As previsións apuntan a un agosto solleiro, cálido e sen precipitacións

Todo apunta a que podemos vivir un agosto seco e con temperaturas altas CC-BY-SA HombreDHojalata

Aínda que este luns os ceos estean cubertos en boa parte de Galicia, mesmo con algunhas chuvias, que están afectando ás zonas de costa, agosto será un mes solleiro, con altas temperaturas e bastante seco, continuando coa ausencia de precipitacións que vén marcando os últimos meses. Iso é cando menos o que apuntan as predicións, que dende logo non son son infalibles con dúas ou tres semanas de distancia.

Esta primeira semana do mes as zonas costeiras do país terán nubosidade aínda ata o xoves (no interior, os ceos estarán despexados xa dende o martes). Porén, a partir do venres e sábado unha nova lingua de aire africano ascenderá pola Península. A Galicia non chegará directamente, pero si os seus afectos, subindo as temperaturas, con días soleados que de novo encherán nas praias. Esta situación manterase na segunda semana de agosto e pode que tamén no resto do mes.

Todo apunta "a un agosto no que continuaría o déficit de chuvia dos últimos meses, con bastantes días de praia nas Rías Baixas e temperaturas altas no interior"

Carlos Balseiro (4gotas.com) explica que "malia que os prognósticos a tan longo prazo non teñen aínda moita fiabilidade", todo apunta "a un agosto no que continuaría o déficit de chuvia dos últimos meses, con bastantes días de praia nas Rías Baixas e temperaturas altas no interior". "Na costa norte é posible que haxa máis días de nubes", engade.

Como sinalamos nesta información, "estamos diante dun dos anos con menos precipitacións nos primeiros 6 meses desde que hai rexistros en Galicia", destaca Balseiro. Malia iso, o meteorólogo non cre que a situación sexa "moi preocupante", xa que "os meses nos que se acumula máis cantidad de auga están por chegar e o estado actual dos encoros non é extremo". "Mesmo temos un 2% máis de auga que o habitual para estas datas", di. Uns datos que se poden seguir nesta web.

A Corrente do chorro sitúase máis ao sur do habitual e cunha ondulación xusto diante da Peninsula que axuda á ascensión de aire africano. Ademais o anticiclón dos Azores está un pouco máis lonxe do habitual

A explicación para esta ausencia de precipitacións e ao tempo cálido que está vivindo boa parte da península (e tamén o interior de Galicia) está, segundo comenta Carlos Balseiro, nas sucesivas entradas de aire africano (quente e seco) debidas en parte á posición da corrente do chorro (unha corrente de aire que viaxa a uns 10-12 quilómetros de altitude dende Norteamérica cara Europa) máis ao sur do habitual e cunha ondulación xusto diante da Peninsula que axuda a esta ascensión de aire africano. Ademais, sinala, o anticiclón dos Azores está un pouco máis lonxe do habitual, e por iso non estamos tendo moitos días de vento do nordés, pero está o suficientemente preto como para protexernos da chegada de borrascas.

"De feito" -engade- "estamos a ter moitos días de vento oeste-noroeste que fan que a temperatura da auga do mar sexa tan alta este verán e que a costa coruñesa (entre a Costa da Morte e Ferrol) sexa onde se notou menos esta vaga de calor que afectou a prácticamente toda a Península". "No resto de Galicia" -di- "en xullo tivemos polo día uns 3 graos máis do habitual, mentres que nese litoral só houbo 1 grao máis do que estamos acostumados nestas datas".

 

Un ano de seca, sobre todo en Ourense

O 2015 está a ser un ano moi seco en Galicia. Foi seco o inverno, cun nivel de precipitacións lixeiramente inferior á media das últimas décadas, e por debaixo da metade do rexistrado no comezo de 2014 (un inverno especialmente húmido); e foi seca a primavera, cunha media de 206 l/m2 acumulados en marzo, abril e maio, fronte aos 311 habituais nesta estación (datos medios entre 1971 e 2000). Como é habitual, as precipitacións son aínda máis escasas en Ourense, onde nos sete primeiros meses do ano caeron unicamente uns 259 litros por metro cadrado. En xullo as precipitacións foron case inexistentes na cidade das Burgas.

  precipitacións 2015 maio xuño xullo
Ferrol (CIS) 605,4 73,9 5,7 23,1
A Coruña (Mabegondo) 447,7 35,8 3,2 6,4
Santiago (EOAS) 557,6 98,1 7,5 23,2
Lugo (Campus) 455,4 35,2 16,2 12,8
Ourense 259,4 43,4 15,4 1,6
Pontevedra (Lourizán) 670,8 97,8 11,8 32
Vigo 804,7 73,7 8,1 14,5

Precipitacións acumuladas no que levamos de ano en estacións das sete cidades galegas. En l/m2. Fonte: Meteogalicia

A boa nova, como destacaba Carlos Balseiro, é que o nivel medio dos encoros galegos segue a ser moi alto. Os datos do 28 de xullo indicaban que estaban ao 74,66% da súa capacidade, algo por debaixo da situación que se rexistraba o pasado ano nesta data (80,48%), pero por riba da media da últma década (72,62%)

Tralas chuvias dispersas deste luns, o martes regresarán os ceos despexados a Galicia Dominio Público 4Gotas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.