Outra masiva tractorada en Arzúa reclama solucións urxentes para o sector lácteo

Concentración ante o Concello de Arzúa CC-BY-SA Praza Pública

Os gandeiros volveron saír ás estradas, desta vez en Arzúa, nunha enorme tractorada que percorreu a localidade reclamando unha solución para a importante crise que sofre o sector lácteo e prezos xustos para o leite galego, que ve como a maioría dos seus produtores afrontan o pagamento de importes abusivos ou por debaixo do prezo de custo. Logo da exitosa manifestación do 17 de xullo en Compostela e das importantes mobilizacións en Santa Comba ou Chantada, a localidade arzuá acolleu este luns centos de tractores de toda a comarca e apoiou co peche maioritario dos seus comercios a loita das granxas galegas. "Revolución gandeira", podíase ler nun dos vehículos. 

Centos de tractores percorreron as rúas e estradas de Arzúa nunha importante mobilización apoiada polo comercio local, que pechou as portas

Nos seus tractores, con pancartas e familias enteiras con carteis improvisados reclamaron "prezos xustos para todos", unha solución ante a "pasividade" das administracións central e autonómica e medidas concretas como as que se deron en Francia, onde un acordo impulsado polo Executivo fixou un prezo mínimo para o leite. Mentres, en Galicia uns tres mileiros de granxas están a cobrar por baixo dos 26 céntimos o litro de produto e vendendo a perdas, asumindo créditos dificilmente pagábeis de seguir esta situación e con grave risco de peche para a maioría delas. Ao tempo, empresarios como Jesús Lence, de Leite Río, acusaron os gandeiros de mobilizarse "porque lles gusta ir de festa", unhas alusións que tamén foron respostadas en forma de proclamas por parte dos manifestantes de Arzúa. 

"Eu pecho. Apoio o sector gandeiro", podíase ler nos carteis que os locais comerciais das rúas arzuás colocaron nos seus escaparates para amosar o apoio a unha tractorada que nin a Garda Civil foi capaz de cuantificar. Mentres a cabeza da manifestación estaba xa en Melide, uns 100 vehículos quedaban aínda no polígono de Arzúa. Ao seu paso, a maioría dos establecementos permanecían pechados e os peregrinos miraban desconcertados o paso dos tractores, acompañados nalgún tramo por camións cisterna que mesmo baleiraron o leite en sinal simbólico de protesta. A concentración foi tal que se produciron retencións e mesmo a Garda Civil impuxo multas que foron logo retiradas pola presión dos manifestantes. 

"Os nenos tamén loitamos polo noso futuro", dicía o cartel que portaba un cativo xunto a unha muller que lle recordaba á conselleira que o seu "sobre está cheo" mentres o do gandeiro "está cada día máis baleiro". Entre as proclamas, "queremos producir  no país" ou "o rural está moi mal",  por parte de persoas que apoiaron desde a rúa o paso dos tractores, que o vindeiro mércores volverán saír ás estradas na comarca do Deza. 

"Malia a emerxencia global e as promesas de Feijóo, non hai ningunha medida concreta de mellora para as granxas", di Isabel Vilalba (SLG)

"En localidades e comarcas, como a que hoxe se mobiliza, Arzúa, a importancia do sector é vital; non só desde un punto de vista económico, senón tamén social. Sen sector lácteo, esta comarca -como outras no país- ten o risco grave de agonizar. É por iso necesaria a implicación social e institucional na defensa do sector nas mobilizacións que ao longo do mes de agosto se desenvolverán en diversas localidades galegas", lembraba o Sindicato Labrego Galego (SLG). A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, presente na marcha, destacaba o "apoio masivo" ás convocatorias ante unha situación de "emerxencia global como nunca se viu". "A pesar disto, non hai ningunha medida concreta de mellora para as granxas galegas e malia Feijóo, que dixo que se ía poñer á fronte do problema, continúan sen se concretar compromisos da industria e da distribución para incrementar os prezos cando lles acaban de garantir 40 millóns en axudas... Só faltaría que seguisen con estes abusos", lembrou. 

Pola súa banda, José Luís García, alcalde de Arzúa, recordou que o sector lácteo "supono todo" para a súa vila e "para a maioría de concellos rurais de Galicia". "A morte do sector gandeiro supón a morte do rural, de aí que os alcaldes destes concellos debemos estar en primeira fila da reivindicación; é o que nos queda porque as nosas capacidades non van máis aló, iso correspóndelle á Xunta, Estado e UE, que hai tempo que deberían estar facendo os deberes", dixo, tras advertir que, "se en Francia se están facendo cousas, aquí tamén se poderán facer". "A non ser que na UE sexamos cidadáns de seguda e haxa outros de primeira, unha impresión que temos todos", rematou. 

José Luís García, alcalde de Arzúa, advirte que "a morte do sector gandeiro supón a morte do rural" en Galicia

Ademais, o deputado de AGE na Cámara galega, Antón Sánchez, destacou desde a manifestación a "elevada participación" das protestas, o que demostra que "a situación é grave e a falta de expectativas, importante". Respecto da falta de capacidades ás que fai referencia a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, o parlamentario asegurou que "se non pode facer nada, que dimita". "A Xunta baleirou de competencias e ferramentas o seu labor no sector e unha potencia produtora como Galicia non pode soportar isto", dixo, tras exixir que o Goberno galego "xutne a distribución, industria e produtores e chegue a un acordo inmediato e de urxencia". 

Xa máis tarde, na manifestación levada a cabo diante do Concello, leuse o manifesto no que se lembrou que "Francia, tendo un problema de prezos bastante menor que en Galicia, tomou medidas eficaces para solucionar o problema con carácter urxente, poñendo 600 millóns de euros sobre a mesa e chegando a acordos coa industria de distribución para mellorar os prezos". A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo advirte que "ata que o Goberno de Galicia tome medidas eficaces para poñer remedio aos problemas que afogan aos gandeiros" non ten "outro remedio que continuar coas mobilizacións".

A Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo manterá as mobilizacións "ata que a Xunta tom medidas eficaces"

A plataforma exixe que "se garanta a recollida de todo o leite producido e prezos  que cubran os custos de produción, que se poña en valor o leite de orixe galega, pasteurizado e ecolóxico e impedir o uso que está facendo a distribución do leite como produto reclamo, que se aposte por unha verdadeira negociación colectiva dos elementos do contrato a través das organizacións de produtores tal e como permite o paquete lácteo e que se desenvolva a figura do mediador, unha figura da administración que debe vixiar que se cumpra a legalidade á hora de formalizar os contratos e que a negociación se produza en condicións de igualdade". Ademais, cualifican como "moi importante" que se impulse a "recuperación do consumo" cun "programa de leite escolar que permita unha mellora da imaxe do leite e os produtos". 

Tractorada en Arzúa CC-BY-SA Praza Pública
Tractorada en Arzúa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.