Masiva folga do persoal sanitario en Vigo

Mobilización pola folga sanitaria en Vigo © Celadores del Xeral

Paralizada a área sanitaria de Vigo. A folga convocada para este martes alcanzou o 90% dos traballadores, segundo os datos que fixo públicos a xunta de persoal do Chuvi e que a Xunta reduce a pouco máis do 30%. A protesta contra a "privatización da sanidade" e contra as eivas e a precariedade que sofre o novo Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) mobilizou masivamente os sanitarios, que volveron reclamar tamén a dimisión do xerente, Félix Rubial, durante un paro que comezou ás 8 da mañá e que rematará á mesma hora deste mércores. 

A folga foi secundada por un 90% dos traballadores, segundo a xunta de persoal; a Xunta redúceo ao 30%

Foron varios centos os traballadores -uns 500- que se mobilizaron á mañá polas instalacións e polo exterior do novo hospital denunciando a "incompetencia" dos xestores da área sanitaria, reclamando "dimisións", aludindo a Feijóo e solicitando unha "sanidade pública e gratuíta". Á tarde, unha masiva manifestación percorreu as rúas denunciando a "privatización" dos servizos sanitarios e volvendo pedir a marcha "de toda a dirección". 

Ante as protestas, o novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, prometeu levar a cabo "iniciativas a curto, medio e longo prazo" para "axudar os profesionais a desenvolver a súa tarefa", aínda que non explicitou en que consistían esas medidas que, segundo di, procuran "a mellora en todo".

Vázquez Almuiña recoñeceu que “é evidente que hai moitas cousas que mellorar, hai que facer correcións, e estamos nesa idea” e destacou o seu convencemento de que “todos os traballadores da sanidade pública de Vigo queren que isto saiaa ben”. Recoñeceu os problemas o máximo responsable do Sergas en Galicia, que viu como a mobilización se estendía por outras áreas sanitarias e adiantou que chamará aos traballadores para "sentarse a negociar". 

O novo conselleiro Almuíña promete medidas "a curto, medio e longo prazo" pero non especifica en que consisten

Así, na Coruña, a xunta de persoal e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública -que apoiou todas as mobilizacións- concentráronse á mañá en solidariedade cos seus compañeiros de Vigo. Coincidindo con moitas das demandas do Chuvi, os traballadores do Chuac denunciaron recorte no persoal e a privatización de servizo, como o de electromedicina, que estarían provocando avarías continuas en varios ámbitos. Tamén en Lugo, persoal do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) tamén se concentrou en apoio da folga da área sanitara viguesa, denunciando tamén a privatización. "Na defensa dos servizos públicos, non aos recortes dos nosos dereitos", podía lerse na pancarta. Foron as mesmas proclamas que se puideron ver en actos de apoio noutros centros hospitalarios, como nos da Costa da Morte. 

En Ourense, ademais, os sindicatos médicos CESM-Omega convocaron tamén unha folga cuxo seguimento cifraron en máis do 80%, áinda que a xerente do Complexo Hospitalario Universiario (CHUO) rebaixou a incidencia do paro ao 18% do cadro de persoal. 

Persoal sanitario da Coruña, Lugo e outras partes de Galicia apoiou os compañeiros de Vigo; en Ourense, outra folga sanitaria tivo menos incidencia

Ao tempo, en Vigo, Ángel Cameselle, presidente da xunta de persoal, asegurou que o Sergas programara intervencións cirúrxicas para a xornada deste martes, sen ter en conta a folga, o que tería obrigado a cancelar cando menos seis operacións. Ademais, á tarde hai prevista unha nova concentración e a fin do peche que desde hai dúas semanas manteñen os celadores do HAC, que denuncian que unha empresa privada está a levar a cabo labores propios, provocando así máis problemas aínda no funcionamento "caótico" que levan tempo denunciando os traballadores do Álvaro Cunqueiro. 

Augas fecais caían este martes na área de urxencias do Álvaro Cunqueiro, o que obrigou a pechar a zona

Precisamente, este mesmo martes rebentou unha tubaxe no servizo de urxencias do Álvaro Cunqueiro, o que provocou que a auga caera desde o teito e a empresa concesionaria tivera que pechar a zona. Son, segundo denuncian varias fontes, augas fecais que agora caen na área dos boxes de reanimación de paciente críticos. 

Ante o éxito da convocatoria, a xunta de persoal considera que a xerencia do novo hospital de Vigo debería sentar a negociar con eles axiña. Mentres, a Xunta insiste nun seguimento da folga dun 30,81% e que non superaría o 28% e que roldaría o 33% entre os sanitarios non facultativos e o persoal non sanitario. O caso é que os sindicatos teñen en conta nos seus cálculos os traballadores incluídos nos servizos mínimos, algo que nunca fai a Administración. 

Concentración no HULA de Lugo en apoio da folga en Vigo Dominio Público @polasaudedelugo
Mobilización pola folga sanitaria en Vigo © Celadores del Xeral
Manifestación pola folga sanitaria en Vigo Dominio Público @ccoovigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.