A Coruña votará en novembro a proposta de renda social municipal para persoas sen ingresos

A concelleira Silvia Cameán, este venres na presentación da renda social municipal © Concello da Coruña

O Goberno local da Coruña ten xa ultimados os detalles da súa proposta de Renda Social Municipal, que será presentada oficialmente a vindeira semana e podería ser votada no pleno de novembro. A medida, que figuraba entre as 25 accións urxentes que a Marea Atlántica prometeu levar a cabo nos seus primeiros 100 días de xestión, concrétase nunha axuda dun máximo de 532 euros dirixida a quen non recibe a RISGA nin ningunha outra prestación. Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados, salienta a "urxencia" da aprobación desta renda "dada a situación de emerxencia que viven moitas familias”. Necesitará dunha partida de 3 millóns de euros nos orzamentos.

A renda social é unha axuda de 532 euros dirixida a quen non recibe a RISGA nin ningunha outra prestación

A Renda Social Municipal busca dar cobertura ás necesidades máis básicas: alimentación, vivenda, pago de cotas de aluguer, hipotecarias, vestimenta... A cantidade que percibirán as persoas beneficiarias será do 100% do IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples), uns 532,51 euros se se trata dunha soa persoa. A axuda incrementarase nun 20% por cada membro que compoña a unidade familiar solicitante, ata un máximo de 1.065 euros, o dobre do IPREM. O obxectivo é que as solicitudes sexan resoltas nun prazo máximo de dous meses.

Aquelas persoas que poidan acceder a esta prestación terán que cumprir unha serie de requisitos, entre eles, “colaborar nun itinerario de inclusión social que elaborará unha traballadora social de referencia” e estar empadroados ou empadroadas na cidade cunha antigüidade mínima de seis meses. A Renda Social Municipal inclúe unha serie de excepcións neste apartado: así, non terán que cumprir este requisito as vítimas de violencia de xénero, as personas emigrantes galegas, nos termos sinalados no artigo número 3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e ás persoas que teñan recoñecida a condición de refuxiada. As e os aspirantes a recibir esta renda non poderán estar en situación de poder pedir unha pensión non contributiva de xubilación. Tampouco poderán solicitala as unidades de convivencia cunha capacidade económica superior ao 200% do IPREM.

"A nosa intención é levar este documento á Cámara cando antes, xa que debería ir en paralelo cos orzamentos”, sinalou Cameán

A proposta, que será entregada a vindeira semana aos restantes grupos da corporación municipal, foi realizada en colaboración coas traballadoras e traballadores sociais do Concello, destacou Cameán, "de abaixo a arriba". “Elas son as principais coñecedoras deste traballo e as que nos podían informar dos límites reais que nos podiamos marcar. Tras recibir as súas achegas, seguimos traballando nun documento que agora xa temos listo”, engadiu.

“Entendemos que se o PP e o PSOE están falando estes días da necesidade dun plan de rescate social, e alertan de que vivimos unha situación de emerxencia social, non debería haber atrancos para levar a ordenanza a Pleno e aprobala”, afirmou Cameán, que sinalou que "a nosa intención é levar este documento á Cámara cando antes, xa que debería ir en paralelo cos orzamentos”.

 

Un complemento á RISGA

Máis da metade das persoas que buscan activamente traballo, inscritas nas oficinas públicas de procura de emprego, non perciben ningún tipo de prestación

Ao redor de dez mil persoas reciben en Galicia a RISGA ou Renda de Integración Social de Galicia, un subsidio que a Xunta entrega ás persoas que carecen de recursos económicos. Aínda que a cifra de beneficiarios e beneficiarias se foi incrementando en paralelo ao empeoramento da situación económica (o número total de persoas receptoras duplicouse dende 2009), esta prestación non chegaba a moitas outras persoas que igualmente a necesitaban. De feito, os datos oficiais do Ministerio amosan cada mes a realidade de que máis da metade das persoas que buscan activamente traballo, inscritas nas oficinas públicas de procura de emprego, non perciben ningún tipo de prestación

Dende distintos ámbitos téñense lanzado propostas para poñer en marcha rendas mínimas garantidas, dirixidas ás persoas sen ningún ingreso. CC.OO. e UGT impulsan unha proposta que inclúe o pagamento de 426 euros mensuais a todos aqueles parados e paradas sen prestación e sen outra fonte de ingresos. CC.OO. calcula que en Galicia 87.863 persoas -desempregadas de longa duración que viven soas ou en fogares sen ingresos- serían potenciais beneficiarias deses 426 euros.

Propostas semellantes á que se quere poñer en marcha na Coruña foron presentadas por Barcelona en Comú, Podemos ou o PSOE

Propostas semellantes á que se quere poñer en marcha na Coruña foron presentadas por Barcelona en Comú, que prometeu unha "renda municipal complementaria" para as familias con menos ingresos, que cubra a diferenza entre o que cobren agora e os 570 euros (o 60% da renda media da cidade), un proxecto pendente da aprobación dos orzamentos da cidade. E semella que figurará no programa de Podemos cunha formulación semellante. Mesmo dende o PSOE se fixeron propostas neste senso. En Madrid, por exemplo, Ángel Gabilondo prometeu unha "renda básica de cidadanía” de 479 euros para “persoas en situación de vulnerabilidade” e que eleva os actuais 375 euros da renda mínima de inserción. E o propio Pedro Sánchez anunciou un Ingreso Mínimo Vital de 426 euros para fogares sen ingresos.

Xuntanza entre representantes do goberno municipal e traballadoras sociais do Concello para analizar o proxecto Dominio Público @de_beauvoir
A concelleira Silvia Cameán, este venres na presentación da renda social municipal © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.