O cese inminente do 56% dos bombeiros forestais dificulta un ano máis o labor de prevención

Rolda de prensa conxunta de CIG, CCOO, UGT e CSIF, este mércores en Compostela © CIG

Este 30 de setembro cesan na súa actividade os traballadores do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (Spdcif) contratados por tres meses, que representan o 23% do total. Nas vindeiras semanas tamén o farán os traballadores descontinuos de 9 meses, que supoñen outro 33%. Polo tanto, o Spdcif perderá en breve a case seis de cada dez integrantes, o que dificultará moito a realización de actividades de prevención e vixilancia durante o outono e o inverno, e tamén limitará a efectividade do servizo no caso de ter que realizar labores de extinción nestes meses, nos que tamén se producen incendios, sobre todo en novembro. Así o denunciaron este martes nunha rolda de prensa conxunta representantes de CIG, CCOO, UGT e CSI-F.

Para as centrais sindicais "un mal modelo de prevención e extinción tivo como consecuencia unha mala campaña” e lembraron que no que vai de 2015 a superficie queimada multiplicouse por catro con respecto ao 2014. Os traballadores denuncian que "a precarización nas condicións de traballo dos profesionais do SPDCIF, as inaceptables taxas de temporalidade, o elevado número de prazas vacantes sen cubrir e a negativa a recoñecer a categoría de Bombeiro Forestal" poñen en grave risco "a eficacia e eficiencia dun servizo esencial para os intereses de Galicia".

Os representantes dos traballadores so servizo público de prevención e extinción convocan unha concentración ante a sede da Xunta, en San Caetano, para este xoves pola mañá, denunciando "o desmantelamento progresivo que está a sufrir o Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais". Demandan da Conselleira do Medio Rural e do Mar a apertura dunha mesa de negociación, como xa fixeran en xullo, para tratar as súas demandas e alertan de que "as políticas de disgregación progresiva dunha parte do dispositivo e a privatización doutra están a comprometer o traballo dos profesionais na defensa do medio natural de Galicia".

Neste senso, a finais de xullo, coincidindo cunha manifestación que percorreu as rúas de Compostela, os traballadores denunciaban que "as brigadas dos concellos que constan no Pladiga non están operativas, atrasouse o inicio das brigadas de Seaga ata o 16 de xullo e continúan sen cubrir as baixas, xubilacións e postos vacantes do dispositivo propio da Xunta", e alertaban de que "as consecuencias de todo isto" eran que "os lumes se apagan con brigadas de 2 ou 3 compoñentes, poñendo en perigo a seguridade de todos".

 

Superficie queimada en 2015 segundo datos de Medio Rural CC-BY-SA Praza Pública
Incendios entre 2001 e 2011 CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación dos traballadores forestais, este verán, en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.