Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de xullo

O patio de luces de xullo © Begoña Outeiro

Xullo

SEMANA 1

A Lei Mordaza

O 1 de xullo entraba en vigor a chamada “Lei Mordaza”. A súa aprobación é tan vintage coma unha camisola na que se estampa a cara de Franco e queres facer pasar por cool. Con esta Lei, o PP prohíbe facer todo aquilo que eles nunca farían de seu: escalar edificios para protestar nas alturas, frear a cegas un desafiuzamento, fotografar policías a traizón,… Mais hai unha “falta grave” que terán que revisar para Galicia de cara ás eleccións autonómicas se non queren obstaculizar a súa propia maquinaria electoral: “El traslado de personas, con cualquier tipo de vehículo, con el objeto de facilitar a éstas el acceso a drogas”. 


Oxi

Din que votar é algo típico das democracias a secas. O 5 de xullo, o pobo grego participaba nun referendo e dáballe a vitoria ao “oxi” (non) defendido por Tsipras en contra dos vicios da troika. Durante o escrutinio, Merkel, Draghi e Lagharde, atentos ás notificacións do “eurogrupo”, procuraban o emoticono axeitado. Cos resultados, Merkel mandaba o mono cos ollos tapados, Draghi a merda sorrinte e Lagharde o pintauñas rosa. Varoufakis decidía abandonar o grupo. Logo alguén engadiría a Tsipras, co molesto que é iso ás veces.

 

SEMANA 2

“Cuervo ingenuo”

Unha noite de xoldra do pasado decembro, na entrada do “Reixa” en Compostela, atopei a Krahe falando cun bo amigo meu. Interrumpín a conversa e aparvado polos graos, entreille: “Buenas, Sr. Krahe, ¿puedo hacerme un selfie con usted? (aínda me doe facelo público). “Mientras no le llame usted así…”, díxome. Na imaxe, aparecía eu en primeiro plano con cara de gilipollas e Krahe de costas ao obxectivo, naturalmente. Borreina, obvio, “prefiero caminar con una duda, que con un mal axioma”.


Que espectáculo, Lito

Esta semana, os medios informaban de que o fisco reclámalle a “Espectáculos Lito” 20 millóns de euros. O Ministerio de Facenda acusa á empresa de declarar  tan só catro millóns dos 50 que recaudou entre 2011 e 2012. 50 millóns de euros. E iso que nalgunhas festas choveu.

 

SEMANA 3

Un chiringo tropical en Washington

Agora que nas festas hai postos caribeños de combinados tropicais por todas partes, esta semana, Cuba sumábase á moda e reabría un antigo chiringo en Washington. “Embassy”, chámanlle. O realmente importante sería saber a canto van poñer os mojitos.


Lalín, “concello libre de desafiuzamentos”

Dende que é alcalde de Lalín, cada vez que Rafael Cuiña publica un post no seu Facebook, semella que ergue os brazos como unha vedete de revista ao tempo que a orquestra fai “tachán”. Esta semana Lalín era noticia: o goberno local quere que sexa declarado “concello libre de desafiuzamentos”. Logo de retirarlle 600.000 euros do erario público a Bankia, a administración local non facilitará medios municipais para colaborar nas expulsións. Ser amigo del nas redes é optativo, mais é evidente que Cuiña está a lanzar con efecto.


Dositeo e Palmou

Dositeo Rodríguez e Xesús Palmou foron noticia. Como pode ser? Pois si. Palmou saíu en defensa de Dositeo, imputado no caso da “Fundación Camilo José Cela” por unhas supostas subvencións fraudulentas cando el era patrón. Presunta  malversación de fondos públicos e tal. Palmou dixo que Dositeo era un tipo honorable. É normal que se defendan, son colegas de toda a vida. Incluso seguen indo xuntos ao “Consello de Contas” como quen vai a rehabilitación logo de romper a cadeira. Ou a Benidorm.

 

SEMANA 4

O busto

Nunha caixa de cartón, nin sequera embalado en papel de burbullas, o busto de Juan Carlos I era transportado do salón de plenos do Concello de Barcelona ao soto do inmoble. A decisión abría telediarios e indignaba aos constitucionalistas. Nunca un busto causou tanta polémica en España dende que Sabrina bailaba o “boys, boys, boys”.


25 de xullo. Marcha da unidade

Din que cando Xurxo Souto entooou dende o escenario da Quintana: “Non canta na Chá ninguén / por eso meu carro canta”, as monxas de San Paio de Antealtares quixeron crebar a clausura e baixar un rato para unirse ao presente.

 

O patio de luces de xullo © Begoña Outeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.