Orques Grases sobre o escenario e, entre o público, persoas afeccionadas á música ao carón de programadores e programadoras internacionais. É o plan que Praza Pública e Culturactiva che propoñen para o vindeiro xoves, 23 de outubro, na Sala Capitol de Santiago, onde se celebrará o Musicshowcase, unha mostra ecléctica de talento cun horario, de seis da tarde a dez da noite, que permitirá compaxinar o concerto coas actividades do Womex 14, que se celebra durante eses días na capital de Galicia.

Quen son os artistas?

Talabarte é un novo concepto de formación en Galicia, estritamente acústico e baseado na música tradicional contemporánea. No proxecto únense tres músicos veteranos e indispensables dentro da escena musical galega: o violín de Quim Farinha (compoñente do extinto grupo Berrogüetto), o acordeón diatónico de Pedro Pascual (Marful) e o contrabaixo de Kin García, músico habitual de Susana Seivane.

Cuca Roseta entrou por vez primeira nunha casa de Fado con 18 anos. Nese momento, a artista lusa comeza a súa relación coa música. Ese contacto non significou unha revolución, mais si o comezo dunha evolución que a levaría a converterse nun referente na canción portuguesa ao mesturar a tradición musical con novas tendencias.

Sérgio Tannus Trío é o conxunto de Sérgio Tannus, un dos artistas máis completos da safra brasileira. Virtuoso en instrumentos variados –como guitarras, violíns, cavaquinho ou bandolín- o músico foi perfeccionando a súa técnica e, dende 2006, reside en Santiago, converténdose así nun dos referentes do que Uxía chama brasilegos, músicos procedentes de Brasil que mesturan as músicas de un e do outro lado do océano. Paulo Silva, natural de Salvador de Baía, é un percusionista consolidado e cunha ampla nómina de colaboracións. O terceiro membro da formación é Gutier Álvarez, músico de zanfona, violín e gaita.

Orques Grasses é o grupo catalán formado por José Montero (voz e guitarra), Arnau Altimir (batería), Joan Borràs (teclado), Guillem Realp (baixo), Miquel Biarnés (trombón), Miguel Rojo (trompeta) e José Valldeneu (saxo). Dese xeito, a súa natureza pertence á estirpe das bandas multiinstrumentais, próximas a formacións que nos poden levar a sensibildiades próximas a Nova Orleans. Ou non, porque son iso ou todo o contrario.

Como tedes que facer?

1- Ir á páxina de Culturactiva no Facebook, premer en "gústame" e compartir o evento do Musicshowcase.

2- Enviar un correo electrónico a comunicacion@culturactiva.org

3- Ter sorte de levar as dúas entradas individuais que sortearemos o sábado ou as outras dúas, que sortearemos o martes :).

Cartaz do concerto CC-BY-SA Culturactiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.