As vítimas do accidente do Alvia esixen que se investigue a responsabilidade de Renfe e Adif

Concentración da plataforma de vítimas, este verán en Compostela © Plataforma Alvia 04155

O peche da instrución do caso do accidente do Alvia, decidido a semana pasada polo xuíz Andrés Lago, coa imputación en solitario do maquinista, foi de inmediato criticada polas asociacións de vítimas. Nas últimas semanas, as plataformas que agrupan as persoas afectadas polo sinistro -a Plataforma Vítimas Alvia 04155 e a Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago- foron formalizando senllos recursos nos que reiteran as súas críticas ao peche da instrución, pedindo que se investigue a reponsabilidade dos cargos de Renfe e Adif e denunciando, así mesmo, que o maxistrado rexeitase numerosas dilixencias pedidas polas partes.

O recurso presentado pola Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago (Apafas), que agrupa ao redor de 40 persoas, considera que hai feitos que "derivan nunha responsabilidade obxectiva, causal e inmediata e con relevancia penal" con respecto a cargos do administrador de infraestruturas ferroviarias. 

De igual xeito, no recurso de reforma presentado pola Plataforma Vítimas Alvia 04155 denúnciase un sobrepeso de nove toneladas por eixo nos furgóns xeradores diésel do Alvia híbrido S-730, o tren accidentado en Angrois, uns datos revelados polo documental Frankestein-04155 do director Aitor Rei. A entidade considera que esta información "é motivo máis que suficiente para revogar o auto recorrido e retomar la instrución, investigando o feito aquí denunciado, pedirlles aos peritos actuantes que informen sobre estes extremos, e citar como imputados a todos os responsables de Renfe e Adif na materia". A plataforma engade que o Centro de Investigación de Tecnoloxías Ferroviarias xa sinalara "dúbidas sobre os pesos" e denuncia que a homologación do tren S-730 non se realizou conforme ao establecido legalmente.

Tanto unha coma outra plataforma subliñan nos seus recursos a "indefensión" e a vulneración do "dereito á tutela efectiva", polo rexeitamento de numerosas probas e dilixencias solicitadas

Así mesmo, tanto unha coma outra plataforma subliñan nos seus recursos a "indefensión" e a vulneración do "dereito á tutela efectiva", polo rexeitamento de numerosas probas e dilixencias solicitadas, que finalmente non entraron na instrución, polo que non poderían ser empregadas no xuízo. A Plataforma Vítimas Alvia 04155 sinala que "algo falla cando case todas as partes consideran que deben practicarse máis dilixencias". E tamén critica que o maxistrado realizase as súas conclusións unicamente a partir de dous dos tres informes periciais, escollendo os dous dos peritos "designados pola Xunta", que limitan a responsabilidade á velocidade do tren, e descartando o do único perito independente, César Mariñas, designado por sorteo. Pola súa banda, para Apafas, o peche da instrución "vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva e o dereito á práctica de proba". Ademais, o seu recurso denuncia que as súas demandas de novas dilixencias foron denegadas "tardiamente", o que provoca "indefensión".

Concentración da plataforma de vítimas, este verán en Compostela © Plataforma Alvia 04155
Entrada dos Xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.