O veto aos circos con animais esténdese e alcanza xa 26 concellos en Galicia

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

Xa son 26 os municipios galegos nos que están vetados os circos con animais, concellos que representan máis do 35% da poboación do país, logo de que o pleno de Santiago aprobase este luns unha moción contra o uso de animais en espectáculos, nomeadamente estes circos itinerantes, co apoio de Compostela Aberta, PSdeG e BNG e o voto negativo do PP. 

"O Partido Popular segue na súa liña de soporte ao maltrato animal, ben sexan touradas ou o cruento adestramento dos circos", di a asociación animalista Libera, impulsora dunha campaña á que se uniron outros grandes concellos como Vigo, Ourense e Lugo, municipios declarados tamén "libres de circos animais". Coa incorporación de Compostela, o colectivo pretende agora alcanzar a metade do censo galego residindo en localidades que vetan este maltrato animal, momento no que se trasladaría a mesma proposta ao Parlamento galego para intentar "vetar definitivamente esta práctica" en todo o país. 

Libera levará a mesma iniciativa ao Parlamento para vetar os circos con animais en toda Galicia

No caso do texto aprobado en Compostela, a iniciativa pecha a porta tamén á realización, patrocinio ou hipotético subsidio de touradas, "sumando un municipio máis que rexeita un evento salvaxe e bárbaro que non contaría nin co favor da cidadanía". Segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Cultura, menos do 5% da poboación galega amosa interese polas corridas de touros en Galicia, mentres que só o 0,3% acudiu a un destes espectáculos na tempada de 2015, fronte ao case 3% de hai doce anos. 

Neste senso o texto aprobado na capital de Galicia tamén pecharía a porta á realización, patrocinio ou hipotético subsidio de touradas, "sumando un municipio máis que rexeita un evento salvaxe e bárbaro que non contaría nin co favor da cidadanía". Segundo a última enquisa elaborada polo Ministerio de Cultura, só o 0,3% dos galegos declarou asistir a eventos tauromáquicos o pasado ano.

Ademais, Libera continúa coa súa campaña Galicia Libre de Animais en Circos (GLAC) e xa recolleu preto de 18.000 sinaturas para pedir ao Concello de Narón "que aprobe unha proposición para vetar os circos que explotan fauna silvestre no seu termo municipal". Céntrase nesta localidade porque é destino habitual destes espectáculos e, segundo aclara o colectivo, habería xa un acordo da maioría da corporación para sacar adiante a moción, ao igual que no caso de Ferrol, onde os animalistas propoñen ao goberno municipal idéntica iniciativa.

A maioría da corporación de Narón e Ferrol teñen xa un acordo para vetar os circos que explotan animais

En Compostela, os activistas tamén aproveitaron o debate da moción para cargar contra a actitude do PP na loita contra o maltrato cara os animais, e subliñan que concelleiros como Agustín Hernández tiveron responsabilidades na Xunta en materia de benestar animal como titular da Consellería de Medio Ambiente durante case 5 anos, e que "agora como concelleiro e deputado provincial ten votado en contra de suprimir o uso de fondos públicos ás touradas na propia Deputación da Coruña e agora a prol do maltrato animal en circos no Pazo de Raxoi".

Nesta ocasión, o PP quedou só cos seus 9 votos, mentras que os 16 restantes (Compostela Aberta, BNG e PSdeG) apoiaron deixar de permitir o maltrato animal en circos no Concello.

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.