0 Gardados para despois

O sector lácteo volverá mobilizarse a partir do 23 de novembro

Redacción | @prazapublica

O sector lácteo volverá á rúa a partir 23 de novembro, "cando se cumprepn dous meses da sinatura do acordo lácteo de Madrid". Así o anunciou nun comunicado a Organización de Produtores Lácteos en nome da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo, que iniciará medidas de presión contra as empresas que considera "incumpridoras" do pacto firmado e semprep que non haxa avances das administracións e das industrias. 

A Plataforma anuncia que o sector lácteo volverá mobilizarse a partir do 23 de novembro, ao cumprirse dous meses dun acordo "que non se cumpre"

A Plataforma, logo da reunión do pasado venres, insta a Administración a que "axilice" o cumprimento do devandito acordo e a industria a que "deixe de presentar contratos á baixa" e pase a recoller as subas prometidas e que non se están a cumprir na inmensa maioría dos casos. O colectivo que agrupa sindicatos, concellos e produtores insiste en que "non é certo que os prezos se estean recuperando" e volve reclamar que exista unha comisión de seguimento do pacto lácteo en Galicia, xa que non existe, así como que se publique o novo modelo de contrato. 

Os gandeiros reclaman que a industria "deixe de presentar contratos á baixa" e lembra que "non é certo que os prezos se estean recuperando"

O comunicado foi remitido pola OPL, que denuncia que a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, reciba a colectivos "menos representativos no sector lácteo", pero non a eles. Así, xa lle advirten que de non levarse a cabo a xuntanza requirida, as súas accións tamén iran destinadas a que "esa entrevista teña lugar". 

A OPL xa advertira nesta semana, logo de repartir 1.000 litros de leite en Compostela, que o sector regresaría ás mobilizacións. E dixo que serían "máis curtas no tempo pero máis drásticas" e centradas en empresas com Lactalis ou Danone. Agora volve insistir en que "a suba de prezos ao consumidor nos supermercados non repercute en beneficio do gandeiro". "Os gandeiros non son perceptores de axudas como parece que pretenden facer crer desde certos sectores", engaden, ademais de aclarar que "as subvencións non son a solución".

Por outra banda, a Coordinadora Europea Vía Campesiña, na que se inclúe o SLG, vén de enviar unha carta aos ministros europeos que participarán no Consello de Agricultura da UE do vindeiro luns en Bruxelas que se poñan en marcha novas ferramentas públicas para regular o mercado lácteo e "parar a crise no sector". Ademais, denuncia a "presión" da industria e a distribución, o que implica a "desaparición" dun modelo produtivo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"O sector lácteo galego debe investir en I+D para buscar alternativas"

>> Por Luis V.P

"O sector lácteo galego debe investir en I+D para buscar alternativas e produtos que xeren valor engadido". Quen así fala é Daniel Ramón, conselleiro delegado de Biopolis, que hai unhas semanas participou en Compostela nos Bioalmorzos organizados polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga). O tamén director científico desta firma cre que o sector leiteiro galego "pode facer moitísimas cousas á marxe dos produtos clásicos" para xerar valor engadido que repercuta na súa viabilidade e na das explotacións. "Convida ás empresas vinculadas a este sector a que collan o camiño da innovación", insistiu. 

Daniel Ramón, coselleiro delegado de Biopolis, anima a "investir en I+D e buscar alternativas e produtos que xeren valor engadido"

Biopolis, tal e como explica Ramón, baséase na "posibilidade de ofrecer aos clientes solucións aos seus problemas mediante técnicas biotecnolóxicas". Xurdida como unha spin-off do Consello Superior de Investigacións Científicas hai agora 12 anos, moitos dos seus produtos céntranse nos "microorganismos para a industria alimentariae para a industria químico-farmacéutica" e, en xeral, en axudar as compañías a poñer os seus produtos no mercado. 

Así, un dos seus clientes é Central Lechera Asturiana, para quen elabora "un probiótico fronte a celiaquía que se vende en España, EUA e Canadá" e que comezará agora a vanderse en México e China. Porque a súa especialización son "produtos para a industria alimentaria", ademais da "revalorización de residuos a través de microorganismos que producen plástico bioldegradables e alcol a partir de calquera tipo de residuo agroalimentario imaxinable". É a denominada "química verde" que tan útil semellaría para o agro galego e ao sector leiteiro. 

Central Lechera Asturiana

"Pódense facer moitísimas cousas no sector lácteo. Nós traballamos con Central Lechera Asturiana, que é tamén accionista de Biopolis, e colaboramos con outras lácteas de fóra de España. Cremos que se poden facer multitude de cousas que non son só os produtos clásicos", insiste Ramón que, preguntado pola idoneidade de que as empresas leiteiras busquen novas alternativas na innnovación, non o dubida. "Si, absolutamente".