Do Apalpador ao Tizón, pasando polas uvas ao mediodía: algunhas tradicións galegas do Nadal

Bóla nunha árbore de Nadal CC-BY-SA Manel Zaera

Da Noiteboa ata Reis son moitas as tradicións, vellas ou novas, que marcan estas datas. Dende a gastronomía aos ritos de paso de ano, pasando polos beléns, que nalgunhas localidades son de tamaño xigante e mesmo con figuras que se moven de forma autónoma.

 

Tizón de nadal

Unha das tradicións máis estendidas en Galicia nestas festas é o Tizón de Nadal ou Cepo de Nadal, baseada na queima dun madeiro en Noiteboa, simbolizando a destrución do vello para dar paso ao novo. Este rito lígase aos ritos indoeuropeos de celebración do solsticio de inverno e atopa semellanzas con tradicións existentes nas Illas Británicas, en Francia, en Italia, en Alemaña, Bélxica ou nos Balcáns. Tamén en Euskadi (ligado ao Olentzero), en Cataluña (o Tió de Nadal ) e en Portugal, onde se acenden grandes fogueiras no centro da aldea na véspera de Nadal.

Unha das tradicións máis estendidas en Galicia nestas festas é o Tizón de Nadal, baseada na queima dun madeiro en Noiteboa, simbolizando a destrución do vello para dar paso ao novo

Segundo a tradición, o madeiro debe ficar aceso na lareira ata o aninovo. Despois deixábase apagar, mais conservábase durante o resto do ano para acendelo de novo durante as treboadas ou cando se ventaba unha desgraza na casa, como elemento protector do fogar.

Xoán Xosé Pérez Labaca escribiu sobre o costume celta de acender unha candea o día do solsticio de inverno, que tiña que arder durante medio día seguido para traer boa sorte á casa: "Hai quen pensa que desa costume xurdiu unha das tradicións que máis arraigou en Galicia que é o chamado 'lume novo', que era acender na lareira un tronco (...) Este lume debía estar aceso ó longo de todo o ano para dar luz e calor e vén representar a quentura do fogar en contraposición co frío do exterior da casa".

 

O Apalpador

Nos últimos anos houbo un traballo moi importante de recuperación e difusión da figura do Apalpador a cargo de numerosas entidades sociais e culturais. O Apalpador era especialmente importante nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, onde adoitaba baixar do monte na noite do 24 ou do 31 de decembro para visitar os nenos, tocándolles a barriga para ver se comeron ben durante todo o ano, e para deixarlles algún agasallo, comezando por castañas. 

O traballo de recuperación desta figura comezou en 2006, coa publicación dun traballo de José André Lôpez Gonçâlez. De inmediato, a compostelá A Gentalha do Pichel comezou o labor de difusión e actualización, que foi seguido por entidades de todo o país. O Apalpador recibía outros nomes en varias bisbarras: Pandigueiro (Terra de Trives) ou Apalpa-Barrigas (Lemos).Imaxe    close   delete_forever swap_vert 

Lume na lareira CC-BY-SA Maristela Leão

Dende o ano 1998, en Vilagarcía de Arousa as 12 uvas tómanse ás 12 horas do mediodía do día 31

As uvas en Vilagarcía tómanse o 31 ao mediodía

Dende o ano 1998, en Vilagarcía de Arousa as 12 uvas tómanse ás 12 horas do mediodía do día 31. Unha tradición nova, pero xa totalmente consolidada, que cada ano incrementa a súa participación. A idea xurdiu do Concello hai xa 20 anos, pero xa se converteu en todo un acontecemento popular, no que o pasado ano se repartiron máis de 3000 ducias de uvas para os e as asistentes e que neste 2018 se retransmitirá en streaming a través da rede.

 

En Noiteboa, abstinencia

En moitas casas galegas é tradición comer bacallau ou polbo na cea de Noiteboa, ao igual que en boa parte de Portugal, evitando polo tanto a carne. Este hábito parece proceder do costume cristián de realizar esta forma de abstinencia na vixilia das grandes festas, neste caso a natividade. En Portugal a elección do prato principal na cea do día 24 mesmo adquiriu connotacións políticas na zona norte do país; nos anos 40 o ditador Salazar buscou impoñer o consumo de bacallau nestas datas, fronte ao polbo, para beneficiar a frota bacallaeira lusa. O polbo mantívose nos fogares na Noiteboa, grazas ao contrabando procedente de Galicia que se facía a través da fronteira non exento de dificultades.

O bacallau con coliflor é un dos pratos típicos nestas datas CC-BY-SA José Pedro do Amaral

Os Beléns

Son moitas as casas nas que todos os anos se preparan os Beléns, máis grandes ou máis pequenos. Tamén en hospitais e outros edificios públicos e sedes de empresas e entidades. Con todo, hai algúns nacementos especialmente destacados, ben polo seu tamaño, popularidade ou mesmo significación histórica.

Pódese destacar, por exemplo, o Belén Electrónico que dende 1972 se monta todos os anos no Centro Cultural José Domínguez Guzmán de Begonte, inaugurado o primeiro sábado de decembro e que se pode visitar ata o derradeiro sábado de xaneiro. Ocupa unha superficie de 150 metros cadrados e foi declarado Festa de interese turístico de Galicia no ano 2014. As pezas renóvanse todos os anos e son realizadas de forma altruísta polos veciños e veciñas da localidade. No museo que tamén se atopa no devandito centro cultural pode visitarse a maquinaria orixinal que movía as figuras nos anos setenta.

Begonte, Ourense, Betanzos, Corcubión, Ferrol ou A Coruña, entre outras localidades galegas, contan con beléns de gran tamaño

Cómpre salientar, igualmente, o Belén de Baltar, creado en 1967 polo escultor Arturo Baltar. Desde 1980 exponse permanentemente na igrexa de San Cosme e San Damián, en Ourense. A construción é un vivo retrato da cidade das Burgas no primeiro cuarto do século XX, incluíndo edificios emblemáticos e persoeiros populares da urbe e algúns saídos de obras como A Esmorga. O conxunto complétase con obras murais de Xaime Quessada.

Famoso é, así mesmo, o belén da Orde Terceira de Ferrol, con máis 200 figuras que moven de forma grazas a un mecanismo mecánico. E semellante é o belén que dende 1996 está no Liceo de Betanzos, tamén con 200 figuras que se moven de forma autónoma.

E igualmente grande é o belén de Corcubión, que todos os anos acolle a igrexa de San Marcos da localidade, con máis de 300 figuras ás que todos os anos se incorpora algunha máis. Finalmente, Viveiro presume do belén a tamaño natural máis importante de Galicia.

Belén electrónico de Begonte © Turgalicia
Belén de Baltar, en Ourense © Concello de Ourense

Na igrexa parroquial de Santa Marta de Ortigueira pódese visitar o Belén creado en 1924 por Camilo Díaz Baliño. O escenógrafo fusilado en 1936 compuxo varios panos a varios niveis, que lle dan profundidade a unha típica escena da Natividade, que se completa con algúns personaxes coñecidas da vila de Ortigueira. Todos os anos a súa inauguración (a comezos de decembro) é acompañada polo pregón dalgún experto ou experta na obra.

Tamén foi obra de Camilo Díaz Baliño o pano que serve de fondo ao Belén que se pode visitar na Grande Obra de Atocha, na Coruña. Inaugurado en 1923, ocupa unha extensión de 120 metros cadrados e conta con máis 150 figuras. 

Os deseños de Camilo Díaz Baliño pódense ver en beléns de Ortigueira e A Coruña

Igualmente, pódese destacar o Belén municipal instalado no Pazo de María Pita da Coruña, que ocupa unha superficie próxima aos 100 metros cadrados e que contén máis de 250 figuras. Entre elas atópanse algúns persoeiros importantes na historia da cidade, como Breogán, María Pita, Pablo Picasso, María Casares, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Arsenio Iglesias, Mauro Silva, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e mesmo Francisco Vázquez. Cada ano é incorporada algunha figura máis e, por exemplo, o pasado nadal as escollidas foron Elisa e Marcela e hai tan só uns días foi a quenda de Luz Pozo Garza, que acudiu ao acto de presentación da súa figuriña.

 

Panxoliñas e cantos de Reis

Típicas destas datas son as panxoliñas que, ademais, moitas veces os nenos e nenas cantaban de casa en casa, pedindo despois o aguinaldo. Tamén o día de Reis hai constancia do costume de ir cantar polas casas, para recibir comida e agasallos, rematando ás veces cun xantar popular.

"Déano-lo aguinaldo

anque sexa pouco

Un touciño enteiro

e a metade doutro"

As ilustracións de Leandro Lamas axudaron á difusión da figura do 'Apalpador' © Leandro Lamas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.