O hospital de Vigo enfróntase a denuncias e a unha manifestación que se prevé "histórica"

Manifestación contra a "privatización" do hospital de Vigo CC-BY-SA CIG-Saúde

A caótica xestión do novo hospital de Vigo afronta xa denuncias ante a Comisión Europea, a posibilidade de máis demandas ante a Fiscalía e un rexeitamento de traballadores e usuarios que se visualizará nunha manifestación o vindeiro xoves 3 que as centrais prevén "histórica". A xunta de persoal do Álvaro Cunqueiro advertiu este martes que a concesionario do centro "non responde" polas múltiples deficiencias detectadas neste período de traslado e que debera ser o Sergas quen exixise os cumprimentos dos niveis mínimos de calidade. Xa que a Xunta non o fai, non descarta acudir aos tribunais. 

"Sorprende decatarse de que quen manda aquí non é Sergas, senón a concesionaria", di a xunta de persoal

Ángel Cameselle (CCOO), presidente da xunta de persoal, foi claro: "Sorprende decatarse de que quen manda aquí non é Sergas, senón a concesionaria, que nunca está para dar respostas e explicacións". "A concesionaria non responde e o Sergas é quen lle ten que esixir explicacións porque este hospital vai costar moitos cartos a todos", insistiu Manuel Nieto, voceiro de CESM-Omega. Ambos coinciden no "grande escurantismo" ante múltiples eivas: a posibilidade da presenza Aspergillus, non confirmada pola Xunta á espera de novos análises e informes. A conselleira Mosquera recoñece "algunhas alteracións" pero non confirma a presenza de Aspergillus. Ademais, falta de material e persoal, ratos, teitos caídos, problemas de aparcamento, custos elevados de varios servizos, tubaxes rotas, resonancias nun camión... E un traslado paralizado ata nova orde por non garantirse a "máxima seguridade" dos pacientes. 

A concesionaria é unha empresa que comparte domicilio social co dunha ex-viceconselleira de Sanidad en Madrid e ex directiva do Sergas, Ana Sánchez. A compañía encárgase do traslado e redactou tamén o plan de usos do centro, ademais de encargarse de garantir a calidade dos servizos, aínda que segue sen dar sinais de vida. O Sergas encomendoulle en maio de 2011 á empresa pública Galaria a posta en marcha da Oficina Técnica de Seguimento do hospital. Pouco despois, Galaria privatizou este servizo nas mans de Efficientia, constituída a comezos dese mesmo 2011 e agora centro de todas as polémicas. 

A xunta de persoal non descarta denunciar ante a Fiscalía e a AGDSP leva o caso á Comisión Europea

Ante esta situación, a xunta de persoal insiste na "posibilidade" de "denunciar ante a Fiscalía", algo que "probablemente" se faga ainda que non está decidido. Os sindicatos insisten en que non recibiron aínda información ningunha sobre os motivos do adiamento do traslado, ao tempo que se lles negou a súa petición de convocatoria do Comité de Saúde Laboral. "Non é urxente", segundo a xerencia do hospital. 

Desde a CIG, María Xosé Rodríguez cre que de paralizarse o traslado é "porque algo grave está a pasar, xa que había un cronograma que querían cumprir escrupulosamente". "Trátase de tapar todo, de agocar información e iso fainos sospeitar que está pasando o peor", asegurou tras insistir en que o centro "cae a cachos". 

Quen si decidiu xa denunciar a caótica situación foi a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que neste mesmo martes remitiu por correo unha denuncia ante a Comisión Europa por "presunto incumprimento do Dereito Comunitario do Reino de España, na persoa do goberno da xuna, en relación á licitación da concesión administrativa do novo hospital de Vigo". Nela, ínstase á "administración incumpridora" a resolver a concesión e proceder ao seu rescate á empresa concesionaria. A AGDSP reclama tamén que se abra unha comisión de investigación para analizar toda a problemática e que se elabore un plan de emerxencia para arranxar as deficiencias máis urxentes. 

Os sindicatos agardan unha manifestación "histórica e masiva" para o vindeiro día 3

Tanto esta asociación, como a xunta de persoal, SOS Sanidade Pública, numerosas plataformas comarcais e a oposición chaman a sociedade a acudir á manifestación que o vindeiro día 3 sairá ás 20 horas no Hospital Xeral. Pedirá deter os recortes e reclamará "un hospital 100% público, sen menos camas e con laboratorio central" no que será -ou debería ser- o centro de referencia para todo o sur de Galicia. Os sindicatos agardan unha participación "histórica e masiva" porque "hai ganas de dar a batalla por un hospital en condicións". 

Manifestación contra a "privatización" do hospital de Vigo CC-BY-SA CIG-Saúde
Visita de Feijóo ás obras do hospital de Vigo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.