ENCE e os seus efectos, en 84 preguntas e respostas

Vista aérea da factoría de ENCE © encefora.gal

Hai uns días a Federación de Asociacións de Veciños e a Asociación pola Defensa da Ría, xunto con outras entidades ecoloxistas e sociais, institucións coma o Concello de Pontevedra e a Deputación provincial e co apoio de BNG, PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra, entre outras forzas políticas, botaron a andar unha campaña contra a permanencia do complexo de ENCE en Lourizán e pola recuperación da ría de Pontevedra. 

A campaña, baixo o lema Ence fóra para sempre, busca frear a decisión do Goberno central de prorrogar a concesión de Ence en Lourizán por outros 50 anos, que poderían ser ata 60 coa actual Lei de Costas, unha decisión que podería ser inminente, tomándose antes das eleccións xerais do próximo 20 de decembro ante a perspectiva da perda da maioría absoluta polo PP. Na presentación da campaña o presidente da Federación veciñal Castelao, José Loureiro, preguntouse a respecto desa urxencia. “Por que tanta présa se a concesión vence no 2018? Por que un Goberno case en funcións quere hipotecar a ría outros 50 anos máis?”.

A campaña inclúe un Libro Branco sobre ENCE, un sinxelo documento que expón, a través de 84 preguntas e respostas distintas cuestións relacionadas con esta factoría, dende a súa orixe e evolución, o seu impacto económico e capacidade de xeración de emprego, así coma os efectos sobre o medio ambiente e sobre outras actividades económicas. O documento tamén afonda noutras consecuencias indirectas da presenza de ENCE en Galicia, coma as plantacións de eucaliptos e as súas consecuencias para a xestión do territorio e a loita contra os incendios forestais. O texto, así mesmo, relata o tirapuxa que nos últimos anos se deu entre a empresa, por unha banda, e colectivos sociais, pola outra, sobre a continuidade da planta no interior da ría, ata chegar aos procesos máis recentes grazas aos que ENCE pode conseguir prorrogar a súa presenza en Lourizán medio século máis. Finalmente, o informe ofrece un escenario post-ENCE para a ría de Pontevedra, reflexionando sobre os beneficios que a marcha da empresa a outro emprazamento tería para a economía e o medio ambiente da zona.

Con este documento, os seus promotores queren loitar contra a "manipulación informativa" e a "desinformación que xera a empresa a través das súas fortes inversións publicitarias, que tratan, co argumento dos empregos, de modificar a opinión dos veciños e veciñas de Pontevedra".

Distribuiranse ao redor de 15000 exemplares deste Libro Branco, que na web se acompaña de vídeos, fotografías (actuais e históricas) e dun espazo denominado Imaxina Lourizán, no que se convida a calquera persoa a expoñer que lle gustaría que se fixese nos terreos que actualmente ocupa ENCE. Os promotores da campaña non descartan outras iniciativas, mesmo a convocatoria dunha decisión, para tentar impedir que o Goberno central, co apoio da Xunta de Galicia, execute finalmente a prórroga para a factoría ao abeiro da nova Lei de Costas.

Pola súa banda, ENCE vén de criticar o contido do Libro Branco, por conter "mentiras, verdades a medias e inexactitudes" e anuncia que está a traballar nun documento de réplica que "achegará información de calidade sobre a súa realidade, difundindo datos verídicos e contrastados por terceiros".

 

Os beneficios da prórroga

Subliña que "a operación de regalar a permanencia de Ence en Lourizán pode reportarlles aos propietarios uns 2.000 millóns de euros"

O texto salienta que a empresa di que é "imposible" o traslado a outra localización porque "Ence só pensa no seu beneficio económico e non quere asumir os custes do traslado e o prezo do novo terreo. Din que lles resulta máis barato pagar todos os favores que sexan necesarios pagar para permanecer en Lourizán, que trasladarse". E subliña que "a operación de regalar a permanencia de Ence en Lourizán pode reportarlles aos propietarios uns 2.000 millóns de euros entre o que aforran quedando aquí, e o que deixarían de ganar se tivesen que entregar os terreos". "Ademais compre lembrar que mercaron a empresa a prezo de saldo, porque só estaba autorizada a producir ata 2018", engade. "A prórroga sería en realidade unha fraude, xa que se pagou o valor da empresa até ese ano. É un claro caso de rapiña empresarial ligada ao sector público, no que se estima que ten moito que ver que destacados cargos dos gobernos do PP ocupen varios asentos no Consello de Administración", di.

 

O seu papel na 'eucaliptización'

O informe destaca que a existencia de ENCE en Pontevedra "promove claramente o monocultivo de eucalipto en amplas zonas de Galiza, especialmente preto do litoral"

O informe destaca que a existencia de ENCE en Pontevedra "promove claramente o monocultivo de eucalipto en amplas zonas de Galiza, especialmente preto do litoral". En 1987 Galicia contaba con 40.000 hectáreas de eucalipto, en 1997 con 170.000 e en 2009 con 375.000. O informe subliña que a empresa merca a súa madeira a "provedores cativos, centos de pequenas explotacións que xestionan a través de Norfor con convenios moi proveitosos para a empresa e explotando ao límite a circunstancia de que ninguén vive exclusivamente do monte". E, ademais, con prezos á baixa: "Estímase que en 1990 o prezo medio do eucalipto andaba en 42 euros/tm, mentres hoxe rolda os 30". Engade que "progresivamente, a empresa foi ampliando a importación de madeira, e aínda que hoxe non é doado saber que porcentaxe da madeira vén de fóra; sábese que lles resulta bastante rendible importar madeira astillada de África e Sudamérica, debido aos menores custos laborais". 

O texto explora tamén outros posibles usos para a madeira de eucalipto, distintos aos da pasta de papel

O Libro Branco pregúntase a quen lle poderían vender o eucalipto as explotacións galegas se Ence non estivese en Lourizán, sinalando que "moitas das explotacións poderán continuar vendéndollo á propia empresa, pois non ten plans para pechar a planta de Navia, e incluso ten anunciado a posibilidade de ampliala". "Tamén poden venderllo á industria portuguesa, e incluso exportala máis lonxe, pois hai empresas chinesas sondeando o mercado galego do eucalipto. Outra opción é destinala a producir taboeiros para moblaxe ou pavimentos".

O texto explora tamén outros posibles usos para a madeira de eucalipto, distintos aos da pasta de papel. "Habería moitas aplicacións para a enorme cantidade de madeira que produxo e produce o noso país, sen necesidade de triturala e convertela en pasta de papel, pero hai que dedicar esforzos á investigación e ao desenvolvemento de ideas relacionadas co mobiliario, o interiorismo ou a construción", di.

 

Unha ría de Pontevedra sen ENCE

"O saneamento dos terreos da concesión que ocupa Ence e unha mellor calidade das augas da ría  permitirían revitalizar nun prazo de uns dez anos a actividade marisqueira e desenvolver usos turísticos sustentábeis e actividades náuticas e deportivas na contorna"

"O saneamento dos terreos da concesión que ocupa Ence e unha mellor calidade das augas da ría, permitirían revitalizar nun prazo de uns dez anos a actividade marisqueira e desenvolver usos turísticos sustentábeis e actividades náuticas e deportivas na contorna", destaca. Engade que "unha vez que esta industria deixe de producir en Lourizán, poderán xurdir na comarca actividades limpas hoxe imposibilitadas pola presenza de Ence".

"Debemos pensar en alto sobre o aproveitamento colectivo dese espazo público, de como nos convén xestionar ese gran capital marítimo terrestre, e o territorio de Salcedo e Lourizán que queda na área de influencia da actual fábrica"

O documento sinala que "os pontevedreses fomos quen de reconverter unha cidade decadente nun lugar que poñen de exemplo en todo o mundo de como deben ser as cidades de hoxe, e debemos poñer todo o empeño en dicir non a unha industria de enclave, absolutamente molesta pola súa desgraciada situación", citando os exitosos exemplos de Bilbao, Barcelona, Lisboa ou Xixón, que foron quen de recuperar valiosos espazos urbanos que foran ocupados por industrias contaminantes ou obsoletas.

E conclúe que "un futuro sen Ence abre novas portas á nosa economía urbana, basicamente administrativa e terciaria". "Entre todos, democraticamente e a través das nosas institucións e da participación cidadá, debemos pensar en alto sobre o aproveitamento colectivo dese espazo público, de como nos convén xestionar ese gran capital marítimo terrestre, e o territorio de Salcedo e Lourizán que queda na área de influencia da actual fábrica", di.

Vista aérea da factoría de ENCE © encefora.gal
O complexo de Lourizán, na ría de Pontevedra © encefora.gal
Imaxe de ENCE dende a ría © encefora.gal
Imaxe da zona, antes da instalación destas industrias © encefora.gal
Imaxe da zona, antes da instalación destas industrias © encefora.gal
Mariscadoras, a mediados do século pasado © encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.