A praga da avespa velutina multiplícase por tres e afecta máis de cen concellos

Avespa velutina © AGA

Horas na procura do enorme niño, finalmente atopado a vinte metros de altura, agochado entre eucaliptos e inxectado posteriormente con insecticida por medio dunha pértega á espera de acabar cos seus ocupantes. É unha xornada calquera duns veciños na loita contra a avespa velutina en Galicia. Desta vez, nunha parroquia de Ortigueira, un dos concellos máis afectados por unha praga que non se detén desde que en 2012 se avistasen os primeiros exemplares desta avéspora asiática. Unha especie que provoca a redución da biodiversidade -nomeadamente pola afectación nas abellas-, causa serios prexuízos económicos no sector apícola e froiteiro e crea riscos de picaduras en traballos forestais, así como inseguridade cidadá. 

A praga de avespa asiática esténdese xa por máis de cen concellos, especialmente na Mariña, o Ortegal e o Baixo Miño

José, veciño ortegano e experto apicultor, colabora co Concello na "complicada" eliminación de niños, cada vez máis frecuentes e máis grandes, tanto que algún forma parte xa do museo de patrimonio e etnográfico de Ortigueira. O Ortegal, a Mariña -especialmente a zona máis occidental- e o Baixo Miño son as zonas máis afectadas por unha avespa que, segundo datos oficiais da Xunta a 23 de agosto, esténdese xa por máis de cen concellos galegos, especialmente na costa norte -de Laxe a Ribadeo- e na sur, de Sanxenxo a Tui. Hai un ano apenas superaban os 60. "É moi complicado acabar con elas porque aniñan constantemente e en zonas moi complicadas", resume este home que non hai moito acabou no hospital pola picadura dunha das avésporas. Daquela descubriur que tiña alerxia ás vespas. 

"A cousa vai a peor; este ano estendeuse por moitos máis lugares e van entrando río arriba". Tanto, que "xa se descubriron niños a cen quilómetros da costa", explica Xesús Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultores (AGA), que ten en marcha a campaña Stop Vespa Velutina, consistente na realización de charlas informativas en distintas localidades e na colocación de trampas para capturar raíñas fundadoras e así evitar o maior número posible de niños para o verán. Nela colaboran varios concellos e outras entidades.

A AGA calcula que se triplicou o número de avespas asiáticas e non hai menos de 2.700 niños en Galicia

Segundo os datos que manexa a AGA, a praga da vespa velutina triplicouse no último ano. A Consellería de Medio Rural cifrou en máis de 1.300 os niños retirados e doutros tantos que foron avistados (uns 2.700). "Pero é seguro que haberá máis porque moitos non se ven ao estar en sitios inaccesibles ou agochados", explica Asorey. A diferenza tamén varía segundo quen dea os datos: en Oleiros, onde o concello asume a eliminación de niños, contabilizáronse cen, fronte aos 20 dos que fala a Xunta. 

Para se decatar da incidencia da avéspora asiática, só un dato: prodúcense 70 chamadas diarias ao 112 avisando da presenza dun niño. "De cada 70 avisos, unha media de 50 son positivos e tan só 20 refírense a vespas autóctonas e non velutinas", destacan desde a asociación de apicultores, que celebra outra reunión este mesmo venres en San Sadurniño, á que acudirán uns 50 alcaldes das provincias de Lugo e A Coruña cuxas localidades están afectadas pola velutina.

O 112 recibe diariamente 70 chamados avisando da presenza de niños de avespa velutina; 50 desas chamadas están no certo

Será unha máis á espera de que Medio Rural responda á AGA, que propuxo por carta unha reunión na que se inclúa o sector apícola, os concellos afectados e "todo aquel experto que poida achegar" para levar a cabo unha resposta "máis coordinada" en Galicia, comunidade autónoma máis afectada pola avespa asiática xunto ao País Vasco. "Precisamos máis coordinación e máis medios"

Entre as demandas de AGA, compartidas en moitos casos polos municipios, está o de "triplicar o número de trampas e atraíntes para usar polo menos na vindeira primavera". É a época "básica" da prevención e que está baseada na experiencia de Mondoñedo, "que debe ser o único lugar en Galicia onde hai menos velutinas co ano pasado, ao capturaren moitas fundadoras na primavera".

Os apicultores galegos reclaman "máis coordinación e máis medios" e esperan a resposta de Medio Rural, a quen propuxo unha xuntanza con expertos e concellos afectados

Tamén piden "habilitar" uns fondos aos que poidan ter acceso os concellos afectados e que sexan estes os que realicen este servizo en colaboración cos abelleiros da zona. Neste caso, o exemlo é o Concello de Oleiros, que xa retirou cen niños pero que recoñece que "non poderá asumir este gasto el só por moito máis tempo".

Ao tempo, reclámanse fondos tamén "para investigar os métodos de loita máis axeitados, como a elaboración dunha feromona específica para utilizar nas trampas. Lembra AGA que hai unha convocatoria de axudas á investigación onde pode entrar a velutina e que Francia está a piques de sacar ao mercado feromonas selectivas, un método que "será un bo paso pero que nos vai costar cartos". 

Os expertos piden máis medios, actuar de forma preventiva na primavera e apostar pola investigación

Xa por último, AGA insiste en que "agora mesmo" o problema tamén é "de seguridade cidadá". Malia que os expertos insisten en que a avespa asiática non é máis agresiva cá do país, lembran tamén que as circunstancias fanas "moito máis perigosas": estánselles atacando os niños, polo que responden con agresividade; o número de individuos nos devanditos niños é duns 15.000, fronte aos 200 nun autóctono; e na actualidade xa hai moitos máis niños de asiáticas cás autóctonas nas áreas de colonización da invasora. 

"Non a imos a dar eliminado; teremos que convivir coa avespa asiática, pero debemos entre todos conseguir que cada vez teña menos incidencia", insiste Xesús Asorey, que reclama a colaboración entre administracións e a coordinación para loitar contra esta praga en Galicia. 

Expansión da avespa velutina en Galicia © Consellería de Medio Rural
Unha 'vespa velutina' e unha abella CC-BY-SA Danel Solabarrieta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.