25 de novembro: Loito social contra o machismo

CC-BY-SA Praza Pública

Novembro comezou con cifras récord de violencia machista en Galicia. Pouco despois de que milleiros de voces se unisen na marcha estatal contra todas as agresións de xénero, os asasinatos seguiron a golpear. Este 25 de novembro unha manchea de actos lembrarán as mulleres asasinadas, esixirán solucións políticas e condenarán as actitudes machistas que, como veñen lembrando colectivos de vítimas e movementos feministas, van moi alén dos golpes e, ao cabo, matan. E fronte á morte, a sociedade tínguese de loito.

A capital galega tínguese de negro contra a violencia machista

Nalgúns lugares, como Compostela, o lila da loita feminista mesturarase con ese loito polos asasinatos como xeito de condena e, ao tempo, de chamada á reflexión sobre as causas profundas da violencia. Ese mesmo loito é o que, por exemplo, anima a empregar nesta xornada a revista feminista Píkara Magazine.

Os xulgados de violencia de xénero de Vigo, colapsados por falta de medios

As mobilizacións serán xestos de solidariedade, pero tamén de denuncia. Entre elas figurará a do persoal que traballa en primeira liña dunha das frontes de loita contra o maltrato machista, o xudicial. Moitas vítimas, alerta o persoal dos xulgados especializados en violencia de xénero, chegan "con medo", asustadas pola posibilidade de que a Administración de Xustiza non sexa quen de "estar á altura" do que están a sufrir.

Textos de denuncias reais amosan en Pontevedra "o inferno" da violencia machista

Antes de pasar polo xulgado, as máis das veces as mulleres que deciden interpoñer unha denuncia contra o home que as está a maltratar teñen que pasar pola Comisaría ou por outra dependencia policial. Alí as vítimas describen un verdadeiro "inferno", o mesmo que queda reflectido nos textos das denuncias que este 25 de novembro ilustran a campaña institucional do Concello de Pontevedra.

"Non hai interese real en acabar coa violencia de xénero"

A denuncia, advirten organizacións como a Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo, non é o punto final da espiral da violencia. Despois ven todo un percorrido no que as mulleres que a sofren precisan un apoio que non sempre atopan. "Fálase moito, sácanse leis, prométense moitas cousas, pero a realidade é que as mulleres contan con moi poucos recursos. Son parches, nada máis que parches que non serven para nada", afirman.

Vídeos contra a violencia machista

Os actos programados en torno ao 25 de novembro teñen moito de mobilización, pero tamén de reflexión e creatividade para atopar novos xeitos de atallar as condutas machistas. Neste ámbito traballaron dúas institucións públicas, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, que con senllas montaxes audiovisuais procuran que toda a sociedade lle faga fronte ao machismo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.