Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de marzo

CC-BY-SA Diego Giráldez

Marzo


SEMANA 1

Colchóns á rúa

En cada desafiuzamento hai unha raia triste de horizonte que se esnifa, porque te incitan, para provocar nostalxia: a recollida das pertenzas. Así, o 3 de marzo, María e o seu home sacaban á rúa un par de fillos e algo de comida caducada, colchóns usados e algún xoguete para axudar a despistar. A familia de Ourense foi expulsada da súa vivenda por contraer unha débeda de 2.100 euros. Un dispositivo formado por unha vintena de policías municipais controlaba o desaloxo dos perigosos sen ingresos. Ese mesmo día, o sol seguía pegando contra o ático inmune no que Ignacio González se desestresaba.

El gallego

Esta semana, a Confederación de Empresarios de Galicia reclamaba que se suprimira toda referencia ao uso do galego como baremo para acceder ás subvencións autonómicas. “Que el gallego no se tenga en cuenta para nada”, aclaraban subxugando o acento. Ao día seguinte, este diario publicaba que, en 2006, a Xunta lle dera un millón de euros á patronal para poñer en marcha un Servizo de Normalización Lingüística. Aí o galego molaba, tocaba arrimarse ao bipartito. “Fefi, no te preocupes si ahora te hablo un poco de gallego en público, es para una subvención”. Hoxe, sen eses cartos, para eles o galego volve ao lugar de onde nunca debeu saír. Son este tipo de empresarios que practican o deporte hortera de untar manteiga -aquí e acolá- nos almorzos informativos.

Cacharro

A Cacharro Pardo non lle gustaba Feijóo. É natural. En 2006, durante unha cea nun restaurante en O Grove, o actual líder do PPdG comunicáballe que o cambiaba por Barreiro. “Hai que admitir deportivamente as malas novas”, consolábase daquela Cacharro. O domingo día 8 deste mes de marzo morría coma quen morre un par de veces. 

SEMANA 2

O susto da baixada do IVE cultural

Aos mortais, os luns gústanos almorzar Ibuprofeno e pasar de disimular os bocexos. Punto. Non se admiten sustos que alteren a normalidade. E se ves que os culturetas do teu timeline, comezan a compartir unha nova que di que o Goberno rebaixará o IVE cultural do 21% ao 10%, o mellor é sentarse, respirar profundo e agardar a que Rajoy o desminta dende unha comparecencia en Guatemala. E sobrevivir fodido, un luns máis, coma se nada.

70 anos de paz.

Sempre que escoito que fulano é numismático maxínoo vestido cos rabos do chaqué en tensión e botíns brancos de piqué. Tamén bebendo algo exótico e coleccionando moedas de 200 euros co perfil de Felipe VI e cun lema: “70 años de paz”. Din que emitiron esa moeda para conmemorar o remate da Segunda Guerra Mundial esquecendo que, daquela, no país dos Borbóns, tiña o poder un tipo sanguinario. Está claro que ese tipo de moedas non activan máquinas do tempo, nin sequera valen para as de tabaco. Nin valen para pagar a felicidade dos que tamén teñen a sensación de levar agardando 400 anos para que aplaudan aos seus ósos. Hai “quixotes” e “quixotes”.

SEMANA 3

Un domingo, eclipse solar

O día 20 a xente madrugaba para vivir a experiencia de ver o eclipse solar. Os sendeiristas espirituais revestíanse de “Quechua” para velo dende o monte, os hipsters, metidos en jeans angostos, sacaban do caixón da cómoda a radiografía da súa última lesión e os máis afortunados contemplábano con resaca, de reenganche, dende a praia. O caso é que hai quen pensa que os eclipses son iconas de malos augurios. Esa mesma semana, 22 persoas morrían nun atentado en Túnez e José Luis Moreno dáballe o último retoque ao guión dun novo programa en TVE. Xulguen vostedes.

En ningún caso extrapolable

IU-5. Ciudadanos-9. Podemos-15. PP-33. PSOE-47. Feijóo, dende o primeiro día de campaña en Andalucía, suou a camisa apoiando ao candidato popular. Impartiu tantos mitins coma Pedro Sánchez. Os socialistas ganaban e o PP caía de xeonllos, coma un penitente. “O eclipse…”, debeu pensar Rafael Hernando. Mais non se molesten en crer que ese desgaste é extrapolable aquí, en ningún caso. En Andalucía lévanos a votar en carreta, aquí en autobuses con aire acondicionado. É distinto.

SEMANA 4

Os Alpes

O perfil montañoso de Europa sempre se estudou sobre un mapa físico. Habería a quen lle parecería aburrido mais non se albiscaba perigo. Un avión con 148 pasaxeiros esnafrábase esta semana nos Alpes e, por toda a cadea montañosa, o eco da caixa negra botáballe a culpa a un copiloto deprimido. Mentres, os que suspenden Ciencias Sociais, lanzaban tuits sobre por que Telecinco conectaba en directo coa traxedia e deixaba de emitir  “Mujeres y hombres y viceversa”. O chonismo é macizo e escarpado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.