Un novo curso escolar que empeza entre recortes e protestas

Pancarta contra os recortes no ensino público CC-BY-SA CIG

O curso comeza de novo con reproches, queixas e protestas polos recortes e a degradación do ensino público en Galicia. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocou xa unha concentración para o vindeiro 16 de setembro ante a Consellería de Educación ás 11.30. Será un día despois do inicio de curso en Secundaria, Bacharelato e FP cando o colectivo, un curso que, para o colectivo, vólvese caracterizar pola "falta profesorado nos centros, a masificación das aulas, a perda de peso do galego como lingua vehicular do ensino e a actitude autoritaria do conselleiro".  

Unha concentración o 16 de setembro protestará ante Educación contra os recortes, a masificación nas aulas ou a Lomce

Así o asegurou Anxo Lorenzo, voceiro da plataforma, que acusa a Consellería de Educación de estar "ao servizo dos intereses da patronal do ensino privado e concertado, maioritariamente confesional, en detrimento do público". O colectivo, que agrupa varias anpas, partidos, organizacións xuvenís e sindicatos, denuncia o peche de 48 unidades e 13 centros no ensino público "mentres se abren 26 novas unidades no ensino concertado, ao que a Xunta destinou máis de 1.000 millóns de euros en catros anos mentres reducía en 181 millóns de euros os orzamentos de Educación".

A plataforma exixe a fin dos recortes, así como a derrogación da Lomce e do decreto do plurilingüismo. Segundo Louzao, a aplicación da denominada lei Wert está a supoñer "desorde", provocado tamén polo feito de que Educación non publicara os currículos e o deseño das novas materias ata xuño e por non levar parella a normativa que ten que desenvolver a nova lei.

"A Xunta pecha 48 unidades e 13 centros no ensino público mentres se abren 26 unidades no concertado"

Tamén denunciou a plataforma a falta de prazas no ensino público, nomeadamente na FP, a suba das taxas e unhas bolsas que "lonxe de cumprir a función de garantir o acceso á ensinanza de todos", continúan premiando "estudantes con mellores notas". Segundo José Bustela, en representación das familias, o 40% das familias "non van ter acceso a ningunha axuda para os libros de texto e que a maioría terán que seguir soportando o custo de servizos como o de comedor e transporte escolar".

Ademais, e tal e como adiantara Praza, as ANPAS alertan dun inicio de curso sen libros pola falta de organización da Xunta. Mentres a Consellería de Educación sinala que o seu novo "fondo solidario" xa recolleu 200.000 manuais, as asociacións de pais e nais aseguran que "de momento non se sabe nada" e advirten de que a implantación da Lomce incrementa a incerteza.

Desde a plataforma engaden moitas máis eivas: máis de 300 centros sen a dotación de profesorado necesario, máis de 200 unidades con máis alumnos dos recomendados, profesores que seguen cos seus salarios e pagas extras recortadas ou a falta dun plan integrar para mellorar os centros, nos que -denuncian- tamén se atopan moita deficiencias. Ao tempo, o colectivo denuncia o aumento nas itinerancias dos mesters con estino provisional.

"Un 35% do profesorado terá que impartir materias das que  non é especialista, nalgúns casos até cinco diferentes"

"Un 35% do profesorado terá que impartir materias das que  non é especialista, nalgúns casos até cinco diferentes. Nos últimos cinco anos suprimíronse 3.000 postos docentes, xa que mentres se xubilaban máis de 4.000 só se convocaban oposicións para 993 prazas", insisten.  

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, BNG, Comités, Agir,  Federación Provincial de ANPA de Lugo xunto con outras ANPAs, Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes ou Galiza Nova, entre outros. 

Protesta contra os recortes no ensino público CC-BY Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
Rolda de prensa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público © Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.