0 Gardados para despois

E há de vir o Apalpador!

Romina Bal


Este sábado ás seis da tarde chega a Compostela o Apalpador.  Partirá do Centro Social da Gentalha do Pichel, entidade responsable da recuperación da súa figura no 2007. Saíra acompañado por, entre outros, nenos da escola infantil Semente en ruada pola zona vella da cidade. É unha festa de inverno que se repite todos os anos en que nenos, nenas e maiores teñen a oportunidade de ver o famoso carboeiro. De grande altura, case xigante e cunha barba rubia, vén cargado de castañas, de presentes feitos artesanalmente, sempre apostando por un consumo responsable e repartindo  aloumiños entre os pícaros. Tamén chamado Apalpabarrigas ou Pandigueiro cativou xa os nosos fogares reconciliándonos coa tradición, co pobo.

Desde as montañas do Courel en que vive, achégase a aldeas, vilas e cidades nos dias 24 ou 31 de decembro á noitiña, para apalpar as barriguiñas dos pequenos e comprobar se comeron ben ao longo do ano.  Cando xa é de noite, caladiño, apalpalles o ventre e, se as súas barrigolas están cheas, musítalles aos oídos: “Así, así esteas o ano todo” e, se polo contrario, aprecia que teñen a barriguiña baleira, marcha preocupado e déixalles unha presada de castañas.

Desde as montañas do Courel en que vive, achégase a aldeas, vilas e cidades nos dias 24 ou 31 de decembro á noitiña

A figura do Apalpador, que entronca con outros personaxes peninsulares como o Esteru cántabro ou o Olentzero vasco, xa forma parte das nosas tradicións e os nosos pícaros coñéceno por medio das escolas, de libros, de cancións, de títeres, das entrañables figuras de lá, chaveiros, teatriños, imperdibles... 

O Apalpador tamén visitará outras localidades da Galiza ao longo de toda a fin de semana e se non tes oportunidade de velo en persoa non te preocupes, xa que ao espertar pola mañanciña comprobarás da súa existencia.

Na web da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística podes atopar un amplo ronsel de recursos sobre esta figura senlleira.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.