Milleiros de nenas e nenos xa medran en galego con Apego

Unha actividade do proxecto Apego CC-BY-SA Apego

Milleiros de familias de máis de vinte concellos incorporan o galego á crianza das súas fillas e fillos a través do proxecto Apego. A iniciativa foi impulsada hai máis de tres anos pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que puxo en marcha toda unha serie de medidas para facilitar a transmisión da lingua galega á infancia de entre 0 e 6 anos e a súa socialización nela. Tras o pulo dos once concellos fundadores a través dos seus servizos de normalización (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo), varios máis fóronse unindo (A Coruña, Ames, O Carballiño, Cee, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Nigrán, Oleiros, Ponteceso, Ponteareas, Rianxo, Ribadeo, Sada, Teo, Vilagarcía de Arousa, e Vimianzo) ata chegar aos 30. Malia as dificultades, a evolución do proxecto foi sempre exponencial e abrangue cada vez máis pequenos e a seus nais e pais. 

A iniciativa impulsada pola CTNL e once concellos chega xa a 30 municipios e milleiros de familias 

Tal e como destacaba a CTNL, o obxectivo fundamental é "aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos". Para logralo, as familias reciben cadansúa caixa con información e recursos en galego e, periodicamente, información e propostas "para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades". Hai recursos na rede e os concellos tamén publican materiais específicos para divulgar as ofertas de actividades infantís ou reforzan convocatorias onde os cativos gozan, aprenden e se relacionan na lingua propia.

Actividade do proxecto Apego nun concello galego © Apego

O Concello de Santiago, onde Apego chega a unhas 400 familias, é un dos máis prolíficos nestas actividades. Como exemplo, este mes de decembro, cargado de propostas e que celebra o sábado 22 o seu día grande cunha nova edición da Festa Apego, que se levará a cabo de 12 a 21 horas no Auditorio de Galicia. Inclúe música, contos, xogos, teatro, obradoiro, informacion, propostas para a crianza... “E moita diversión” nun espazo “onde nenas e nenos poderán gozar e socializar en galego durante todo o día”. 

Compostela celebra o sábado 22 a Festa Apego durante todo o día no Auditorio de Galicia

A Festa Apego celebrarase ese mesmo día noutros concellos como o da Coruña, onde desde ás 11 e até as 20 horas tamén haberá xogos e música para os máis pequenos. Días máis tarde, o 27 de Nadal en Santiago , haberá actuacións de Títeres en Igualdade no Centro Cívico das Fontiñas e no de Bornais, onde a través dos contos se traballa tamén nos estereotipos de xénero nas cores e nos xogos. Máis oferta dun proxecto que se espalla durante todos os meses do ano. 

Apego, ademais de moreas de actividades, conta con moreas de recursos aos que se poden acceder desde a súa web

Ademais de todas as actividades que se programan nos diferentes concellos, Apego conta con moreas de recursos aos que se pode acceder na páxina web, onde se inclúen vídeos, cantigas de berce, xogos, vocabulario, modelos para convites, libros ou outros materiais para a cativería. Ao tempo, ofrécese tamén unha listaxe de nomes en galego para os pequenos ou se explican dez razóns polas que falarlles en galego aos nenos e nenas desde o principio

Para apuntarse ao proxecto, as familias interesadas, e que vivan nun dos concellos participantes no Apego, deben cubrir o formulario ao que se accede a través da web. O Servizo de Normalización Lingüística de cada municipio poñerase en contacto coas persoas interesadas para concertar unha cita, falar, recibir as explicacións da iniciativa e poder así inscribirse formalmente e recibir os materiais de benvida. 

"Desde ese momento estaredes informados/as das actividades, recursos, servizos e materiais que poderán facilitar a vosa tarefa para poder usar o galego na comunicación familiar cos vosos pequechos e pequechas", explican desde o proxecto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.