Mosquera di non ter constancia de "grandes deficiencias" no hospital de Vigo

Visita de Feijóo ás obras do hospital de Vigo © Ana Varela

Mentres desde a Xunta se minimizan os problemas no novo hospital de Vigo, desde a oposición cren que o "gran fiasco" que na súa opinión supón o novo centro "levará por diante a Feijóo". Así de contrapostas son as declaracións duns e doutros sobre a polémica infraestrutura de Beade e o caótico traslado, paralizado pola presenza de xermes -que todo indica que é Aspergillus- e ao que se lle engaden numerosas deficiencias denunciadas pola xunta de persoal, traballadores, pacientes e usuarios. 

"Non me consta que haxa grandes deficiencias", asegura a conselleira Mosquera malia as múltiples denuncias

"Non me consta que haxa grandes deficiencias", dixo este mércores a conselleira Rocío Mosquera, que asegurou que a prioridade do seu departamento é que o traslado dos pacientes se faga "con total seguridade". "Todos o profesionais ou a inmensa maioría colaboraron dunha maneira impresionante para que o traslado fose o mellor posible", atendendo a "complexidade" dese proceso, comentou, pero destacou que houbo numerosas críticas ao sistema de financiamento, á capacidade da Xunta, ás dimensións do centro ou agora ás súas posible deficiencias.

Para a titular de Sanidade, e malia as numerosas críticas, a situación non é tan mala. "Cando consigamos pór en marcha todo o hospital e a poboación comprobe non é un hospital grande, senón un gran hospital, todas esas cousas van quedar esquecidas", insistiu, antes de aclarar que "o tempo porá todo no seu lugar" e destacar que este "necesario" centro foi "construído na maior crise económica e financeira deste país". 

Besteiro considera a xestión do hospital "un esperpento símbolo da irresponsabilidade"

Mentres, o secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, cre que "o gran fiasco" que supón o novo hospital acabará por "levar por diante" a Feijóo. O líder dos socialistas considera que o centro que "debía ser un referente" acaba por ser "un esperpento" e un "símbolo da irresponsabilidade" da Xunta nun aspecto "tan serio como a saúde pública". 

Por iso, e ante tal "despropósito", Besteiro esixe a comparecencia "inmediata" do presidente da Xunta no Parlamento por facer deste hospital un "exemplo de non xestión" ou de "xestión nefasta" baseado nun "modelo equivocado" e cun "electoralismo intolerable" xa que, segundo o líder socialista, o centro intentouse abrir antes de tempo. Así, reclamou que o xefe do Executivo destitúa dunha vez a Mosquera. 

Ao tempo, a conselleira di manter a tranquilidade e afirma que será a finais da semana cando haxa resultados sobre as análises efectuadas nas conducións de aire do novo centro hospitalario público de Vigo e que obrigaron a suspender o traslado de pacientes. O Sergas decidiu paralizar estes traslados o pasado 28 de agosto tras detectar "alteracións de carácter ambiental" no aire impulsado polos condutos de ventilación.

A finais de semana coñeceranse os resultados das análises tras atoparse xermes; o traslado reanudarase o vindeiro 7 ou 14 deste mes

Mosquera aclarou este mércores que aínda "non hai resultados concluíntes" sobre as novas análises efectuadas, pero expresou a súa esperanza de que sexan "negativos" e permitan así "continuar co traslado" de pacientes "sen ningunha dificultade". A máxima responsable do sistema de saúde pública en Galicia indicou que o seu departamento está "a actuar correctamente" e adoptando "as medidas que hai que tomar" e engadiu que a Xunta está "a revisar" as instalacións, aínda que apuntou que hai "miles de tubaxes" e "sempre pode haber algún fallo", especialmente en "a posta en marcha dun hospital" desas características. Non se referiu a outras moitas denuncias de traballadores, como a de presenza de roedores, falta de material, teitos caídos, escaseza de auga embotellada, falta de lavabos...

Segundo detallou, o traslado podería reanudarse o 7 ou o 14 de setembro, xa que subliñou que este debe iniciarse un luns. Antes, tamén este mesmo mércores, a Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) remitiu á Comisión Europea unha denuncia por "presunto incumprimento do Dereito Comunitario" na licitación da concesión administrativa do hospital.

Varios membros da plataforma acudiron este mércores á oficina central de Correos en Vigo para entregar a documentación coa que pretenden demostrar as diversas "irregularidades" que, ao seu xuízo, producíronse durante o proceso construtivo do hospital, e para conseguir a súa "recuperación e rescate" para o servizo público de saúde galego.

Besteiro, ante a prensa CC-BY-NC-SA PSdeG
Rocío Mosquera, nunha das últimas visitas ao hospital de Vigo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.