Da RISGA a un contrato precario e, de aí, á nada

Acción da ODS-Coia Dominio Público Praza Pública

O pasado mes de abril, poucas semanas antes das eleccións municipais do 24M, a Xunta executou un plan para que 200 concellos de toda Galicia contratasen ao redor de 1.000 persoas perceptoras da Renda Autonómica de Integración Social (RISGA) durante 7 meses. Os contratos estaban financiados con fondos da UE (unha partida de 10 millóns de euros) e significaban unha achega económica duns 600 euros para cubrir postos de peón de xardinaría, peón de obra pública ou condutor en obras e servizos de interese xeral e de utilidade social, con xornadas laborais equivalentes ao 75% da xornada completa.

Pouco antes das municipais, a Xunta executou un plan para que 200 concellos contratasen ao redor de 1.000 persoas perceptoras da RISGA durante 7 meses

Xa naquel momento entidades coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia denunciaban que o obxectivo do Goberno galego era "eliminar o maior número de persoas que cobran a RISGA", ao redor de 10 mil en toda Galicia. E alertaban de que unha vez rematados estes contratos, as persoas perceptoras ficaban sen dereito a cobrar ningún tipo de prestación, agás un subsidio de 213 euros xestionado desde o servizo público de emprego, "cantidade claramente insuficiente para cubrir as necesidades básicas". Estas persoas perderían mesmo o dereito a cobrar a propia RISGA que viñan recibindo (uns 426 euros mensuais) e veríanse obrigadas a solicitar axudas de emerxencia social "que son escasas e limitadas" e a "comezar de novo o tortuoso camiño de solicitude da RISGA, con numerosas citas nos servizos sociais, control e visitas o domicilio, entrega de abundante documentación e a espera de máis de dez meses da resolución".

En Ferrol, os contratos de 26 persoas finalizarán o vindeiro 3 de decembro, sen dereito a cobrar o paro e, ademais, tendo que agardar entre 6 e 12 meses para poder volver cobrar a RISGA

A maior parte deses contratos, formalizados nos primeiros días de maio, están a piques de rematar, atopándose moitas destas persoas nas situación descritas. En Ferrol, o propio Goberno municipal decidiu tomar a iniciativa para defender os dereitos destas persoas e vén de anunciar que pedirá "explicacións" á Consellaría de Política Social. Na cidade naval, os contratos de 26 persoas finalizarán o vindeiro 3 de decembro, sen dereito a cobrar o paro e, ademais, tendo que agardar entre 6 e 12 meses para poder volver cobrar a RISGA.

Así o denunciaron tanto o alcalde, Jorge Suárez, coma a concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, que criticou a "fraude en que está a consistir a Risga", que definiu como "tapadeira de pobreza". Para Sestayo, atopámonos ante unha "situación arrepiante de exclusión social" e reclamoulle unha actuación inmediata ao conselleiro José Manuel Rey Varela.

Acción da ODS-Coia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.