As Marchas apelan á unidade contra os que "malvenden os nosos dereitos"

Manifestación das Marchas da Dignidade no Obradoiro Dominio Público @mareagal

A unidade popular volveu saír á rúa para ocupar o Obradoiro. As Marchas da Dignidade volveron reivindicar "pan, traballo e teito" en Compostela, nunha convocatoria con menos cá do pasado ano. Malia todo, tres columnas entraron na capital galega para volver "berrar pola dignidade do pobo que loita" contra un goberno "traidor ao servizo de potencias e multinacionais estranxeiras". 

Así o dixo Nicanor Acosta, coñecido activista coruñés -ao que este venres a xustiza absolveu dunha sanción por intentar deter o desafiuzamento de Aurelia Rey-, encargado de ler un manifesto final na que as Marchas cualificaron de "mafia" a queles gobernos que "non pensan nas persoas, só no negocio" e que se "comportan como criminais, roubando, mentindo e chantaxeando". 

As Marchas cargaron contra os que "recortan os dereitos para facer negocio con eles"

Ante centos de persoas e nun Obradoiro no que se puideron ver bandeiras republicanas españolas, nacionalistas galegas e símbolos de colectivos como Stop Desafiuzamentos ou colectivos contra a privatización sanitaria, Nicanor Acosta insistiu en que "a chamada crise non é máis ca unha inmensa estafa perpetrada dende o poder económico" co obxectivo de "recortar os nosos dereitos e facer negocio con eles" e coa colaboración da troika. "Loitamos contra un Estado fallido que malvende os nosos dereitos ao poder económico", insistiu. 

Desde as Marchas advertiuse que esta UE "non é nosa nin nos representa" e chamou a seguir saíndo á rúa para deter as políticas neoliberais e de austeridade reivindicando "a unidade e a dignidade" como as mellores "armas". Ademais, aludiu á "privatización de hospitais como o de Vigo" como exemplo do "favorecemento de empresas privadas" e criticou con dureza os "recortes en dependencia" mentres "coidan con cartos públicos o pai de Rajoy". As Marchas censuraron tamén os recortes en educación pública ou nos servizos de emerxencia, as políticas que "acaban coa gandeiría e a pesca" ou aquelas que "malvenden as caixas galegas", "atentan contra o medio ambiente ou enchen de cemento as costas" e mesmo as que "ata poñen un imposto por usar o sol como fonte de enerxía". "O seguinte será cobrarnos por respirar"

Ademais, no manifesto alertouse tamén de que "o feminicio siga sen tomarse en serio" e alertouse dunha estratexia "clara" dos poderes dominantes: a de "crear a crise, usala como escusa para recortar dereitos e basearse en cifras como o PIB para dicir que xa rematou cando chegan as eleccións". E ante iso, as Marchas volveron reivindicar "traballar conxuntamente para derrotar un inimigo poderoso". 

Os manifestantes apelan á unidade e ao "traballo conxunto" para "derrotar un inimigo poderoso"

"Non nos calará, seguiremos a loitar", advertiron os convocantes, antes de reclamar que non se pague a débeda ilexítima, o dereito á vivenda, os dereitos para as persoas migrantes ou a retirada da reforma laboral. Ademais, insistiron na defensa dos servizos 100% públicos e de calidade, na independencia da xustiza, na loita contra o TTIP, a corrupción, o fracking e a Lei mordaza ou a prol dunha "economía ao servizo do pobo". E reclamaron, tamén, xustiza para as vítimas de Angrois.

Ao acto das Marchas acudiu Antón Sánchez, deputado de AGE; a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz; e os alcaldes de Compostela e Ferrol, Martiño Noriega e Jorge Suáre, entre outros.

Manifestación das Marchas da Dignidade no Obradoiro Dominio Público @mareagal
Manifestación das Marchas da Dignidade no Obradoiro Dominio Público @mareagal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.