A demanda da prohibición da munición de chumbo marca o inicio da tempada de caza

XIX Festa da Caza, celebrada en Lugo este ano © Federación Galega de Caza

Este domingo dará comezo unha nova tempada de caza en Galicia, que chegará ata ao 6 de xaneiro. Serán días hábiles para a caza os xoves, domingos e festivos. Se a actividade cinexética estivo marcada nos últimos anos polo debate ao redor da seguridade, sobre todo a raíz dalgún accidente mortal, nesta ocasión un dos asuntos que centra o inicio da tempada é a proposta para a prohibición do uso de munición de chumbo.

O pasado mes de xuño o BNG presentou no Parlamento unha proposición de lei para estender a prohibición do uso da contaminante munición con chumbo a todo o territorio galego

O pasado mes de xuño o BNG presentou no Parlamento unha proposición de lei para estender a prohibición do uso da contaminante munición con chumbo a todo o territorio galego. Na actualidade, a lei de caza de Galicia, aprobada en 2013, prohibe usar munición con chumbo en todos os humidais e espazos protexidos. A Federación Galega de Caza oponse a deixar de empregar perdigóns con chumbo, criticados non só polos grupos ecoloxistas, senón mesmo pola Mesa Galega pola Caza e a Federación Española de Caza, que apoian o uso doutros materiais menos nocivos para o medio ambiente, cartuchos sen chumbo que son "totalmente compatibles coas armas de todos os cazadores galegos, non son contaminantes, cumpren á perfección cos parámetros balísticos establecidos e, ademais, economicamente non supoñen nin sequera un incremento significativo".

A Federación Galega iniciou nas últimas semanas unha rolda de contactos para tentar convencer os grupos parlamentarios de que non leven adiante unha medida que consideran "precipitada, desinformada, e carente dunha base científica sólida para ser levada a cabo". Pola contra, ADEGA acusa a Federación de empregar "falsos argumentos técnicos e legais" e de achegar "un informe científico con curiosos argumentos acientíficos". O informe minimiza a contaminación xerada pola munición pois "as emisións de chumbo ao ambinete prodúcense maioritariamente por outras vías coma a minaría, industrias, locomoción..." e ve detrás da prohibición "a presión que algúns grupos conservacionistas pretenden exercer sobre a actividade cinexética".

ADEGA pide que se complete a prohibición "deste veleno", para deste xeito "colocar por unha vez a Galicia na avangarda da protección ambiental e da saúde no Estado"

ADEGA pídelle aos grupos da cámara galega que completen a prohibición "deste veleno" en todo o territorio, para deste xeito "colocar por unha vez a Galicia na avangarda da protección ambiental e da saúde no Estado". "Os que pretenden que sigamos nas cavernas só poden cualificarse como cavernícolas", conclúe.

 

Máis denuncias contra os cazadores

Dende o 2008 o número de denuncias presentadas contra os cazadores multiplicáronse por seis, segundo os datos recollidos na memoria de actividade da Policía Autonómica de Galicia. As denuncias relacionadas con infraccións en materia de caza pasaron de 48 en 2008 ata 346 en 2013, unha mostra dunha maior concienciación cidadá e tamén dun mellor funcionamento do corpo de axentes medioambientais. Houbo, ademais, 3396 identificacións, 1547 inspeccións (572 en 2008) e 5 detidos ou imputados.

A actividade cinexética ten espertado numerosas críticas en entidades ambientalistas e animalistas, que alertan sobre o perigo que supón a actividade dos cazadores para montañeiros, ciclistas ou calquera persoa que pasee polo monte, e para eles mesmos

A actividade cinexética ten espertado numerosas críticas en entidades ambientalistas e animalistas, que alertan sobre o perigo que supón a actividade dos cazadores para montañeiros, ciclistas ou calquera persoa que pasee polo monte, e para eles mesmos. En 2012 dúas persoas morreron en Galicia (en Vila de Cruces e Vilalba) por disparos relacionados coa caza. E en 2013 rexistráronse outras dúas vítimas mortais (en Rubiá e Ribas de Miño, neste caso un rapaz de 17 anos que participaba nunha batida).

 A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) pediulle á Xunta hai dous anos unha correcta sinalización desta actividade e que "non autorice a realización de batidas con munición de bala os días de maior afluencia de cidadáns aos montes: festivos e fins de semana". De igual xeito, demandaba que se "comece a realizar de inmediato controis de alcolemia e sustancias psicotrópicas entre todos os cazadores". E, pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro de Libera, denunciaba en entrevista con Praza que a actividade dos cazadores "conculca os dereitos das persoas non cazadoras" pois "máis do 90% do territorio galego son tecores, son terreos ordenados cinexeticamente" e que "durante as tempadas de caza maior e menor todo o monte está tomado".

En Galicia hai 19.210 persoas con licenza de caza, unha cifra que veu reducíndose nos últimos anos, dende as 21.587 de 2008

En Galicia hai un total de 19.210 persoas con licenza de caza, case todos homes (19.149), unha cifra que veu reducíndose nos últimos anos, dende as 21.587 de 2008, unha caída de máis do 10%. No conxunto de España hai 334.915 persoas federadas, tamén en descenso, dende as 411.453 de 2008.

XIX Festa da Caza, celebrada en Lugo este ano © Federación Galega de Caza
Campionato provincial de Pontevedra de caza do raposo © Federación Galega de Caza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.