0 Gardados para despois

Os gandeiros volven á rúa o día 30 para iniciar un boicot ás distribuidoras

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O sector lácteo volverá mobilizarse e xa ten data para retomar as protestas. Será o vindeiro día 30 cando se comece a promover un boicot ás empresas da distribución, principalmente "a aquelas máis agresivas", así como accións ante diferentes cadeas de supermercados para forzar unha mellora no prezo cobrado polos gandeiros e que permanece case inalterable malia os compromisos que acordaran estas compañías e as industrias co Goberno central no acordo lácteo asinado hai dous meses

A Plataforma en Defensa do Lácteo anuncia boicot ás distribudiroas, accións ante os supermercados e unha campaña informativa a partir do día 30

Así o acordou a Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo -que xunta produtores, sindicatos e concellos- logo da reunión mantida este luns e na que se decidiron as mobilizacións ante unha teórica suba dos prezos "que non é tal". O colectivo poñerase en carta a través de cartas coas asociacións das empresas distribuidoras. "Para que coñezan de primeira man que seguimos pendentes de saber se o aumento do importe nos cartóns de lei que trasladaron ao consumidor implicou a industria porque nos gandeiros non repercutiu", indica Óscar Pose, secretario de servizos de Unións Agrarias (UUAA) e un dos asistentes á xuntanza. 

“A suba do prezo do leite só a notou o consumidor, así que alguén está facendo caixa e non son os gandeiros”, insiste Pose que aclara que, de non ter unha resposta satisfactoria ás súas preguntas, entenderán que "a distribución é a primeira culpable", polo que será quen sufra o boicot previsto a partir do luns día 30. Os gandeiros insisten, ademais, en que o Goberno central non fai que o acordo lácteo sexa "de obrigado cumprimento" e os prezos seguen sen subir, agás nalgún minoritario e ridículo caso.

“A suba do prezo do leite só a notou o consumidor, así que alguén está facendo caixa e non son os gandeiros”

Antes de que as novas accións se inicien, a Plataforma ten prevista unha reunión coa nova conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, na que lle pedirán tamén explicacións polo incumprimento do acordo lácteo -que non fora asinado nin por UUAA nin polo SLG- e na que porán enriba da mesa novas medidas para garantir unha recuperación de prezos que non chega mentres varias explotacións seguen a pechar cada mes en Galicia. 

As mobilizacións terán lugar en cadeas de supermercados das grandes cidades e irán acompañadas dun labor informativo de cara á cidadanía. "Debe saber que o consumidor paga máis, un prezo que el mesmo aceptou sempre que repercutise nos gandeiros, algo que non está a pasar", explica Óscar Pose, que anuncia que a campaña irá destinada tamén a que a xente coñeza "de primeira man" a realidade da situación das granxas galegas e dunhas axudas que non son a salvación que algúns pintan. 

O sector aclara que os prezos seguen sen subir malia o aumento do importe nos supermercados e tras o "fallido" acordo lácteo

"Seguimos igual ou peor que antes do acordo fallido e das manifestacións e o consumidor debe sabelo; o adianto da PAC son axudas coas que xa contamos e que os gandeiros teñen contempladas nas súas contas de resultados, mentres que os 300 euros que anunciou o Goberno, que na maioría dos casos son menos cartos, chegaron a quen chegaron", insiste Pose. Refírese ao paque extraordinario de axudas que a propia Xunta recoñeceu que só chegaría á metade das granxas galegas

E que ocorre coas industrias? Desde a Plataforma advirten que, "unha vez que o boicot estea en marcha, terán tamén que dar conta", sobre todo, aclaran, "aquelas que non moveron os prezos, que son a maioría, e as que manteñen novos contratos á baixa ou sen variacións que comprometen os gandeiros ata primavera". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.