A chuvia non impide que os Reis Magos percorran vilas e cidades galegas nas cabalgatas

Cabalgata de Reis na Coruña © Concello da Coruña

Os Reis Magos chegan na noite deste venres a todos os fogares galegos. Malia as previsión meteorolóxicas que anuncian chuvias para a tarde, a diminución da súa intensidade co paso das horas permitirá que as cidades e vilas do país acollan as tradicionais cabalgatas ante milleiros de persoas. Os máis pequenos poderán saudar as súas maxestades e gozar cos diferentes espectáculos que agora protagonizan uns desfiles moi variados. Velaquí o percorrido e características dalgunha delas. 

As previsións meteorolóxicas, tal e como avanzou o Concello de Vigo, indican que non choverá entre as 16 e as 20 horas, polo que a cabalgata na cidade olívica continúa co plan previsto. A comitiva dos Reis Magos partirá de Isaac Peral ás 18 horas. As carrozas están inspiradas en contos infantís logo de que o pasado ano o tema principal fora o Dinoseto. O alcalde, Abel Caballero, di que será "a mellor cabalgata de Europa" e que "toda España" está pendente dela. Está previsto que se repartan catro toneladas de caramelos e que participen máis de 1.250 persoas. A saída será desde o último tramo de García Barbón, as diferentes carrozas pasarán por Policarpo Sanz e rematarán na Porta do Sol sobre as 20 horas. 

Abel Caballero asegura que a cabalgata de Vigo será "a mellor de Europa"

Na Coruña, a cabalgata percorrerá a cidade desde as 17.30 e ata as 20.30 horas, hora aproximada de chegada. Discorrerá pola cidade desde a praza de Pablo Iglesias, no Castrillón, ata María Pita, nun percorrido de 4,3 quilómetros que a levará pola avenida da Concordia cara á rúa Javier López López, avenida de Monelos, Pérez Ardá, Fernández Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, Primo de Rivera, Linares Rivas, Sánchez Bregua, Cantóns e A Mariña.

A comitiva estará composta por 13 carrozas, das que sete son municipais e o resto de empresas colaboradoras, ademais dunha dos Bombeiros e catro trens, onde irán as nenas e nenos que participan como figurantes. A eles sumaranse menores usuarios e usuarias dos servizos sociais municipais e doutras entidades que traballan neste ámbito e a quen o Concello convidou a formar parte da cabalgata.

O desfile na Coruña comezará no Castrillón e empezará ás 17.30 horas

En Ourense, pola súa banda, serán máis de 250 persoas as que acompañarán os Reis Magos nun percorrido que os levará desde a estación de tren da cidade, de onde sairá ás 18.15 horas, ata a praza Maior, pasando pola avenida das Caldas, Ponte Vella, rúa Progreso e rúa Doutor Marañón. A temática xirará sobre os planetas e o sistema solar e a festa rematará coa tirada de fogos artificiais ás 21 horas horas na ribeira do Miño.

No caso de Santiago, os Reis Magos chegarán ás 17.25 horas á estación do tren, onde serán recibidos polos paxes e o resto da comitiva real antes de iniciar, ás 18 horas, o seu percorrido polas principais rúas do Ensanche de Compostela: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e praza do Obradoiro, a onde está prevista a chegada ás 19.30. Alí terá lugar un espectáculo aéreo de gran beleza, para despois comezar a recepción real a todos os nenos e nenas que o desexen.

Cabalgata dos Reis Magos en Ourense / © Concello de Ourense

Haberá sete carrozas: as tres dos Reis Magos, que estarán acompañados polos paxes e polos heraldos reais; a do Carteiro Real; a carroza da Serea Maruxaina; a carroza Natureza máxica e outra que "traerá os carbóns para aquelas persoas que terán o deber de mellorar o próximo ano", como lembran desde o Concello. O tema principal será "A maxia das lendas". Ademais, desfilarán 25 combos artísticos de diferentes temáticas, entre os cales haberá zancudos, espectáculos de pompas, danza, música, teatro ou circo. A participación aproximada deste ano será de 450 persoas,das que 200 son voluntarias. A música orixinal para o inicio e remate foi feita polo artista Pulpiño Viascón e repartiranse 2.000 quilos de caramelos sen glute e aptos para alérxicos ao longo do percorrido. 

En Pontevedra, a cabalgata saría ás 18 horas da rúa José Malvar e pasará por Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e a Alameda. Segundo destaca o Concello, xunto ás carrozas reais "non vai a faltar música, bailaríns, teatro e animación na rúa ademais de personaxes animados e de conto". Será coa noitiña enriba cado ncomezará o agardado reparto de agasallos.

Mesmo antes, pola mañá e desde as 10.45 horas, sairá do Concello a comitiva cara ao pazo de Mugartegui para a recepción oficial. Nesta ocasión, o percorrido será: Michelena, paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Sarmiento, César Boente, praza da Pedreira, Mugartegui, en cuxo pazo terá lugar o recibimento. 

Cabalgata de Reis na cidade de Lugo / © Concello de Lugo

No caso de Lugo, a cabalgata partirá ás 18.15 horas do Parque da Milagrosa. as maxestades de Oriente, subidas en tres carrozas, xunto cos seus pequenos paxes, e acompañados de unicornios ou robots luminosos, entre outras sorpresas, percorrerán a rúa Monte Faro, a avenida da Coruña, a ronda da Muralla, praza de Ferrol, rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, praza de Santo Domingo, rúa da Raíña e praza Maior. A chegada está prevista a partir das 19 horas para recibir todos os nenos e nenas. A comitiva estará formada por unhas 300 persoas, entre figurantes e artistas, membros da organización, axentes da Policía Local, voluntarios de Protección Civil e os bombeiros.

En Compostela ou Ourense os Reis chegan á estación do tren; en Ferrol, saen do peirao

A alcaldesa da cidade será a encargada de dar a benvida aos Reis Magos diante do Concello. Posteriormente, as súas maxestades saudarán os presentes dende o balcón e atenderán un por un aos pequenos e pequenas que queiran transladarlles as súas peticións. Neste encontro repartiranse máis de 2.000 quilos de caramelos, todos eles sen glute. Ademais, haberá 3.000 paquetes de lambetadas, cunha partida especial para diabéticos.

En Ferrol, será entre as 17.15 e as 17.30 horas cando os Reis Magos cheguen ao peirao de Curuxeiras no barco dos amarradores, como é tradición na cidade naval, e rematará cunha recepción aberta a todos os nenos e nenas no recibidor do Pazo Municipal do Concello, para recoller cartas e anotar os desexos dos cativos e cativas a partir das 20 horas, cando remate o desfile.  

Desde o porto de Ferrol Vello, os tres reis desprazaranse até a Rúa Venezuela para ocupar o seu lugar nos tronos que forman parte dunha cabalgata cun total de dez carrozas. Da comitiva participan tamén o camión dos bombeiros da cidade, un camión de Mariña e o carro de carbón pechando o desfile. A temática elixida este ano para o deseño das carrozas son os catro elementos da natureza: lume (dragón); aire (bolboreta); terra (un xardín) e auga, con temática mariña e presidido por un faro. A estas catro carrozas, hai que sumar as tres que ocupan as maxestades, unha especial accesible e solidaria cunha balanza representando a igualdade entre xéneros e iconas de todo o mundo, un portal de Belén e unha específica dedicada a música onde vai a rapazada das bandas da cidade. 

Ademais de nas sete cidades, son maioría as vilas galegas que celebrarán tamén as súas cabalgatas durante a tarde e a noitiña deste venres. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.