O Manneken Pis, peregrino durante sete horas (e non durante un mes)

Notas difundidas pola Xunta e polo Concello de Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

"A famosa estatua de Bruxelas Manneken Pis vestirá o tradicional traxe de peregrino do Camiño de Santiago ata finais de mes". O pasado domingo, na remate da primeira e longa fin de semana de maio, a Xunta difundía aos medios unha breve nota para informar de que a célebre figuriña do Manneken Pis, no centro da capital belga, ía estar ataviada como un antigo peregrino a Compostela durante o que restaba de mes. Os responsables turísticos do Goberno galego informaban ao respecto como mostra da proxección internacional do Camiño, que ía ter durante todo o mes de maio un novo escaparate. Pero o certo é que o pequeno neno do século XVI só emanou espírito xacobeo durante unhas horas.

Segundo a Xunta, esta iniciativa, "promovida pola Asociación Belga de Amigos do Camiño de Santiago", constitúe "unha mostra máis do alcance internacional que acadou o Camiño de Santiago". Ata aquí, certo. "Servirá para difundir e promocionar a ruta xacobea entre o mercado belga e todos os turistas que se achegan neste mes a Bruxelas". É aquí onde o entusiasmo gobernamental comeza a diverxer da realidade.

A Xunta difundiu que o neniño do século XVI estará vestido de peregrino "ata finais de mes", pero realmente estívoo só o día 2 de 11 da mañá a seis da tarde

Efectivamente, a devandita asociación elaborou un traxe de peregrino para o Manneken Pis e, efectivamente, a estatuíña estivo ataviada con ela. Fíxoo, concretamente, o pasado sábado entre as 11 da mañá e as 6 da tarde, segundo informou o Concello de Bruxelas. O consistorio da capital belga detallou, asemade, que o acto se celebrou en conmemoración do trixésimo aniversario deste colectivo de afeccionados ao fenómeno xacobeo e indica que a celebración "xa rematou".

Ata o 30 de maio o Manneken Pis levará ata 14 traxes distintos

Como menciona a propia Xunta na súa nota, antes do traxe de peregrino o Manneken Pis vestiu máis de 900 traxes, toda vez que é unha tradición que a estatua sexa ataviada de múltiples formas para homenaxear os máis diversos acontecementos e colectivos. De feito, o Concello de Bruxelas, institución que ofrece con notable transparencia un bo volume de información sobre o seu funcionamento, publica en formato open data todas as vestimentas do Manneken Pis dende o século XVIII.

O que obvia o Executivo galego é que é imposible que a vestimenta xacobea sexa a protagonista "ata finais de mes", toda vez que o neniño ten unha axenda de traxes notablemente ocupada. Así, ata o trinta de maio, o Manneken Pis vestirase, por exemplo, cun traxe específico dun festival de artes escénicas, de tipógrafo, cun traxe composto por bandeiras de países europeos, de arqueiro, de granadeiro e mesmo coa equipación do Barça para conmemorar o seu primeiro triunfo na Champions League. Así, 14 traxes diferentes ata o vindeiro día 30.

A asociación promotora do acto, o pasado día 2 co Manneken 'peregrino' © Ordre des Amis de Manneken-Pis
A estatua, con algúns dos traxes que 'vestiu' © Concello de Bruxelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.