Un museo do blues para o verán lucense

Aurora&The Betrayers Dominio Público Blues Museum

As fins de semana do verán lucense adoitaban ser sinónimo de rúas desertas e de fuxida á praia. Desde hai uns anos o centro de Lugo revive nas noites estivais á calor da súa zona de viños e tapas e xunto a ela, emerxen iniciativas como Blues Museum, o festival de blues promovido pola Deputación e o Concello que, tras estrearse con éxito en 2017, ultima a súa segunda edición.

Tras a boa acollida da primeira edición, o festival Blues Museum recunca en Lugo do 20 ao 21 de xullo con Travellin' Brothers, Aurora&The Betrayers e The  Cyborgs como cabezas de cartel

A contorna do Museo Provincial, na lucense Praza da Soidade, é o epicentro dun festival que encherá de blues a cidade este 20 e 21 de xullo con Travellin' Brothers, Aurora&The Betrayers e The  Cyborgs como cabezas de cartel. Os vascos Travellin' Brothers chegan a Lugo (venres 20, 21:30) cos galóns de seren galardoados como Mellor Banda Europea en 2015 e a madrileña Aurora García presentará coa súa banda, The Betrayers, un novo disco que "bebe dos clásicos" mentres "busca sonoridades actuais".

The Cyborgs pechará a primeira xornada dun festival que o sábado comeza ás 12 do mediodía nos xardíns do Museo en clave formativa, cunha masterclass de balde impartida por Laurence Jones, considerado un dos mellores guitarristas do continente neste xénero. Desde as 13:45 The Cyborgs soben ao escenario da Praza do Campo Castelo en clave de sesión vermú.

Travellin' Brothers © Travellin' Brothers

A segunda noite de concertos, de novo na Praza da Soidade, comeza ás 21:30 do sábado con Southern Avenue, a banda de Memphis que logrou chegar á final do International Blues Challenge 2016 . Laurence Jones e os cataláns Dani Nel·lo & Los Saxofonistas salvajes completan o cartel do sábado a golpe de saxo.

Southern Avenue © Southern Avenue

Segundo a responsable de Cultura da Deputación lucense, Pilar García Porto, "tras o éxito da pasada edición, decidimos seguir apostando polo blues con sete novos concertos" que "traen a Lugo o mellor do panorama internacional". Trátase, explica, de consolidar Blues Museum como "unha alternativa musical de primeiro nivel" no verán lucense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.