Uns 500 tractores ateigan Lalín pedindo "prezos dignos" para o leite

O alcalde de Lalín, Rafa Cuiña, na tractorada CC-BY-SA Praza Pública

Un novo berro masivo e gandeiro polo sector lácteo. Arredor de 500 tractores e sobre un milleiro de persoas participaron este mércores en Lalín noutra tractorada para exixir ás administracións solucións e actuacións inmediatas que garantan a viabilidade das explotacións galegas e que permitan establecer un "prezo digno" para o leite galego.

Uns 500 tractores e 1.000 persoas colapsaron Lalín reclamando "prezos dignos" para o leite galego

Convocados pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, tractores de toda a comarca do Deza, pero tamén de Lugo, Ourense, Vila de Cruces ou a zona de Arzúa, entre outras localidades, chegaron por estrada a Lalín e colapsaron a vila nunha protesta na que participaron tamén centos de persoas e que apoiou o comercio local pechando os seus establecementos amosando a súa solidariedade cos gandeiros. 

O propio alcalde de Lalín, Rafael Cuiña (CxG) participou na tractorada subido no seu tractor e reclamou a Feijóo que "faga presión" e se poña diante das reclamacións do sector para que se poñan en marcha solucións á maior crise leiteira que se lembra en Galicia. Para o rexedor, o problema do lácteo supón unha crise "estrutural" para toda a comarca, xa que "todos os días" están a pechar explotacións posto que os prezos marcados pola industria son "absolutamente insostibles".

Cuiña participou na tractorada subido ao seu propio vehículo e reclamou "unidade" para pedir un prezo mínimo "como os franceses"

Cuiña avogou deste xeito por manterse "unidos" e pedir "do mesmo xeito que os franceses" un prezo mínimo que permita garantir a supervivencia do sector posto que "cada vez que se pecha unha explotación é a ruína dunha familia". Pablo García, voceiro de Agricultural do PSdeG; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; ou Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, foron outros dos representantes políticos que participaron nunha marcha que foi encabezada por un grupo de vacas. 

Entre as pancartas que se puideron ler, algunhas pedían "loitar polo sector lácteo, pola economía do rural" e outras destacaban queu "o futuro do campo galego será o noso futuro". Os gandeiros piden ao Estado e á Xunta que medien para garantir un prezo mínimo de recollida para o leite que faga "viables" as granxas e insisten en que son moitas as explotacións que venden produto "por baixo dos custos de produción". Ademais, insisten en que se copie o sistema francés, polo que o Goberno galo fixou un importe mínimo, aínda que desde Madrid non se ve con bos ollos esa medida. 

O alcalde de Lalín, Rafa Cuiña, na tractorada CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.