0 Gardados para despois

Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de xuño

Diego GiráldezDiego Giráldez | @diegogiraldez


Xuño

SEMANA 1

A Xunta ponse dura

Arrancaba xuño e liamos que a Xunta andaba coa teima de abolir o fisting. Non é que esgriman que o puño como xoguete sexual sexa cousa de populistas radicais; eles, din, consideran que é antihixénico. Igual que o cruising. Para previr enfermidades venéreas non hai nada mellor que evitar o sexo adulto entre descoñecidos. Non ir por aí lubricando sen carné; untándose de suor alleo e amoral. Semanas despois, verían ao alcalde de Becerreá en tanga usado entrando na Deputación de Lugo disposto a practicar o cancaneo.

SEMANA 2

O FMI e os xermes

Kimberly-Clark é unha empresa eficaz de produtos de hixiene. No ano 1944, o Goberno de Estados Unidos premiouna polo labor crucial que desenvolvera durante a II Guerra Mundial subministrándolle papel hixiénico aos soldados. O Fondo Monetario Internacional (FMI) nacía un ano despois. Nun estudo recente, Kimberly-Clark deducía que o número de xermes presentes nunha oficina é 400 veces maior aos que residen na taza dun váter. O FMI, o pasado 8 de xuño, pedía subir o IVE, abaratar aínda máis o despido e seguir a recortar en gasto social. Demóstrase así, que as oficinas da sede desta institución internacional son pura infección.

Zerolo irrecorrible

Un día antes da voda de Pedro Zerolo, o PP presentaba un recurso perante o Tribunal Constitucional contra o matrimonio homosexual. Despois da celebración, pisando a Praza Maior madrileña, Zerolo atendía aos medios e lanzaba unha das súas sentencias máis fermosas e valentes: “Este amor es irrecurrible”. Din que nos deixou Zerolo. Minten. 

López Orozco. Arde Lucus.

Dous días antes da toma de posesión dos novos cargos municipais, Xosé López Orozco, renunciaba aos laureis para que o PSdeG seguira gobernando. BNG e Lugonovo son así. Deste Orozco a aquel que, sendo alcalde, dixera nun pleno do Concello: “Este é o templo da democracia e eu son o sumo sacerdote”, xa hai un tramo. Foi Orozco quen amamantou a Rómulo e Remo, non a loba. 

SEMANA 3

Bailando el tuit

Aos recén elixidos concelleiros por “Ahora Madrid”, Pablo Soto e Guillermo Zapata, rebuscábanlle entre os seus tuits igual que un ionqui escaravella no peto da chupa na procura dunha alternativa. As mensaxes, chistes dun mal gusto considerable, serviron para atacar a toda unha primeira realidade de cambio. Para abrir unha veda, todo indica, longa e salagre, de portadas e columnas teledirixidas. O de can amestrado, educado para rastrear tuits igual que os que localizan trufas, é un traballo como calquera outro.

Cambios na dirección (do partido)

Mentres Rajoy se achegaba ao atril para anunciar os cambios na dirección do partido, o corazón do plasma comezaba a latexar, obsesivo. A sala de prensa contiña a respiración. A famosa pantalla dominaba a taquicardia. O seu futuro laboral estaba en xogo. Cando o líder remataba a súa intervención, o plasma de Génova quedaba aceso emitindo a imaxe ridícula dun atril baleiro mentres dicía, medio en silencio: “En fin, obsolescencia programada…”

SEMANA 4

“España, España, bandera, bandera…”

Para escribir sobre a bandeira española descomunal que Pedro Sánchez usou de fondo na súa presentación como candidato á Presidencia, escoito o himno de Tony Lomba & Elio dos Santos: “España, España, bandera, bandera, un respetito pues hay sólo una Patria”. Se Sánchez quería dar a entender que o PSOE é español conseguiuno. Suponse que agora comezará a facer o mesmo co “O”, e logo co “S” e así todo.

Europa

Cando Otto Von Bismarck, o canciller “de Ferro”, o que din foi fundador do Estado alemán moderno, estaba co asunto da unificación alemá, visitou unha pequena vila dun estado recén “adquirido”. Unha nena colleu ao militar da man e díxolle: “Podo facerlle unha pregunta? É que teño moita presa…”. Bismarck díxolle que si e a nena preguntou: “No colexio queremos comprar un atlas novo e quixera saber se están trazadas xa as novas fronteiras de Alemaña ou agardamos”. A unificación alemá estendeuse a toda Europa. Todos foron anexionados. A nova Grecia resiste. Referendum. 

Nota: A “Lei Mordaza” entrou en vigor o 1 de xullo. Falarei dela no vindeiro “patio”. Ademais, prefiro lela antes con detemento e ter tempo para limpar os tuits do meu pasado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.