Deleite vai de festival a Lugo, "capital do sector lácteo galego"

Presentación en Lugo da segunda edición do Festival do Leite Dominio Público Leite Noso

Leite Noso, a compañía impulsada por gandeiros galegos que no outono de 2015 se fixo coas marcas do fracasado proxecto Alimentos Lácteos e que actualmente se expande sobre as marcas Deleite e Muu, reparou o pasado ano en que, entre a multitude de festas gastronómicas existentes no país, ningunha estaba centrada no leite. Nunha das etapas máis complexas da historia recente do sector Deleite decidiu facerlle festa ao "rei do agro galego" creando o Festival do Leite, un evento musical e artístico que se estreou en 2016 congregando milleiros de persoas en Santiago e que o vindeiro 23 de setembro procurará un segundo éxito en Lugo, "capital do sector lácteo galego".

A xente de Leite Noso, Patricia Sánchez, presentou este venres na capital lucense xunto ao equipo do festival e á alcaldesa da cidade, Lara Méndez, un evento que volve ser de balde e en cuxo cartel musical destacan desta volta nomes como os de Caxade, Terbutalina ou Os Amigos dos Músicos. As súas músicas estarán acompañadas polo actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, quen di colaborar con Deleite porque "non só alimenta os nosos corpos", senón "tamén as nosas almas co seu apoio decidido á cultura galega".

O parque que arrodea o Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, ao carón do río Miño, será o escenario dun festival no que, avanza o seu responsable de produción, Manuel Tarrío, tamén está confirmada a presenza de bandas como Escuchando Elefantes ou Atrás Tigre. Desta volta o espazo infantil tamén terá unha programación de seu con convidados como o mago Don Gelati, o artista de circo Peter Punk ou o humorista gráfico Luís Davila, que "ensinará aos máis cativos a debuxar".

Caxade, Terbutalina, Os Amigos dos Músicos ou Atrás Tigre encabezan o cartel da segunda edición do Festival do Leite, o vindeiro 23 de setembro

Coa vocación de tornar en toda unha "romaría familiar", explican dende Deleite, o festival volverá buscar "poñer en valor o leite como alimento e como motor económico do rural galego" e novamente terá acento social. Así, resaltan, "os beneficios económicos do Festival do Leite" irán parar á axuda ás persoas refuxiadas e, no canto do pagamento dunha entrada, "pídeselles aos asisentes que acheguen algún produto alimentario de primeira necesidade que se destinará aos Bancos de Alimentos", aos que Leite Noso achegará tamén "unha cantidade de leite para as persoas máis necesitadas.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegura que a cidade acolle o festival cunha "tremenda satisfacción"; non en van, resalta, no municipio existen unhas duascentas explotacións de vacún de leite. "Temos que reivindicar o sector lácteo como imprescindible para Lugo e para Galicia" e tamén "iniciativas dos gandeiros" que "dan o paso de comercializar o seu leite" e que, no caso de Leite Noso, estano facendo "con moi bos resultados".

Unha das actuacións na primeira edición do Festival do Leite © Leite Noso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.