O persoal do Hospital de Vigo está chamado á folga este martes

Protesta de traballadores do Sergas no Álvaro Cunqueiro CC-BY-SA CIG-Saúde

Ao redor de cinco mil traballadores e traballadoras do Complexo Hospitalario de Vigo están chamados e chamadas a unha folga de 24 horas neste martes 13 de outubro. O paro foi decidido polas asembleas convocadas polo persoal de todos os centros e implicará que dende as oito da mañá só funcionarán os servizos mínimos, agás en Urxencias e Reanimación, que estarán operativos ao 100%. A folga rematará ás 8 horas do día 14.

Demándase unha sanidade "100% pública" e un correcto funcionamento do novo Hospital Álvaro Cunqueiro. "Os datos, as informacións, as análises, etc que teñen saído estas semanas nos medios de comunicación sobre a situación do Hospital Álvaro Cunqueiro, amosan, por se alguén aínda non o tiña claro, a onde nos conducen unhas decisións que poñen en risco a seguridade dos pacientes, que precarizan as condicións de traballo dos profesionais, que levan ao enriquecemento duns poucos a conta de converter o dereito de atención sanitaria nunha mercadoría", destacan dende a Plataforma Sanitaria pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública.

Dende hai case dúas semanas traballadores e traballadoras do Chuvi manteñen un peche nas instalacións ndo novo hospital. A acción, que foi iniciada polos celadores e celadoras do complexo, foi secundada días máis tarde por outros colectivos e manterase ata a folga deste martes.

Ademais da folga, están convocadas unha concentración ante as instalacións do Álvaro Cunqueiro, ás 12 horas. E unha manifestación, que partirá do centro hospitalario ás 18 horas. Tamén en Ourense, nas portas do Complexo Hospitalario da cidade, está convocada unha concentración de apoio, que comezará ás 11 horas.

Protesta de traballadores do Sergas no Álvaro Cunqueiro CC-BY-SA CIG-Saúde
Masiva manifestación pola sanidade pública celebrada en Vigo hai unhas semanas CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.