Dez novas para recuperares se desconectaches na Semana Santa

Estación ferroviaria de Lugo, sen trens © Adif

Con independencia do que signifiquen para ti as celebracións dos últimos días e alén de que pasases unhas xornadas máis próximas aos canons da Semana Santa ou aos da uruguaia Semana de Turismo é moi posible que nos últimos días, especialmente a partir do mércores, desconectases un chisco da actualidade. Se así foi cabe a posibilidade de que no remate dos días festivos e no pórtico da nova semana volveses ligar o computador ou te detiveses ante a pantalla do teléfono ou da tableta para recuperares algo do acontecido nos últimos días. Malia ao vermello no calendario o mundo seguiu a xirar e seguiron acontecendo cousas, algunhas terribles, outras probablemente intranscendentes e outras que convidan á critica e á reflexión profunda. Para facerche máis doada a escolma no retorno ao cotián recuperamos dez das principais pezas informativas publicadas en Praza Pública durante este período festivo.

1- Viaxe pola Galicia do tren lento

O pasado luns contra o serán as plataformas as plataformas da nova estación ferroviaria de Vigo estaban inzadas de xente. Semellaba unha manifestación, pero non o era. Tratábase dunha enorme acumulación de cargos públicos e dalgunhas persoas con desexo de selo que culminaban a carreira de inauguracións que a convocatoria formal das eleccións municipais obriga a frear en seco dende este martes. Alí, na flamante e aínda non operativa nova estación de Urzáiz o presidente da Xunta saudaba a "culminación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade" como "un momento histórico". A conclusión de 14 anos de obras "cambiará a forma de entender Galicia, de relacionarnos", auguraba. Seguir lendo

2- A xuíza detecta sobresoldos no PP de Ourense e atribúeos á 'caixa B' do partido

A investigación sobre a presunta 'caixa B' do PP de Ourense segue a alargarse. Apenas dúas semanas despois de que a xuíza Pilar de Lara tombase o recurso co que José Luis Baltar tentou frear o proceso a maxistrada vén de ordenar novas dilixencias. Faino tras examinar un informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira elaborado a partir da documentación "facilitada" o pasado febreiro por Emilio Pascual, ex xerente do partido e testemuña na causa. Os papeis, lonxe de afastar as sospeitas, reafirman a xuíza na hipótese de que a formación funcionou cunha 'caixa B' que, considera, serviu para financiar gastos electorais e tamén sobresoldos, gratificacións que ata agora non mencionara. Seguir lendo

3- A economía galega en 2014: radiografía dunha chaira

"O que non son contas, son contos". Esta escasamente científica sentenza serviu en máis dunha ocasión para, dende diversas latitudes ideolóxicas e partidarias, ilustrar a necesidade de que as grandes proclamas políticas a respecto da xestión pública estean sustentadas en números, que en última instancia implican cartos. Dende a chegada ao poder do actual Goberno galego as cifras foron parte esencial dos argumentarios políticos do gabinete que dirixe Alberto Núñez Feíjoo. A "austeridade", primeiro, a "anticipación" ás medidas de recorte, despois, e, por último, a aseveración de que "Galicia está en mellores condicións para ser das primeiras en saír da crise", pronunciada no seu discurso de investidura de 2012, marcaron o ritmo dunha política económica que se revelou efectiva para cumprir os dous primeiros obxectivos, pero non así o terceiro, o da saída da crise e a recuperación. Seguir lendo

4- A Coruña: entre a rolda "ata Madrid" e a inauguración dun anaco da Mariña

Hai dúas semanas e máis de oito anos despois de que se colocase a primeira pedra, a Terceira Rolda da Coruña abriuse case na súa totalidade ao tráfico. Nunha inauguración chea de políticos e fotografías varias, Núñez Feijóo e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asistiron á apertura dunha vía clave para a cidade, quince anos máis tarde de que fose concibida e aínda coa maioría dos expropiados pendentes da súa indemnización. Seguir lendo

5- O Consello da Xunta (non) aproba a radioterapia para Lugo

O pasado martes o pleno da Deputación de Lugo aprobou unha moción impulsada polo seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro, para ofrecerlle á Xunta o financiamento necesario para a apertura as 24 horas do servizo de hemodinámica do Hospital Lucus Augusti, a unidade que atende infartos e que actualmente funciona só en horas de oficina. A proposta, subliñou Besteiro na sesión, pretendía "retratar" o PP no enésimo capítulo deste conflito sanitario e amosar, sinalaron os socialistas, que a cuestión é máis de "vontade política" que de "cartos". Apenas vinte e catro horas despois foi Alberto Núñez Feijóo quen, dende o Consello da Xunta, moveu peza nesta eterna partida de xadrez a medio camiño entre o político e sanitario. Os populares fixeran transcender que o Goberno galego aprobaría na súa reunión deste xoves outro dos servizos pendentes do HULA, a radioterapia. Así se presentou, aínda que, en rigor, non foi isto o que aconteceu. Seguir lendo

6- Talas masivas na Ribeira Sacra poderían facer perigar a declaración da UNESCO

Amigos da Terra vén de denunciar a corta a feito (polo pé) de centos de árbores en pleno corazón da Ribeira Sacra ourensá, moi preto de Santo Estevo de Ribas de Sil e a carón do lugar de interese comunitario (LIC) Canóns do Sil. As talas, que afectaron a unha superficie de ao redor de 80.000 metros cadrados, levaron por diante especies moi diversas, tanto autóctonas como alóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros, cerdeiras, choupos, olmos, abetos, cedros, thuias, chamacyparis, criptomerias, acacias, plátanos híbridos...) algún dos exemplares centenarios, e árbores de ata 150 centímetros de diámetro. Seguir lendo

7-Tres de cada dez dependentes galegos con dereito a prestación non a reciben

CC.OO. publicou este mércores unha Análise do sistema de atención á dependencia en Galicia no bienio 2013-14. O sindicato critica a "excesiva" espera na nosa comunidade autónoma: un 29,55% das persoas dependentes con dereitos recoñecidos a unha prestación non a reciben. Esta porcentaxe está once puntos por riba da media española (18,71%); ademais, só tres comunidades autónomas (Canarias, Murcia e Aragón) presentan peores datos que a galega. Aínda que a lista de espera baixou dun 36,43% en 2009 a un 29,55% en 2014, CC.OO. sinala que "non debería haber lista de espera salvo naqueles casos que poidan ser totalmente casuísticos". Seguir lendo

8- Morre Manoel de Oliveira aos 106 anos

O director Manoel de Oliveira morreu esta mañá aos 106 anos de idade na súa casa de Porto. Convertido no máis lonxevo cineasta en activo, filmou máis de 60 películas, dende Douro, Faina Fluvial (1931) até a curta O Velho do Restelo (2014), destacando obras coma Aniki Bobó (1942) ou O Pintor e a Cidade (1956), consideradas clave na historia do cinema portugués. Seguir lendo

9- O Ministerio proporá corrixir a marxinación do galego na produción científica

O Ministerio de Educación comprométese a estudar no vindeiro mes de xuño a variación dos criterios de avaliación da actividade investigadora no relativo ao uso das linguas cooficiais en publicacións científicas. Responde así á petición presentada pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística das tres universidades galegas, que achegou ao Goberno central un estudo sobre o emprego do idioma propio como lingua cientíica no ámbito universitario. Seguir lendo

10- O PSdeG garante o impulso a gobernos "de esquerda" tras as municipais

Un dos interrogantes máis recorrentes cara ás vindeiras eleccións municipais é o ligado ao xeito en que actuará o PSdeG en escenarios sen maiorías absolutas. Lonxe dos tempos en que a configuración do panorama político galego e a correlación de forzas alén do PP impulsaba acordos xerais entre os socialistas e o BNG, o escenario no que se celebrará o 24-M, os ruxerruxes en torno a unha eventual "gran coalición" no Estado e a conformación das 'mareas' en diversos municipios alimentan as análises -e tamén as especulacións- a respecto de cal será a aposta dos socialistas en posibles escenarios sen maiorías absolutas. Este é o panorama no que a secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela, vén de subliñar que a intención do partido non é outra que impulsar gobernos "de esquerda". Seguir lendo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.