Despedido de 'El Correo Gallego' por un chío en Twitter e por apoiar a Noriega en Facebook

Chío que tería causado o despedimento CC-BY-SA Praza Pública

O xornalista Nicolás Navaza denuncia que foi despedido do xornal compostelán El Correo Gallego por publicar un chío en Twitter e por apoiar en Facebook un comentario do alcalde da cidade, Martiño Noriega. Segundo explica o propio implicado nunha publicación nas súas redes sociais, o pasado 5 de agosto a dirección do diario despediuno "de forma fulminante" por "opinar e exercer" o seu dereito á liberdade de expresión. 

Navaza denuncia que foi despedido "de forma fulminante" por "opinar e exercer o dereito á liberdade de expresión"

Navaza, que levaba case trece anos traballando para o Grupo Correo Gallego, decidiu explicar o acontecido ao supoñer "unha vulneración dun dereito fundamental que leva a cabo un medio de comunicación que, entre algunhas das súas funcións, ten a de ser ferramenta e garante da liberdade de expresdión". O xornalista aclara que cumpriu sempre "con todas e cada dunha das tarefas" que lle encomendaron "malia sufrir peches (Galicia Hoxe), despedimentos, conxelacións salarial, varias reducións de soldo ou prorrateo de pagas que logo desapareceron ao aplicarlles os descontos". Tamén "EREs de suspensión (este marzo comezou o terceiro) ou atrasos nos pagos das nóminas", que segundo di cumpren case dous anos sendo abonadas fóra de prazo, e que este pasado mes de xullo alcanza xa unha demora de tres mensualidades e media.

"Os traballadores aceptamos as medidas sen protestar, e sen queixarnos, pero sempre cumprindo con cada unha das tarefas que se nos encomendaron ata o último minuto no que prestei os meus servizos a esta empresa" aclara Navaza, que "ante esta situación de indefensión" -non hai comité de empresa desde 2011- tomou a decisión persoal de facer pública a través das redes sociais a situación que atravesaba.

O xornalista apoiou un comentario de Noriega no que se solidarizaba cos traballadores e no que criticaba o pago duns 200.000 euros en publicidade a 'El Correo' por parte do anterior goberno local

Segundo conta, o pasado 27 de xullo, durante as súas vacacións, deulle a gústame a unha publicación do novo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, na que entre outras cousas se solidarizaba cos traballadores de El Correo Gallego por "levar dous meses e medio" de atraso no pagamento das nóminas, ademais de, tal e como di Navaza, "dar datos obxectivos sobre o abono ao diario por parte do anterior rexedor, Agustín Hernández, duns 200.000 euros en publicidade nos primeiros cinco meses do ano". 

Tres días despois, un día antes de reincorporse ao traballo, Nicolás Navaza publicou un chío en Twitter tras "comprobar que seguían sen pagar" e logo de que a dirección da empresa informase dun plan de pagos "unha vez máis incumprido". O tuit dicía: “Lo más lógico sería ir a un concurso de acreedores para reflotar el grupo, pero no interesa que salga a la luz la gestión de estos años”. 

Ao día seguinte reincorporouse ao traballo, pero o martes seguinte, e sempre segundo Navaza, o director requiriuno no seu despacho para recriminarlle que "apoiase a Noriega e pedise un concruso de acredores". "Es un irresponsable, convídote a marchar da empresa, es un irresponsable", teríalle dito. Ao día seguinte, acudiu a recoller a carta de despedimento, que argumentaba despido obxectivo por causas económicas e que o implicado non asinou. "Unha xustificación que non eviou que nese mesmo instante me abonasen todos os atrasos cun cheque ao portador", aclara. 

O director recriminoulle que tivese apoiado a Noriega e que pedise un concurso de acredores para despois despedilo, segundo Navaza

"Fago público o ocorrido para denunciar esta vulneración do dereito á liberdade de expresión, que considero máis grave aínda ao tratarse dun medio de comunicación, e cando non é a primeira vez que sucede", engade Navaza, que asegura que en 2011 dous redactores foron despedidos tamén por dar a súa opinión nunha xuntanza cos representantes sindcais celebrada para negociar o primeiro ERE "e que chegaron a oídos do director". 

"O único obxectivo é poñer fin a estas malas prácticas que amordazan os traballadores á hora de reclamar o que lles corresponde"

Navaza asegura que difunde a información "co único obxectivo de poñer fin a estas malas prácticas que atenazan e amordazan os traballadores desta empresa á hora de reclamar o que lles corresponde, que indefenses, e por medo a perder os seus empregos, evitan pronunciarse e seguen cumprindo coas súas obrigas mentres á dirección, ademais de non cumprir coas súas, non lle importa vulnerar un dereito fundamental recollido na nosa Constitución e que representa unha das garantías dun Estado democrático". "O xogo democrático ou é para todos ou non é", remata citando ao propio Martiño Noriega no comentario que o xornalista apoiou e que lle tería costado o posto de traballo. 

Chío do xornalista Nicolás Navaza CC-BY-SA Praza Pública
Comentario de Martiño Noriega en Facebook CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.