O empeoramento da sanidade pública galega: menos investimento, máis gasto cidadán

Masiva manifestación pola sanidade pública celebrada en Vigo hai unhas semanas CC-BY-SA CIG

A sanidade pública empeora. Faino en Galicia e, en xeral, en todas as comunidades autónomas do Estado, tal e como recolle o informe que cada ano realiza a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). A crise, os recortes en persoal e orzamentos e os procesos de privatización ou modelos de colaboración público-privada afectan un sistema sanitario como o galego, que se mantén entre os dez primeiros postos na clasificación que avalía a posición relativa de cada territorio respecto dos demais, pero que ve como empeora a súa situación en variables tan relevantes como o orzamento sanitario per cápita, o gasto anual que cada persoa debe dedicar a atender a súa saúde ou na cantidade que a administración achega a convenios con medios privados. 

A situación da sanidade pública empeora en todos os territorios do Estado, tamén en Galicia

O informe Los servicios sanitarios de las CCAA baséase en datos oficiais obtidos das administracións en 2014 e parte de 2015, todos eles antes das eleccións autonómias que cambiaron a xestión sanitaria nalgunhas autonomías, aínda que non no caso de Galicia. O estudo analiza parámetros como o financiamento e os recursos (camas por 1.000 habitantes ou gasto per cápita), a valoración dos cidadáns, a privatización sanitaria (porcentaxe de gasto sanitario dedicado a contratacion con centros privados) ou a política farmacéutica. 

E Galicia empeora nalgúns aspectos claves. Malia que se mantén no grupo de comunidades con "servizos regulares", na sétima posición do ránking, a súa puntuación baixa ata os 60 -a máxima é 98 e a mínima 24-, superada por Euskadi, Navarra, Aragón, Asturias, Castela e León e Cantabria, sendo Cataluña, a Comunidade Valenciana e as Canarias as comunidades con peores servizos sanitarios.

Galicia sitúase entre as comunidades con "servizos regulares", no sétimo posto e peor que Euskadi, Navarra, Aragón, Asturias, Castela e León e Cantabria

En canto a cada un das variables analizadas, Galicia destaca polo negativo no orzamento sanitario per cápita, con pouco máis de 1.143 euros, fronte aos case 1.228 do anterior informe (85 euros menos) e situándose como a cuarta peor comunidade, só en mellor posición que Andalucía, Valencia e Cataluña. Ademais, tampouco o ratio de camas por 1.000 habitantes é dos mellores (3,68, peor que outras nove autonomías) ou o de TAC e resonancia magnética por cada millón de habitantes, con 32 e na cuarta peor posición. 

O orzamento sanitario per cápita descende en 85 euros e o gasto de cada persoa en servizos sanitarios aumenta en 80

O estudo, que reflicte o empeoramento constante e xeral da sanidade pública no Estado, destaca tamén o aumento do gasto anual particular que cada persoa fai en sanidade en Galicia, pasando dos 375 euros do exercicio pasado aos 454 da actualidade, case 80 euros máis para o pagamento de forma individual servizos sanitarios ou farmacolóxicos. Ademais, en canto á porcentaxe de gasto sanitario dedicado á contratación con centros privados, a administración galega aumentouno do 5,6% ao 5,8%, sendo aínda moi inferior ao 25% de Cataluña, o 10,8% de Madrid ou o 9,9% das Canarias. 

A Consellería de Sanidade é o departamento do Goberno galego que absorbe un maior volume de recursos públicos, cun total de 3.170,03 millóns de euros. Malia ser unha cantidade moi significativa no conxunto das consellerías -os seus fondos totais ascenden a 7.772 millóns de euros- os fondos dos que dispón neste 2015 son uns 4 millóns de euros menos que no proxecto orzamentario de 2014, cando a cantidade chegaba aos 3.174,4 millóns de euros.

Onde si se nota o descenso en Galicia é no custo da alta hospitalaria, calculada a partir do número de unidades ponderadas de actividade, ao pasar dos 7.896 euros aos 4.784 da actualidade. En canto aos médicos de atención especializada e de atención primaria por cada 1.000 habitantes (1,76 e 0,81 respectivamente), o país mantense nun nivel medio comparado co resto de territorios do Estado. 

Non obstante, onde a comunidade autónoma destaca -por negativo- é na política farmacética, malia os esforzos que a Xunta destaca nos últimos anos. Así, o gasto farmacéutico per cápita sitúase nos 248 euros, case 20 máis que na anterior análise, só superado polo que se dá en Estremadura. En canto á porcentaxe de xenéricos sobre o total de envases, Galicia é con diferenza a autonomía con peor resultado, un 11% fronte ao 17% de un ano antes e catro puntos menos do seguinte territorio. 

Galicia é a segunda autonomía con maior gasto farmacéutico per cápita (248) e a que menor porcentaxe de xenéricos ten (11%)

Malia todo, no informe tamén destaca a boa valoración que, en xeral, a poboación galega ten sobre a sanidade pública. De feito, case o 84% da cidadanía que elixe un centro público para a súa hospitalización, case dez puntos máis que as seguintes comunidades na lista. Tamén a valoración global do servizo sanitario é moi positiva e o 73,2% das persoas consideran que funciona ben ou bastante ben. Ao tempo, cae o 80% cre que a sanidade está mellor sendo xestionada polas autonomías, unha porcentaxe só superada no País Vasco e en Navarra.

Os galegos son, con diferenza, os cidadáns que máis optan pola sanidade pública para a súa hospitalización (o 84%)

En canto ás listas de espera, só máis rioxanos aseguran recibir cita en menos de 24 horas para atención primaria, mentres que case un 13% dos galegos -a maior porcentaxe no Estado- cre que a situación mellorou no último ano.

Manifestación de SOS Sanidade Pública en Vigo © CIG
Feijóo e Mosquera, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.