"A mobilización en Corcoesto foi clave para deter a mina e seráo para que outros se boten atrás"

Manifestación contra a minaría contaminante CC-BY-SA gzvideos.info

A Xunta confirmou  a perda dos dereitos mineiros da multinacional canadense Edgewater en Corcoesto, o golpe final para o polémico proxecto que espertou unha fonda indignación e contestación social liderada por varios colectivos ecoloxistas e contra a megaminería contaminante. Nela Abella, membro de Verdegaia, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e voceira de Contraminacción, a rede galega que xunta varios espazos contra estas "ameazas", fai balance dunha "batalla" que tivo os seus efectos positivos, pero que tamén deixou feridas que serán difíciles de cicatrizar. 

É o final da batalla en Corcoesto?

Agardo que sexa o final dunha batalla, pero desde logo que non será a fin da guerra. En Corcoesto, aínda que se quixese retomar o proxecto da gran mina a ceo aberto, as empresas terían que volver empezar desde cero, presentar unha nova proposta, sometela a exposición pública e volver solicitar a declaración de impacto ambiental. Non creo que lles compensase, sabendo tamén que contan na comarca cunha cidadanía organizada, que non deixou de mobilizarse e que segue activa e preparada. 

"Agardo que isto sexa o final dunha batalla, pero desde logo que non será a fin da guerra"

Desde diferentes colectivos insístese na concienciación que supuxo esta loita para moita veciñanza...

Claro que houbo unha maior concienciación sobre certos temas, tanto a nivel político como social ou medioambiental. A nivel persoal, para min foi unha experiencia moi positiva, pero tamén no colectivo. Xuntámonos moita xente e houbo persoas que se sentían soas nas súas inquedanzas sociais que viron como eran compartidas. Creáronse sinerxías e cooperación e iso sempre é bo. 

Cre que a mobilización social foi a clave na paralización do proxecto?

Se non foi a clave, foi unha das claves. A mobilización e presenza permanente da xente, a actividade continua, a información aos veciños... Desde logo que foi algo fundamental e estou convencida de que tamén é algo que bota as empresas para atrás no caso de que pensen en retomar o proxecto da mina. Pode que, se cadra, o intenten noutra zona onde a xente estea máis parada e menos mobilizada pero é seguro que aquí teríano que pensar moito. 

"A mobilización social foi unha das claves e tamén será algo que bote atrás as empresas que pensen en retomar o proxecto"

Sufriron presión por parte do mundo empresarial ou das administracións?

Máis que presión, o que sufrimos foi a ausencia de moitos medios importantes en papel, aínda que non de moita prensa dixital que trasladou a problemática á cidadanía. En canto á veciñanza, si que houbo persoas de Corcoesto que recibiron chamadas e mesmo algunha ameaza, pero non tanto por parte das administracións, senón a un nivel máis subterráneo e soterrado. 

Mantense a división entre os veciños da zona?

Houbo moita división entre os veciños e aínda permanece. Hai familias que se enfadaron, que quedarán enfadadas e que aínda viven sen falarse e isto é do máis negativo que deixou este proxecto, aínda sen chegar a materializarse. Ás veces hai afinidades políticas por baixo, outras veces de terras e outras polas promesas de postos de traballo que se fixeron. Hai quen acusa o outro de evitar que conseguise un emprego por mobilizarse contra a mina...

"Hai familias que se enfadaron tras esta polémica e que aínda viven sen falarse; isto é do máis negativo que deixou este proxecto"

Xogou a empresa coa desesperación e o elevado nivel de paro pola crise?

A empresa e outros actores xogaron coa situación de desesperación e de paro de moita xente que se agarrou a un cravo ardendo pensando no futuro máis inmediato, pero non no futuro a longo prazo nin nas consecuencias que tería este proxecto nun futuro. 

Cre que a ameaza da minería máis agresiva segue vixente en Galicia?

A ameaza segue en pé e en varios lugares. A tal hora, en Triacastela hai xente movéndose para tratar de evitar que a Cova Eirós sura máis deterioro do que xa sufriu e en Lousame tamén hai mobilizacións para o que o proxecto de wolframio non vaia adiante. Hai que estar alerta porque este tipo de empresas mineiras funcionan dunha maneira moi subterránea, facendo as cousas aos poucos e ás agachadas... Cando te queres dar conta, xa teñen todo medio feito, pero sen ter informado á veciñanza nin explicando en que consiste o que pretenden. 

"Non creo que Sacyr se atreva a retomar a mina; sabe que estamos organizados e que nos atopará desde o primeiro día"

Sacyr e a súa filial mineira parece que tamén puxo os seus ollos en Galicia, cre que podería intentalo en Corcoesto?

Non creo que Sacyr se atreva. A empresa é suficientemente grande para abarcar moitos proxectos, pero está bastante ocupada en Lousame. Non creo que esta compañía intente reactivar o proxecto da ina en Corcoesto mentres vexa qu a xente segue mobilizada e activa. Saben que estamos organizados, que nos atoparían ás primeiras, que terían que afrontar alegacións e manifestacións desde o primeiro día. Se cadra son demasiado optimista, pero non creo que teñan moitas ganas de intentalo.

A loita contra a mina de Corcoesto foi tamén unha batalla por un mode de vida e polo rural...

Desde logo que si. Defendemos un xeito de vida, o rural e tamén unha política. Avogar por un sistema sustentable, mesmo polo decrecemento ou algo similar, tamén é unha opción política. 

"Toda esta mobilización fixo que moitas persoas que nunca se preocuparan pola economía sustentable si que a teñan agora en conta"

Cre que máis xente se uniu a esta defensa do rural e dunha economía sustentable?

Creo que esta mobilizacións social provocou tamén unha reflexión entre moita xente sobre os modos de vida e sobre o que queremos de cara ao futuro. Fixo que moitas persoas que nunca se preocuparan por estes temas si que os teñan agora en conta e reflexionen sobre eles. Hai máis concienciación sobre moitos temas. 

Nela Abella © galiza.pospetroleo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.