Un evento patrocinado pola Xunta pide azafatas con "boa presenza"

Web da iniciativa © http://gourmetextravaganza.com/

Galician Gourmet Extravaganza é unha iniciativa, a xeito de tour gastronómico, que busca promocionar fóra de España a calidade da cociña galega e dos seus produtos, a través da realización dunha serie de eventos en distintas cidades. O primeiro deles tivo lugar en Londres entre os pasados 15 e 18 de outubro. O Galician Gourmet Extravaganza está patrocinado polo IGAPE, a Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña, contando con fondos FEDER procedentes da Unión Europea.

Para o encontro gastronómico organizado na capital británica realizouse unha convocatoria de emprego, procurando "azafatas" para traballar como "interpretes entre as empresas galegas expositoras no evento e os profesionais ingleses asistentes". Ás posibles aspirantes requiríaselles ter estudos medios, ser bilingües en español e inglés e ter "don de xentes". Ademais, a oferta demandaba delas que tivesen "boa presenza".

A convocatoria, publicada en distintos medios, coma portalparados.es, foi xa denunciada ante o Instituto de la Mujer, que a tramitará na Inspección de Traballo. Ademais, a denuncia incorporouse á base de datos do Observatorio de la Imagen de las Mujeres. Na reclamación sinálase que o anuncio é discriminatorio e sexista e estaría vulnerando a lexislación relativa á protección da igualdade. A Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes especifica que "se considerarán discriminatorias as ofertas referidas a un dos sexos, agás que se trate dun requisito profesional esencial e determinante da actividade a desenvolver".

Captura de pantalla da oferta © portalparados.es
Web da iniciativa © http://gourmetextravaganza.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.